Palco da música de Cerdedo

En Cerdedo existiu un palco de música de pedra situado na actual praza de Fernando García Leiro, ao lado da estrada de Ourense N-541. Este escenario foi desmantelado durante a primeira remodelación da praza.

Agora dispoñemos dunha fotografía clara onde se pode apreciar a forma completa do escenario de música, grazas a un folleto titulado La caja de ahorros municipal de Vigo en Cerdedo, doado ao arquivo por María Teresa Monteagudo. Este documento inclúe unha imaxe da praza da igrexa co palco da música e, como curiosidade, amosa o cruceiro situado no medio da praza, un lugar diferente ao actual, xa que agora se atopa diante da igrexa.

Ademais, o libro As bandas de música de Cerdedo, do autor Manuel Campos, recolle outra fotografía significativa onde se pode observar o escenario antes da súa demolición nos anos 60.

Na primeira das dúas fotografías compartidas a continuación, podemos ver claramente o palco da música. Na segunda, unha procesión na que o palco aparece ao fondo á dereita, cuberto coa bandeira nacional. Esta última foi compartida por María Carolina Peleteiro.

Como curiosidade, tamén publicamos esta fotografía proporcionada por María Carolina Peleteiro onde se pode observar outro escenario de música, desta vez feito de madeira, situado ao lado da Igrexa San Xoán Bautista de Cerdedo. Nesta imaxe, podemos ver unha placa que pon Banda de Música. Aínda que descoñecemos a identidade específica da banda, polas letras na placa non descartamos a posibilidade de que sexa a banda de Moaña.

Artigos relacionados