Gustaríache colaborar neste proxecto?
O sábado 9 de agosto o auditorio do Centro Cultural de Cerdedo encheuse de emoción e orgullo coa entrega das Medallas de Ouro da Asociación Amigos da Terra de Montes, un acto que cada ano recoñece o labor de persoas e colectivos que manteñen viva a esencia cultural e social da comarca.
Nesta edición, os galardóns foron para Eduardo Pazos Calvar, Rubén Troitiño e a Comisión de Festas de Pardesoa.
A primeira medalla recaeu en Eduardo Pazos Calvar, distinguido pola súa traxectoria vital e profesional, sempre ligada á Terra de Montes. Aínda que é natural de Marín, fixo de Beariz o seu fogar e centro da súa actividade económica, amosando un compromiso constante cos valores e coa identidade desta comarca.
Tamén foi recoñecido Rubén Troitiño, pola súa entrega como gaitero, investigador e difusor do patrimonio cultural da Terra de Montes. A Asociación quixo destacar a súa dedicación altruísta e constante á recuperación e divulgación da música tradicional, un traballo que contribúe a que as novas xeracións coñezan e valoren as súas raíces.
A terceira Medalla de Ouro entregouse á Comisión de Festas de Pardesoa, en Forcarei, pola súa incansable labor durante once anos organizando as festas patronais de San Benito. Unha celebración que vai máis alá do relixioso, converténdose nun punto de encontro esencial para a vida social da veciñanza. Durante a entrega, a Asociación puxo o foco en Verónica e Asunción, dúas mulleres que representan a forza da mocidade comprometida co seu lugar e coa súa cultura.
O evento estivo presidido polo presidente da Asociación, Tomás Sancho, e contou coa presenza de representantes institucionais como Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade e deputado provincial na Deputación de Pontevedra, a alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, e o alcalde de Beariz, Manuel Prado.
En cada intervención, unha persoa próxima foi a encargada de presentar a cada homenaxeado. No caso de Rubén Troitiño, o encargado foi Gabriel Pazos, presidente da Asociación Os Abrentes de Cerdedo, colectivo do que Rubén foi presidente entre 2009 e 2022.
No seu agradecemento, Rubén comezou lembrando que a medalla, aínda que leva o seu nome, pertence tamén á súa familia, aos mestres que o guiaron e a todas as persoas que manteñen vivas as tradicións.
Lembro que comecei a tocar a gaita sendo un neno, guiado polo meu pai e polos mestres que me abriron camiños. Desde entón, entendín que a música é máis ca notas: é memoria, é identidade e é comunidade.
Insistiu en que salvagardar as tradicións é un deber colectivo e un acto de amor á terra. Subliñou que unha tradición que non se transmite está condenada a desaparecer, polo que é fundamental traballar coas novas xeracións para que coñezan de onde vimos e se sintan orgullosas de quen son.
Cada melodía, cada historia, cada festa popular é unha ligazón co noso pasado, algo que nos conecta co que fomos e que debemos transmitir, intacto e vivo, ás xeracións que veñen.
A súa intervención rematou cunha mensaxe de compromiso e apertura, que resume o espírito da súa traxectoria:
Calquera persoa, institución ou colectivo que queira contar comigo… sempre me atopará disposto e con ilusión de colaborar. Porque só sumando esforzos poderemos asegurar que o noso legado siga vivo e medrando.
Unhas palabras que puxeron o broche perfecto a unha xornada que xa forma parte da memoria colectiva da Terra de Montes.