Polafías
Asociación de escritoras e escritores en lingua galega

Que son as polafías?

Unha aposta da AELG a prol da literatura galega de tradición oral.

As polafías son un proxecto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo Vogalía de Literatura de Tradición Oral (Antonio Reigosa e Lois Pérez), Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.

A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,...) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.

O formato das polafías require a presenza dun/ha mantedor/a, divulgador/a ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor/a de feitío popular; dun/ha músico/a, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores...etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles/as son os/as auténticos/as protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.

O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.

Colaboraron na organización

  1. Asociación Cultural e Ecoloxista “Verbo Xido”

  2. Calros Solla

  3. Concello de Cerdedo.

Agradecementos

  1. Antón Castro, Manuela Cortizo

  2. José Cortizo

  3. Sinda Álvarez

  4. Pura Lavandeira

  5. Pandeireteiras de Barro de Arén

  6. Os Abrentes de Cerdedo

  7. Rubén Troitiño

  8. Tear de Llerena

  9. Marcelino Sieiro.

Patrocinador

  1. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural

  2. Consellería de Cultura

  3. Xunta de Galicia.

Coordinou

  1. Antonio Reigosa (vogal responsable da Sección de Literatura de Tradición Oral)

*Neste apartado soamente compartiremos os vídeos relacionados coa música.

PANDEIRETEIRAS DE BARRO DE ARÉN

Dime, a dónde vas

  • Polafía: Cerdedo (Pontevedra)

  • Lugar: Antiga Cámara Agraria

  • Data: 1 de decembro de 2007

  • Informante/Intérprete: Pandeireteiras de Barro de Arén

  • Xénero: Xota

  • Clasificación tipolóxica: Cántiga de baile

  • Gravado por: Ollo de vidro

  • Editado por: e~xenio

Texto de presentación

Pandeireteiras de Barro de Arén: Manuela Cortizo "Manuela de Barro", Xosé Cortizo "Xosé da Fonte", Alsira López, Clarita Ruzo, Marcelino Sieiro e Sita Álvarez.

Texto transcrito

Cerdediño prós amores,
Cerdediño prós amores,
a fonte na carretera,
San Juan no medio das torres.

- Dime, ¿a dónde vas,
Morenita, Morena?
- Voy por agua a serenar
a la Fuente de la Peña.
- Dime, ¿a dónde vas,
Morenita, Morena?

Esta noite hei de ir alá,
meniña, non teñas medo,
coa punta da navalla
heille dar ó tarabelo.

- Dime, ¿a dónde vas,
Morenita, Morena?
- Voy por agua a serenar
a la Fuente de la Peña.
- Dime, ¿a dónde vas,
Morenita, Morena?

Carballás está no alto,
Meilide, ramo de palma,
Cerdedo da miña vida,
Barriño da miña alma.

- Dime, ¿a dónde vas,
Morenita, Morena?
- Voy por agua a serenar
a la Fuente de la Peña.
- Dime, ¿a dónde vas,
Morenita, Morena?

Autora da transcrición: Estefanía Mosquera Castro

Comentarios

Trátase dunha melodía típicamente leonesa. Na Maragatería hai unha interesante versión moi coincidente, aínda que a que cantan as cantadoras de Barro de Arén está adaptada ao estilo das pandereteiras daquela Terra de Montes. Tivo algo que ver nisto a emigracion maragata que había en Soutelo de Montes a principios do XX?, todo é posible. A adaptación ao estilo da zona nótase no xeito de cantar, cunha ornamentación vocal propia de alí, e no toque da pandeireta, que dá uns cortes entre os ciclos melódicos moi útiles para os bailadores.

Asesor musical: Juanjo Fernández

Muiñeira de Rebordelo

  • Polafía: Cerdedo (Pontevedra)

  • Lugar: Antiga Cámara Agraria

  • Data: 1 de decembro de 2007

  • Informante/Intérprete: Pandeireteiras de Barro de Arén

  • Xénero: Muiñeira

  • Clasificación tipolóxica: Cántiga de baile

  • Gravado por: Ollo de Vidro

  • Editado por: e~xenio

Texto de presentación

Pandeireteiras de Barro de Arén: Manuela Cortizo "Manuela de Barro", Xosé Cortizo "Xosé da Fonte", Alsira López, Clarita Ruzo, Marcelino Sieiro e Sita Álvarez.

