Gustaríache colaborar neste proxecto?
O principal obxectivo desta charla é redescubrir a historia do grupo Os Gaiteiros de Soutelo a través da recopilación e análise de documentación. Para iso, poderemos ver documentos orixinais, coma revistas da época, os discos de pizarra cos seus catálogos impresos ou mesmo algún dos punteiros que empregaban.
Ademais, recopilouse unha serie de fotografías inéditas e outros datos históricos que chegaron ata os nosos días, co fin de ofrecer unha nova visión da historia do cuarteto e a súa relevancia dentro da música galega. Préstase especial atención á figura de Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo, quen tivo un papel fundamental dentro desta formación.
A través da exploración da historia desta agrupación, espérase que os asistentes poidan apreciar e valorar aínda máis o traballo realizado e o seu legado musical e histórico.
Esta charla foi presentada en diversos encontros culturais, destacando os seguintes eventos:
XLII Festa do Gaiteiro de Soutelo (21 de agosto de 2021)
III Xornadas da Gaita - Asociación de Gaiteiros Galegos (23 de outubro de 2022)
Museo de Pontevedra (27 de xuño de 2024)
Co gallo do centenario do nomeamento de Avelino Cachafeiro como mellor gaiteiro de Galicia (1924-2024), desenvolveuse unha nova edición da charla cun enfoque especial na súa figura. O Consello da Cultura Galega acolleu no Pazo de Raxoi unha xornada que conectou dúas figuras fundamentais na configuración da identidade cultural galega: Avelino Cachafeiro Bugallo, o "Gaiteiro de Soutelo", e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, intelectual galeguista e artista. O acto enmarcouse no 75º cabodano de Castelao e no centenario do recoñecemento de Avelino como o mellor gaiteiro de Galicia, resaltando así a importancia do seu legado na cultura galega.
Esta versión da charla foi presentada en:
Programa "Lume na palleira" de Radio Galega Música (12 de xaneiro de 2025)
Consello da Cultura Galega - Acto enmarcado no 75º cabodano de Castelao (16 de xaneiro de 2025)
Compartindo mesa con Juan Bautista Alberte, sobriño e voceiro do legado de Avelino Cachafeiro e Xosé Manoel Rivas Troitiño, autor do libro O Gaiteiro de Soutelo.