A. C. Os Abrentes de Cerdedo

O grupo de música tradicional Os Abrentes de Cerdedo naceu a partir dunha idea municipal. Fundouse no ano 1994. Isto dou lugar a unha asociación cultural, Os Arxinas, que comprendía grupo de baile, e o grupo tradicional de gaitas, Os Abrentes. Co paso do tempo desfíxose a Asociación Cultural Arxina quedando no seu lugar a A. C. Os Abrentes de Cerdedo.

A Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo foi creada para a conservación, o estudo e a difusión da música tradicional como parte fundamental da cultura e tradición do pobo galego, centrando o seu estudo na comarca Deza-Tabeirós Terra de Montes.

Na súa traxectoria de máis de vinte anos cabe destacar que no ano 2009, o programa Alalá da Televisión de Galicia adicou un episodio á historia da asociación cultural mostrando todo o traballo que esta realiza. Ademáis disto, o grupo de gaitas ten participado noutros espazos televisivos desta canle coma o Aquí Galicia, Galicia Enteira, O país máis grande do mundo ou Luar.

Diversas festas de interese ademáis de homenaxes e congresos: Festa do Gateiro de Soutelo (XVIII, XXIII e XXIV) (Soutelo de Montes – Forcarei), Festa da Fervenza (Vimianzo), Xacobeo´06 e ´07: Vai de Camiño (Vilaboa e Sanxenxo), A Rapa das Bestas (Sabucedo – A Estrada), 28 Congreso Nacional de Farmacoloxía (Santiago de Compostela), Festa da Vincha (VIII e X) (Cerdedo), Festa Gastronómica do Xabarín (III, IV, V e VI) (Cerdedo), 57 Congreso Nacional de Pediatría (Santiago de Compostela), Feira Franca (Pontevedra), XV Festa da Anguía (Pontesampaio), Foliada do demo (Pontevedra), Músicas de Taberna (Pontevedra), Certame Nacional Galego de narracións breves: Premio Modesto R. Figueiredo (Cerdedo), Homenaxe a D. Álvaro Fernández Fiuza (Cotobade), XXXVIII Festa do Requeixo (Cotobade), III Festa do pan de millo e ovo (Cotobade), XV Festa do Cogumelo (Soutelo de Montes – Forcarei)

Na actualidade, a Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo, está integrada polo Grupo de gaitas tradicionais Os Abrentes de Cerdedo.

LinkFacebookInstagramYouTube

Fotografías

Programa Alalá da Televisión de Galicia

Os Abrentes de Cerdedo son os herdeiros dunha inmensa fortuna: a enorme tradición musical que ten a comarca de Terra de Montes, unha zona onde houbo gaiteiros ilustres, como os gaiteiros de Soutelo; acordeonistas de sona; tres bandas de música a un tempo e pandereteiras en cada parroquia. 

Pois ben, cada un dos Abrentes foi recollendo o saber de todos estes mestres para condensalo, ás veces, como grupo de gaitas e outras como charanga. Eles, que son oito, están encantados de ser os continuadores na transmisión de todo este tesouro musical. 

As pandereteiras de Barro de Arén; Jesús Campos o dos Diplomáticos do Acordeón ou o coñecido gaiteiro e artesán Bartolo, son algúns dos mestres destes oito músicos dos Abrentes, entre os que hai un pai e un fillo e dous irmáns. Están convencidos de que a música une as xeracións e como xa a tiñan na casa só tiveron que decatarse do importante que era. Grazas a eles, segue habendo festa en Cerdedo, algo ao que os veciños estaban moi afeitos, pero que nos últimos anos foi indo a menos porque a xente marchou de alí para buscar traballo.

Gravacións

Muiñeira dos 25 (2019) 

Grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo
Autor: Rubén Troitiño

Pasodobre de Vilalén (2019) 

Grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo
Autor: Manuel Campos

Vals do 94 (2019) 

Grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo
Autor: Rubén Troitiño

Muiñeira para Antonio Fraguas (2019) 

Muiñeira para Antonio Fraguas adicada a este escritor, historiador, antropólogo e etnógrafo. Na gravación desta peza participan catro asociacións do concello de Cerdedo-Cotobade: Os Afoutes do Canón de Pau, Os Trazantes de Tenrio, Foula e Os Abrentes de Cerdedo.