Texto transcrito

A subila e a baixala,
a costa de Rebordelo,
a subila e a baixala
perdín a cinta do pelo.
a subila e a baixala
perdín a cinta do pelo.

Ai lalala, lalalala
Ai lalala, lalalala
Ai lalala, lalalala
Ai lalala, lalalá, lalalá!

Eu sei apañar no toxo,
tamén o sei encarrar,
tamén sei tomar amores,
tamén os sei olvidar.
tamén sei tomar amores,
tamén os sei olvidar.

Ai lalala, lalalala
Ai lalala, lalalala
Ai lalala, lalalala
Ai lalala, lalalá, lalalá!

Canta, cuco, canta, cuco
na rabela do arado,
os homes entre as mulleres
éche gando mal gardado.
os homes entre as mulleres
éche gando mal gardado.

Ai lalala, lalalala
Ai lalala, lalalala
Ai lalala, lalalala
Ai lalala, lalalá, lalalá!

Barriño para cantar,
Barriño para cantar,
anque non sea moi alto
sabémolo adoneirar.

Na costa de Rebordelo
ó meu irmán caéulle o pelo
pola perna, morreu pendello
na servilleta, pon a pota ó lume, cachaná.

Na costa de Rebordelo
ó meu irmán caéulle o pelo
pola perna, morreu pendello
na servilleta, pon a pota ó lume, cachaná.

Autora da transcrición: Estefanía Mosquera Castro

Comentarios

Podiamos dicir que é unha muiñeira clásica de canto e pandeireta aínda que a interpretación sae algo do habitual polos intermedios que ten entre os primeiros versos. Inclúe un refrán de versos baleiros ao estilo do xénero aínda que, ao final, cámbiano por un curioso xogo de palabras engadido nunha época recente.

Asesor musical: Juanjo Fernández

Teño unha morena

  • Polafía: Cerdedo (Pontevedra)

  • Lugar: Antiga Cámara Agraria

  • Data: 1 de decembro de 2007

  • Informante/Intérprete: Pandeireteiras de Barro de Arén

  • Xénero: Xota

  • Clasificación tipolóxica: Cántiga de baile

  • Gravado por: Ollo de vidro

  • Editado por: e~xenio

Texto de presentación

Pandeireteiras de Barro de Arén: Manuela Cortizo "Manuela de Barro", Xosé Cortizo "Xosé da Fonte", Alsira López, Clarita Ruzo, Marcelino Sieiro e Sita Álvarez.

Texto transcrito

Estreliña do luceiro
e mai-la da claridá
vaise o día, vense a noite,
vaise a miña mocedá.
vaise o día, vense a noite,
vaise a miña mocedá.

Teño unha morena (1)
alá en Dacón,
outra en Maside,
outra no Torrón,
outra no Torrón,
outra no Torrón
e a do Carballiño
non dixo que non.

Debaixo da túa casa
tres arboliños plantei:
un olivo, un romeiro
un jamás te olvidarei.
un olivo, un romeiro
un jamás te olvidarei.

Teño unha morena
alá en Dacón,
outra en Maside,
outra no Torrón,
outra no Torrón,
outra no Torrón
e a do Carballiño
non dixo que non.

Canta, miña compañeira,
canta, miña compañeira,
que te teño de axudar
de casada e de solteira.
que te teño de axudar
de casada e de solteira.

Teño unha morena
alá en Dacón,
outra en Maside,
outra no Torrón,
outra no Torrón,
outra no Torrón
e a do Carballiño
non dixo que non.

Notas do asesor musical: Juanjo Fernández

(1).-Teño unha morena é un título máis apropiado que Estreliña do luceiro. O refrán é inseparable da cántiga, as coplas circunstanciais.

Autora da transcrición: Estefanía Mosquera Castro

Comentarios

Non cantan a que é, se cadra, a máis representativa, aquela fermosa copla de “Fun ao viño a Ribadavia …”, tal vez porque xa a teñen incluída en Canto de arrieiro. É unha mágoa porque esa é, precisamente, a que máis lle gustaba cantar a Avelino Cachafeiro, Gaiteiro de Soutelo. Posiblemente foi el o difusor desta cántiga pola zona, Os Diplomáticos do Acordeón tomárona del e gravárona en 1999. Lembremos que Cachafeiro estaba moi vinculado ao folclorismo da súa época (décadas dos 20 e 30 do XX) e debía de coñecer moitas deste tipo de cántigas, habituais no repertorio dos Coros Galegos (1). O feito de interpretala as cantadoras de Barro de Arén lenta e sen acompañamento percusivo semella reforzar esta idea.

