Gustaríache colaborar neste proxecto?
O himno a San Esteban é unha melodía que se interpretaba no lugar de Pedre durante a novena e o día grande das festas. Esta celebración repítese dúas veces ao ano: na festividade de verán, o 3 de agosto, e na de inverno, o 26 de decembro. O himno cantábase durante todos os días da novena, facendo coincidir o último día coa xornada principal da celebración, e tamén se interpreta entre a novena e a misa solemne.
Segundo a entrevistada Sonia Barros, a iniciativa de conservar o himno partiu de Gonzalo Barreiro, que naquel momento exercía como sancristán da igrexa de Pedre. O seu obxectivo era gardar a melodía por se chegaba a perderse co paso do tempo.
Gonzalo Barreiro Gandos foi tamén tenente de alcalde de Cerdedo durante varios anos, formando parte do goberno municipal presidido por José Luis Jorge Caramés. Despois de varias lexislaturas sen exercer cargos públicos nin participar activamente na vida política municipal, regresou á actividade política cerdedense poucos meses antes do seu falecemento, como número tres da candidatura do PP encabezada polo entón alcalde José Balseiros. Faleceu a finais de novembro de 2015, a consecuencia de complicacións de saúde inesperadas sufridas durante esa fin de semana, segundo recollía o xornal Faro de Vigo na súa edición do 30 de novembro de 2015.
Naquela época, o párroco da parroquia era don Casimiro (20/07/1928 – 20/02/2015). Sobre a autoría da partitura non se conservan datos precisos: non se lembra quen a escribiu, aínda que se sabe que puido ser un home que percorría a zona cun teclado e que participaba cantando nas misas. Polo momento, non hai máis información sobre esta persoa.
Para poder transcribir a melodía, realizouse unha gravación a varias veciñas de Pedre cantándoa. Esta gravación, que se conserva nunha cinta de casete, foi feita, segundo Sonia Barros, arredor do ano 1990.