Autor: Rubén Troitiño

Pasarrúas de Padróns (2017)

Do autor J. Carlos Estévez, unha peza que forma parte do repertorio dende o ano 2016. Publicada polo mesmo autor no libro-cd “Tradicionalmente”.

Foliada de Barro de Arén (2017) 

Peza máis que coñecida dentro do mundo tradicional, xa Os Gaiteiros de Soutelo utilizárona nunha das súas gravacións e, como non, Os Abrentes non podían deixar pasar esta oportunidade para plasmar a súa versión desta peza. Na participación do programa Alalá da Televisión de Galicia, no ano 2009, tiveron a sorte de poder gravala coas Pandereteiras de Barro de Arén, na Eira da Pena (Cerdedo).

Pasodobre de Cerdedo (2017) 

Composta e adicada polo mestre de música José Luis Represas Carrera no ano 1998. Foi unha das pezas que o grupo de gaitas gravou tamén para o programa Alalá da Televisión de Galicia no ano 2009. Destacamos desta composición a última parte, unha parte de muiñeira para completar a obra.

O Manoliño (2013) 

Forma parte do repertorio do grupo de gaitas case dende o principio da formación da mesma, adaptada tamén en formato charanga tradicional onde lle engaden instrumentos coma o saxofón alto ou clarinete, xogando con diferentes liñas melódicas que completan a harmonía que fai de base o acordeón e tamén unha base rítmica cunha caixa de banda de música e un bombo con pratos. Esta caixa de banda de música foi do músico cerdedense David Paz (1901-1980) ben conservada pola súa filla Yemina. Na actualidade é propiedade de Manuel Campos, un dos gaiteiros do grupo de gaitas.

Como che vai miña rosa (2009)

Nos máis de 10 anos (2003-2015) nos que as Pandereteiras de Barro de Arén permitiron compartir o seu local de ensaio, Os Abrentes tiveron ocasión de achegarse con elas á tradición máis pura, a que ven directamente dos nosos devanceiros. Nese tempo puideron desfrutar de moitos momentos de música compartidos, e ó mesmo tempo aprenderon moitas das pezas do seu repertorio. Froito desta interacción foi a gravación de “Como che vai miña rosa”, feita no ano 2009 nos estudios Phonos da Estrada, co motivo dunha aparición conxunta dos Abrentes e As Pandereteiras de Barro de Arén no programa Luar da TVG.

Vídeos

Actuación do grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo no programa Luar da Televisión de Galicia presentando a súa primeira maqueta o venres 1 de decembro do 2017.

Actuación do grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo no programa Aquí Galicia da Televisión de Galicia presentando a súa primeira maqueta o sábado 2 de decembro do 2017 dende Forcarei co motivo da celebración da XXIV Festa Gastronómica da Richada.

Pequena participación no programa Galicia enteira da Televisión de Galicia gravado e emitido no ano 1997, adicado a dar a coñecer a contorna do Concello de Cerdedo. Programa presentado por Xosé Manuel Orriols. A continuación mostranse ás tres intervencións da Asociación Cultural Arxinas, que comprendía grupo de baile, e o grupo tradicional de gaitas, Os Abrentes. Co paso do tempo desfíxose a A. C. Arxina quedando no seu lugar a A. C. Os Abrentes de Cerdedo.

Actuación das Pandeireteiras de Barro de Arén xunto con tres dos membros da A. C. Os Abrentes de Cerdedo, Rubén Troitiño (gaita), Jesús Pérez (tambor) e José Cudeiro (bombo) no programa Luar  da Televisión de Galicia na presentación da IV Festa Gastronómica do Xabarín de Cerdedo.

Unha das primeiras actuacións da Asociación Cultural Arxinas, que comprendía grupo de baile, e o grupo tradicional de gaitas, Os Abrentes. Co paso do tempo desfíxose a A. C. Arxina quedando no seu lugar a A. C. Os Abrentes de Cerdedo.

Participación do grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo na XVIII Festa do Gaiteiro de Soutelo o 23 de Agosto do ano 1997.

Artigos relacionados