Asesor musical: Juanjo Fernández

Dolor de la Virgen en el portal de Belén

  • Polafía: Cerdedo (Pontevedra)

  • Lugar: Antiga Cámara Agraria

  • Data: 1 de decembro de 2007

  • Informante/Intérprete: Pandeireteiras de Barro de Arén

  • Xénero: Romance

  • Clasificación tipolóxica: Romance relixioso. Cántiga narrativa novelada de temática relixiosa

  • Gravado por: Ollo de Vidro

  • Editado por: e~xenio

Pandeireteiras de Barro de Arén: Manuela Cortizo "Manuela de Barro", Xosé Cortizo "Xosé da Fonte", Alsira López, Clarita Ruzo, Marcelino Sieiro e Sita Álvarez.

Texto transcrito

En el portal de Belén, ciudad de Galilea,
donde la virgen parió una relumbrante estrella.
Vino por allí San Juan, la bendita Madalena,
también vino San José, palabra de amor le dieran.
- Cómo estás, Virgen, del parto?, cómo estás, Virgen, doncella?
- Estoy buena, San José, no dejo de tener pena,
por ser el hijo de Dios, nació en tanta pobreza
sin tener en que le envuelvan sino de una poca hierba.
La mula se la comió, en su vientre se la lleva,
nunca ella hijos paira ni cosa de ella recienda.
- Irás al monte Calvario que allí hay una escalera
cun letrerito que dice: rey de los cielos y tierra.
Aquí murió Jesucristo, rey de los cielos y tierra,
no murió por sus pecados ni por culpas que tuviera,
murió por los pecadores, que tantos n'el mundo hubiera

Autora da transcrición: Estefanía Mosquera Castro

Comentarios

Este romance aparece en Romanceiro Xeral de Galicia Vol I de Ana Valenciano, co título xenérico de Dolor de la Virgen en el Portal de Belén, onde hai unha versión con algunhas variantes. A sinxeleza da melodía podería indicar que é unha cántiga moi vella, propia deste tipo de romances clásicos. A reducida adaptación á lingua galega deste tipo de cántigas xustifícase ás veces con que aparecían en diversos textos, tanto eclesiásticos como profanos, onde eran aprendidas polos propios cantadores, sen dar lugar a demasiadas transformacións.

Asesor musical: Juanjo Fernández

En el portal de Belén

  • Polafía: Cerdedo (Pontevedra)

  • Lugar: Antiga Cámara Agraria

  • Data: 1 de decembro de 2007

  • Informante/Intérprete: Pandeireteiras de Barro de Arén

  • Xénero: Vilancico

  • Gravado por: Ollo de Vidro

  • Editado por: e~xenio

Texto transcrito

En el Portal de Belén
nació un hermoso niño
y un ángel bajó diciendo
que era el rey de los judíos.
y un ángel bajó diciendo
que era el rey de los judíos.

En el portal de Belén
del cielo cuelga una escada,
para vesitar al niño
ángeles suben y bajan.
para vesitar al niño
ángeles suben y bajan.

Vinieron los Reyes Magos
cansados de caminar
abandonan sus caballos
al niño van adorar.
abandonan sus caballos
al niño van adorar.

Os pastores en Belén
foron ó monte por leña,
para quentar ó neniño
que naceu a “Nochebuena”.
para quentar ó neniño
que naceu a “Nochebuena”.

Os pastores, que superon
que o neno quería festa,
hubo pastor que rompeu
e
cen pares de castañetas.
hubo pastor que rompeu
e
cen pares de castañetas.

Esas uvas, esas pasas,
ese mel, esas castañas
son para lle dar ó neno
que está deitado nas pallas.
son para lle dar ó neno
que está deitado nas pallas.

Eu tamén digo que vivan
eu tamén digo que vivan
os señores desta casa
e mai-la súa familia.
os señores desta casa
e mai-la súa familia.

Autora da transcrición: Estefanía Mosquera Castro

Comentarios

Dorothé Schubarth en Cancioneiro Popular Galego Vol. II clasificou este tipo de melodías de nadal segundo varios criterios en tres grupos: Nadal, Reis e Vilancicos. Estas últimas teñen menos arraigo popular e, escribe a musicóloga, gardan certa afinidade coa muiñeira nova. Outro asunto son as circunstancias en que os cantadores interpretaban estas cántigas, case sempre formando parte do repertorio dos ranchos ou cuadrillas de reis.

