Gustaríache colaborar neste proxecto?
Luciano Lemos Gómez naceu en Bueu, no norte da península do Morrazo, no ano 1933. Segundo contaba el mesmo, aquel era un tempo difícil, "de moita fame" e como moitos outros galegos da súa xeración, tivo que abandonar a súa terra e buscar oportunidades noutros lugares. Finalmente estableceuse no lugar de Fondós (Quireza), onde Luciano pasou o resto da súa vida.
A anterior fotografía foi sacada o 29 de abril de 2016 por Rubén Troitiño durante unha entrevista realizadas xunto a José Luis Troitiño.
Aínda que a súa memoria empezaba a fallar, Lemos recordaba os tempos en que tocaba a gaita en diferentes lugares da contorna, como Tenorio, Viascón, Cerdedo, Campo Lameiro, Viascón, Carballedo, Chacente, Codeseda ou A Estrada. Tanto tocaba como gaiteiro solista, como en compañía de outros músicos da zona de Cuntis. Nas festas locais, reuníanse dous ou tres gaiteiros e tocaban, aínda que non lembraba ben os nomes dos seus compañeiros de actuación, só recordaba a un tal Julio, que traballaba no comercio da madeira, e a Paco "Rin-Ran", un gaiteiro procedente da zona das Rías Baixas, concretamente de Bueu.
Tamén destacou pola súa habilidade na fabricación de palletas. Segundo contaba, as de ghueso (óso) eran a súa elección, pois as de cana non lle proporcionaban un son satisfactorio e xa na última tempada as mercaba en Pontevedra. Os pallóns do ronco soía facelos coas canas dos foguetes.
A súa paixón pola música levouno a tocar a gaita durante o seu servizo militar, que durou case dous anos. Despois de rematar o servizo, emigrou a Suiza, como moitos outros da súa xeración, pero sempre mantivo as súas raíces galegas no seu corazón.
Tristemente, Luciano faleceu en 2017 aos 84 anos de idade. Aínda que o seu instrumento xa non se conserva, unha das fotografías que o retratan tocando a súa gaita permanece como un testemuño.
A fotografía anterior, propiedade de Roberto Vázquez, foi sacada en Basilea (Suiza) a principio dos anos 70.
Nela podemos atopar, de esquerda a dereita, a Pepe o fachado de San Isidro (coa pandeireta), Manuel Sanmartín, de Parada (Campolameiro), o rapaz, Roberto Vázquez (fillo de Serafín), Luciano Lemos á gaita, Manuel González, coñecido coma o fogueteiro, do lugar de Tresaldeas e Serafín Vázquez, do lugar de Cuíña.