Gustaríache colaborar neste proxecto?
Músicas da Terra de Montes é un proxecto liderado polo músico Rubén Troitiño, adicado á conservación, estudo e difusión das músicas da comarca da Terra de Montes. O seu obxectivo é manter viva unha tradición transmitida de xeración en xeración e ofrecer un arquivo vivo que sirva como referencia para o futuro.
O proxecto naceu en 2005, cando Rubén Troitiño comezou a recoller os nomes dos músicos que tocaron a gaita na comarca ao longo dos anos. A idea inicial era publicar unha lista no portal web da Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo, pero co tempo a información foi medrando e o proxecto ampliouse. Tras unha pausa temporal, en 2015 retomouse con novo impulso.
O confinamento de 2020 permitiu transformar esa listaxe inicial nunha investigación máis profunda sobre a historia musical da Terra de Montes. Recuperáronse nomes de gaiteiros, pandeireteiras, bandas de música e outros artesáns que case se perderan da memoria colectiva. Paralelamente recompiláronse instrumentos, fotografías e outros materiais, creando un arquivo que ofrece unha visión directa e tangible da vida musical na comarca.
O proxecto culmina coa creación da súa páxina web en 2021, un espazo aberto para preservar, difundir e compartir este rico patrimonio musical.
O núcleo de Músicas da Terra de Montes é a preservación das expresións culturais transmitidas oralmente durante xeracións. Busca recoller testemuños, repertorios e biografías das persoas que viviron para a música, construíndo un arquivo vivo.
O arquivo virtual ofrece un percorrido pola historia musical da comarca, desde gaiteiros e pandeireteiras ata bandas de música e pequenas orquestras que animaban festas e romerías. A maioría destes músicos non foron figuras de renome nacional, pero o seu legado cultural foi fundamental nas súas comunidades. Actualmente, o arquivo conta con máis de 350 artigos e segue en constante actualización.
Homenaxe a Avelino Alberte Fírvida – 27 de outubro de 2018
I Xornadas das Músicas da Terra de Montes:
15 de outubro en Cerdedo: adicada ás bandas de música
22 de outubro en Soutelo de Montes: adicada á música tradicional
Sobre o proxecto Músicas da Terra de Montes
Programa Lume na palleira de Radio Galega Música (26 de xuño de 2022)
I Xornadas das Músicas da Terra de Montes - Cerdedo (22 de outubro de 2022)
Presentación do proxecto Músicas da Terra de Montes - IES Chano Piñeiro de Forcarei (23 de febreiro de 2023)
Xuntanza veciñal en Cerdedo (21 de xullo de 2023)
Terra de Montes, terra de músicas - MUSA (Sabucedo) (28 de outubro de 2023)
Redescubrindo aos gaiteiros de Soutelo
XLII Festa do Gaiteiro de Soutelo (21 de agosto de 2021)
III Xornadas da Gaita - Asociación de Gaiteiros Galegos (23 de outubro de 2022)
Museo de Pontevedra (27 de xuño de 2024)
Programa Lume na palleira de Radio Galega Música (12 de xaneiro de 2025)
Consello da Cultura Galega - Acto enmarcado no 75º cabodano de Castelao (16 de xaneiro de 2025)
Casa Museo da Fundación Ramón Otero Pedrayo (19 de xullo de 2025)
Medalla de Ouro da Asociación Amigos da Terra de Montes – 2025
Medalla de ouro a Rubén Troitiño pola labor de investigación, difusión e defensa da música e tradicións da Terra de Montes.
Músicas da Terra de Montes é un proxecto aberto á participación da comunidade. Se tes fotografías, gravacións ou outros materiais relacionados co patrimonio musical da comarca, anímate a compartilos.
A túa colaboración axudará a manter viva esta rica tradición e a asegurar que non se perda no tempo.