Os vilancicos, nacen a principios da época barroca como composicións cantadas, integradas en obras máis extensas e postas en boca de xentes modestas, pastores, labregos, etc., viláns, en definitiva, de onde procede a denominación. Na vinculación ao nadal dos vilancicos e na súa popularización durante toda a época barroca tiveron moito que ver os mestres de capela, especialmente das grandes catedrais españolas, que os incluían nas composicións que estreaban no nadal, unha das datas máis importantes do calendario cristián.

Neste caso, tratándose dun cantar narrativo, non segue un encadeamento argumental claro, estando composto por coplas inconexas que, iso si, xiran ao redor do nacemento de Xesús. Como curiosidades, cómpre destacarmos do texto que as tres primeiras coplas teñen un castelán bo e as catro que seguen un galego tamén bo, sen que haxa demasiada mestura de ambas as linguas. Da música é necesario salientar que os dous primeiros versos de cada copla teñen métrica ternaria e os dous últimos, os que se repiten, métrica binaria; diríase cun carácter escenográfico, composto para diferentes grupos de cantadores aínda que Manuela Cortizo non recorda tal circunstancia.

Asesor musical: Juanjo Fernández

Himno de Barro

  • Polafía: Cerdedo (Pontevedra)

  • Lugar: Antiga Cámara Agraria

  • Data: 1 de decembro de 2007

  • Informante/Intérprete: Pandeireteiras de Barro de Arén

  • Xénero: Valse

  • Clasificación tipolóxica: Cántiga de baile

  • Gravado por: Ollo de vidro

  • Editado por: e~xenio

Texto de presentación

Autor da letra e da música: José Cortizo.

Pandeireteiras de Barro de Arén: Manuela Cortizo "Manuela de Barro", Xosé Cortizo "Xosé da Fonte", Alsira López, Clarita Ruzo, Marcelino Sieiro e Sita Álvarez.

Texto transcrito

Viña baixando do monte, trun trun,
viña baixando do monte, trun trun,
polo camiño do carro, laralará
ai lala laralará ai la,
ó chegar a Penagrande, trun trun,
ó chegar a Penagrande, trun trun,
xa vía o lugar de Barro, laralará
ai lala laralará ai la.

Outeiros de Penagrande,trun trun
Outeiros de Penagrande,trun trun
sempre coa vista posta, laralará
ai lala laralará ai la.
Nese lugar tan bonito, trun trun
nese lugar tan bonito, trun trun
que está no fondo da costa, laralará
ai lala laralará ai la.

Moi preto das nosas casas, trun trun
Moi preto das nosas casas, trun trun
témo-lo muíño pequeno, laralará
ai lala laralará ai la.
co seu tellado de pedra, trun trun
co seu tellado de pedra, trun trun
e o seu corpiño de neno, laralará
ai lala laralará ai la.

Dentro da nosa capela,trun trun
Dentro da nosa capela, trun trun
temos o noso santiño,laralará
ai lala laralará ai la.
coa espada levantada,trun trun
coa espada levantada, trun trun
vainos marcando o camiño, laralará
ai lala laralará ai la.

Autora da transcrición: Estefanía Mosquera Castro

Comentarios

A cántiga ten unha forma curiosa pola cantidade de apéndices textuais ao final de cada verso, a xeito de romance infantil clásico, pero eses ritardandos ao final das segundas frases musicais danlle un aire coral, case tabernario, de mediados do XX. O texto non parece ser moi vello nin moi tradicional senón, máis ben, composición de algún namorado do lugar de Barro en época máis ou menos recente. Á hora de optarmos por unha clasificación xenérica hai que acudir ao ritmo que se aprecia, que é o de valse, como se di na zona, aínda que se nota que está desvinculada do baile.

Asesor musical: Juanjo Fernández

MANUELA CORTIZO MEDAL
MANUELA DE BARRO | MANUELA DAS MARIANAS

O cantar do arrieiro

  • Polafía: Cerdedo (Pontevedra)

  • Lugar: Antiga Cámara Agraria

  • Data: 1 de decembro de 2007

  • Informante/Intérprete: Manuela Cortizo Medal

  • Idade no momento da gravación: 77 anos

  • Xénero: Canto de arrieiro

  • Clasificación tipolóxica: Alalá relacionado co oficio do arreo

  • Gravado por: Ollo de Vidro

  • Editado por: e~xenio

Texto transcrito

O cantar do arrieiro
é un cantar mui baixiño,
cántano en Ribadavia,
resona no Carballiño.

Ai, ruíña,
ai, ruada,
vinde mozos
e vellos á fuliada.

Fun ó viño ó Ribeiro
e pasei pola Almuzara
e no alto de Soutelo
bateum'a neve na cara.

Ai, ruíña,
ai, ruada,
vinde mozos
e vellos á fuliada.

Arrieiro da Murada,
vai polo Paraño arriba,
mociñas de Vilapouca,
téndell'a carne cocida.

Autora da transcrición: Estefanía Mosquera Castro

Comentarios

Estas cántigas tan pouco ritmadas, con temática literaria relacionada co arreo, foron clasificadas desde vello por autores como Marcial del Adalid, Espinosa ou Casto Sampedro, como cantos de arrieiro. Musicalmente forman parte dun xeito vocal hispánico moi arcáico que ten xéneros por toda a península.

En Andalucía hai varios aínda que están moi redondeados pola intervención permanente da guitarra. En Asturias está a denominada tonada asturiana. A primeira catalogación que coñecemos deste tipo de cántigas en Galicia é a que fixo Manuel Murguía en Historia de Galicia, 1.847, chamándoas alalás, seguramente pola frecuencia con que se daban versos baleiros do tipo “a la la la …”

A esta interpretación nótaselle unha influencia discográfica porque os cantos orixinais estaban integrados por unha única estrofa, rematada, iso si, por refráns semellantes ao que nos ocupa agora. Ás veces, como xa se apuntaba, estes refráns incluían versos baleiros se é que non aparecían xa nas repeticións dos versos da estrofa.

Desde a aparición dos Coros Galegos (Aires da Terra de Pontevedra en 1.887, Toxos e froles de Ferrol en 1.917, De Ruada de Ourense en 1.919, etc.) estes cantos foron un obxectivo codiciado e as edicións discográficas incluíanos moitas veces, agrupados en dous ou tres, interpretados polos magníficos solistas que tiveron todas estas formacións. Pode criticarse o intervencionismo daquelas agrupacións folclóricas no repertorio tradicional pero, sen elas, tal vez cántigas coma estas terían xa desaparecido.

Asesor musical: Juanjo Fernández

O pretendente

  • Polafía: Cerdedo (Pontevedra)

  • Lugar: Antiga Cámara Agraria

  • Data: 1 de decembro de 2007

  • Informante/Intérprete: Manuela Cortizo Medal

  • Idade no momento da gravación: 77 anos

  • Xénero: Parrafeo

  • Clasificación tipolóxica: Cántiga narrativa dialogada

  • Gravado por: Ollo de Vidro

  • Editado por: e~xenio

Texto de presentación

Interpretan Manuela Cortizo acompañada de Guillerme Ignacio Costa.

Texto transcrito

-Boas tardes, Maruxiña,
vouche decir unha cousa,
se ti me queres a min
e
eu non me caso con outra.

-Que te quero, ben o sabes,
non precisas preguntar,
hai un ano que che dixen
que me quería casar.

-[Ti] tomaralo de risa
pero díghocho de veras
que ando buscando muller
e non topo quen me queira.

-Pois si ningunha te quere
será porque tu eres malo
ou porque che teñen medo
que non cumplas co traballo.

-Eu por malo non me teño
e menos por folghazán,
solamente que as rapazas
dinme que son un larchán.

-Se cho dicen non se engañan
porque tu eres un bagullas,
andas xogando con todas
e non cumples con ningunha.

-Non te fíes, Maruxiña,
eu pra ti hei ser formal,
dáme un bico, Maruxiña,
non me faghas rabear.

-Se que[re]s que che dea o bico
lévame xunto o altar
que despois, de casadiños,
bicos non che han de faltar.

-Por un bico que che pido
xa te pos tan enfadada,
que farás se che pedira
o que tes baixo da saia.

-Teño xuramento feito,
mentras estea solteira,
que nin ti ningún lambón
me ha ver a chocolateira.

-Pois eu teño que cha ver,
senón non caso contigho,
porque tamén podes ter
alghún defeuto escondido.

-Vaite de aí ghalupín,
boca de cadelo mouro,
que xa non te quero máis
aunque te coronen d'ouro.

-Pois eu tampouco te quero,
ollos de ghata mamada,
que te tes por moita cousa
e pra min non vales nada.

-Se che dera o que ti queres
sería boa rapaza
pero, como non son tonta,
busca outra que cho faga.

O mozo marchou correndo,
a moza quedou decindo:
- Esta saleuche torcida
e vaia o demo contigo.

Autora da transcrición: Estefanía Mosquera Castro

Comentarios

Este tipo de cántigas narrativas, que tratan da conversa entre un mozo e unha moza, coñécense de vello como parrafeos. Tiveron unha dilatada época de moda a mediados do século XX, difundidas por cantadores populares coma os cegos. Eles interpretábanas e vendíanas impresas nas coñecidas popularmente como título.

Apréciase unha trama ben tecida, con gran sentido literario e habilidade para estractar o argumento,dotándoa dun humor popular con picardías ao gusto da época. A autoría destas cántigas, permeneceu sempre no anonimato pero sábese que insignes literatos, como Álvaro Cunqueiro, prestábanse a compoñer pequenas obras así para os cegos das súas zonas respectivas.

Asesor musical: Juanjo Fernández

Santa Helena

  • Polafía: Cerdedo (Pontevedra)

  • Lugar: Antiga Cámara Agraria

  • Data: 1 de decembro de 2007

  • Informante/Intérprete: Manuela Cortizo Medal

  • Idade no momento da gravación: 77 anos

  • Xénero: Romance

  • Clasificación tipolóxica: Romance clásico. Cántiga narrativa novelada histórica

  • Gravado por: Ollo de Vidro

  • Editado por: e~xenio

Texto de presentación

Acompaña coa zanfona Guillerme Ignacio Costa.

Texto transcrito

Estando bordando na miña corbata
con aghullas de ouro dedales de plata.
Veu un cabaleiro pidindo pousada.
- Se os meus pais queren, eu de linda gana.
Puxéronlle a mesa no medio da sala
con cuchillos de ouro, cubiertos de plata.
Puxéronlle a cama nun rincón da sala
con colchóns de seda, sabenas de Holanda.
Pola media noite, el se levantou
e das tres irmás Helena levou.
- Di como te chamas, miña enamorada
- Na miña casa, Helena, aquí, Desgraciada.
Sacou puñal de ouro, alí a matou.
Fixo unha gloriña, alí a enterrou.
E ós sete anos por alí volveu
pastorciños novos no sitio encontrou.
- Pastorciños novos, que gardais aí?
- Gardamos a Helena que mataches ti.
- Miña enamorada, meu amor primeiro,
que sempre te trouxen ó lado dereito.
- Sácate de diante, ladrón, carniceiro
que do meu pescozo fixeches alleiro.
- Adiós, padre, madre, hermanos devotos,
que eu voume pra o ceo rogar por vosoutros.

Autor/a da transcrición: Estefanía Mosquera Castro

Comentarios

Este romance é titulado Santa Irene por Ana Valenciano en Romanceiro Xeral de Galicia Vol I. Trátase dun romance clásico castelán do que a adaptación á lingua galega non semella casual ou espontánea senón premeditada, sen que se poidan achegar moitos datos de tal intervención.

Asesor musical: Juanjo Fernández

JOSÉ CORTIZO MARTÍNEZ

Carmela e Pepiño

  • Polafía: Cerdedo (Pontevedra)

  • Lugar: Antiga Cámara Agraria

  • Data: 1 de decembro de 2007

  • Informante/Intérprete: José Cortizo

  • Idade no momento da gravación: 82 anos

  • Xénero: Poesía popular

  • Gravado por: Ollo de Vidro

Texto transcrito

En Barro hai uns personajes que era Carmela, unha moza moi guapa i un rapaz, un Pepiño, este rapaz...era mozo tamén, moi boa persona, non cabía duda ningunha, pero donde había unha muller alí estaba Pepiño. Entonces a Carmela e mais Pepiño pois... i os demais mozos, claro, tiñan celos del e tal, e baixa Carmela unha vez po muíño, e un dos mozos veuna, e púxose ela, e dice:

Vinte entrar no muíño
e tíña-la porta pechada
e non estabas moendo,
algo alí esperabas.

Correrías daba Pepiño
coa súa caña pescando,
Era Pepiño coa súa caña pescando.

Dixo que pescaba troitas,
eu non lle vin ningunha
e pola noite me dixo
que solo pescara unha.

Chegou á casa e díxolle a nai:
-Pero ti..?
Estaba a tarde chuviosa
e metina dentro do muíño,
estaba a tarde chuviosa
e metinme dentro do muíño.

Ao cabo de pouco tempo
a Carmeliña choraba,
notaba que pouco a pouco
a barriga se lle inchaba.

O día de San Antonio
naceu aquí o rapaciño,
i a Carmela moi contenta
foino bautizar ao muíño.

Esa é a historia de Pepiño.

Autora da transcrición: Estefanía Mosquera Castro

OS BUCIOS

  • Polafía: Cerdedo (Pontevedra)

  • Lugar: Antiga Cámara Agraria

  • Data: 1 de decembro de 2007

  • Informante/Intérprete: Marcelino Sieiro

  • Idade no momento da gravación: 64 anos

  • Xénero: Sen especificar

Texto de presentación

Explicación e mostra do uso dos bucios.

Texto transcrito

Esto é o que se usaba antiguamente cuando había / que os pueblos tiñan que reunirse pa facer algúns traballos de, de comunidá, pois pa empresas, pa limpiar camiños, e incluso pa....había cuando había rebaños nos pueblos pois e...incluso ao mellor un veciño era o que coidaba todo o rebaño de ovellas ou vacas e entón tocaban tamén o bucio pa avisar de que vaian botando os animales fóra que o pastor os recollería.

Despois tamén se usaba pois pa...incluso pa ruadas, pa chamar á xente de donde había unha ruada e esto sona desta forma. Aquí hai dous, o sea según o tamaño sona de diferente maneira.

Autora da transcrición: Estefanía Mosquera Castro

RUBÉN TROITIÑO - GAITA DE RAMÓN JOSÉ LAVANDEIRA LIMERES

Pasodobre

  • Polafía: Cerdedo (Pontevedra)

  • Lugar: Antiga Cámara Agraria

  • Data: 1 de decembro de 2007

  • Informante/Intérprete: Rubén Troitiño

  • Idade no momento da gravación: 21 anos

  • Xénero: Pasodobre

  • Clasificación tipolóxica: Peza instrumental de baile

  • Gravado por: Ollo de Vidro

  • Editado por: e~xenio

Comentarios

Outra interesante peza interpretada por Rubén Troitiño coa gaita do seu tatarabó. Rubén aprendeuna do gaiteiro Jesús Campos, de Chamosa (Forcarei), e procede do repertorio do desaparecido Adelino Pichel, Gaiteiro de Sorribas (Forcarei).

Asesor musical: Juanjo Fernández

Muiñeira (Forcarei)

  • Polafía: Cerdedo (Pontevedra)

  • Lugar: Antiga Cámara Agraria

  • Data: 1 de decembro de 2007

  • Informante/Intérprete: Rubén Troitiño

  • Idade no momento da gravación: 21 anos

  • Xénero: Muiñeira

  • Clasificación tipolóxica: Peza instrumental de baile

  • Gravado por: Ollo de Vidro

  • Editado por: e~xenio

Comentarios

É unha interesante peza composta por tópicos melódicos gaiteiros, fresca e alegre. Aparece no Cancionero Musical de Galicia de Casto Sampedro y Folgar (Ed. Fundación Barrié de La Maza, 1.982, reedición facsimile da edición de 1.942), vulgarmente chamado Cancionero de Casto Sampedro, onde di proceder de Forcarei.

Está moi ben interpretada por Rubén Troitiño que se serve da gaita tumbal que conserva do seu antepasado, Ramón José Lavandeira (1.859-1.932), feita no taller de Riobó (A Estrada). Nesas gaitas tan antigas a dixitación a empregar é a pechada, cousa que Rubén demostra ter estudiado.

Asesor musical: Juanjo Fernández

OS ABRENTES DE CERDEDO

Muiñeira de Rubiás

  • Polafía: Cerdedo (Pontevedra)

  • Lugar: Antiga Cámara Agraria

  • Data: 1 de decembro de 2007

  • Informante/Intérprete: Os Abrentes de Cerdedo

  • Xénero: Muiñeira

  • Clasificación tipolóxica: Peza instrumental de baile

  • Gravado por: Ollo de Vidro

  • Editado por: e~xenio

Comentarios

A primeira versión coñecida desta peza foi gravada en Ourense polos gaiteiros Faustino Santalices e Modesto Sánchez en 1.928 coa agrupación De Ruada para a discográfica Regal. Naquela sesión coincidiron cos Gaiteiros de Soutelo, que acudiron a rexistrar (como se dicía na época) as 12 únicas pezas que o histórico conxunto deixou gravadas. Hai varios en Galicia pero o Rubiás do título debe de ser ese lugar de Ramirás, concello que hai preto da Celanova en que estudou Santalices.

A versión que tocan Os Abrentes de Cerdedo, polas características, procede do repertorio de Os Diplomáticos do Acordeón, que tamén a gravaron en 1.999, no seu primeiro disco. A difusión da peza pola zona débese aos Gaiteiros de Soutelo que a interpretaban con frecuencia e que a trasmitiron aos seus sobriños, integrantes dos Diplomáticos. Os Soutelo, se cadra, aprendérona naquela sesión de gravación mencionada antes, mais titulábana Muiñeira de Ourense, seguramente descoñecedores do título con que saíu publicada e adoptando, como é habitual, un topónimo de referencia. En calquera dos casos é unha peza moi coñecida no resto de Galicia pola difusión que tivo o disco de Santalices e Sánchez.

Asesor musical: Juanjo Fernández

Pasodobre de San Roque

  • Polafía: Cerdedo (Pontevedra)

  • Lugar: Antiga Cámara Agraria

  • Data: 1 de decembro de 2007

  • Informante/Intérprete: Os Abrentes de Cerdedo

  • Xénero: Pasodobre

  • Clasificación tipolóxica: Peza instrumental de baile

  • Gravado por: Ollo de Vidro

  • Editado por: e~xenio

Comentarios

Esta peza gravárona por primeira vez os Morenos de Lavadores en 1970 para a discográfica Marfer aínda que a levaban tocando varias décadas. A versión que tocan os Abrentes de Cerdedo vén sendo coincidente coa versión dos Irmáns Portela que tamén a gravaron en 1977 para Ediciones Olimpo e que é a máis famosa.

Asesor musical: Juanjo Fernández

SINDA ÁLVAREZ CORTIZO

Chucurruchú

  • Polafía: Cerdedo (Pontevedra)

  • Lugar: Antiga Cámara Agraria

  • Data: 1 de decembro de 2007

  • Informante/Intérprete: Sinda Álvarez

  • Idade no momento da gravación: 57 anos

  • Xénero: Conto

  • Gravado por: Ollo de Vidro

Texto transcrito

Chucurruchú pa onde vas vella, chucurruchú por aquel carreiro,
chucurruchú que vas buscar, chucurruchú unha carta de sal,
chucurruchú pa que quére-lo sal, chucurruchú pa face-lo caldo,
chucurruchú pa que quere-lo caldo, chucurruchú pa lle dar ás vellas,
chucurruchú pa que quére-las vellas, chucurruchú pa que sachen o millo,
chucurruchú pa que quére-lo millo, chucurruchú pa lle darlle ás pitas.
chucurruchú pa que quére-las pitas, chucurruchú pa lle/que poñan os ovos,
chucurruchú pa que quére-los ovos, chucurruchú pa lle dar ao cura,
chucurruchú pa que quére-lo cura, chucurruchú pa que digha a misa,
chucurruchú pa que quére-la misa, chucurruchú pa que me leve ao ceo.

Autora da transcrición: Estefanía Mosquera Castro

ANTÓN CASTRO

A casadiña infiel

  • Polafía: Cerdedo (Pontevedra)

  • Lugar: Antiga Cámara Agraria

  • Data: 1 de decembro de 2007

  • Informante/Intérprete: Antón Castro

  • Idade no momento da gravación: 52 anos

  • Xénero: Romance

  • Clasificación tipolóxica: Cántiga narrativa novelada

  • Gravado por: Ollo de Vidro

  • Editado por: e~xenio

Comentarios

Romance que Ana Valenciano titula La adúltera con “gato” en Romanceiro Xeral de Galicia Vol I, por ser este animal a excusa da muller adúltera, na versión que ela inclúe. É un interesante romance clásico galego con moitas versións no noso territorio, especialmente na provincia de Lugo, de onde parece proceder esta. Nesta ocasión preséntase algo reducida pero nalgunhas outras, antes de o home advertir o adulterio co cura ou fraile, o texto vai repasando unha por unha varias prendas extrañas que o home atopa na alcoba, no percheiro, etc. A muller vai respondendo que son agasallos do seu sogro, do seu cuñado, etc., até o punto de que xa non pode negar o adulterio.

Asesor musical: Juanjo Fernández

Artigos relacionados