1924 - 2024
Centenario do nomeamento coma mellor gaiteiro de Galicia
Avelino Cachafeiro Bugallo
Sección dedicada ao centenario do nomeamento de Avelino Cachafeiro Bugallo coma mellor gaiteiro de Galicia en 1924. Ao longo deste ano especial, en Músicas da Terra de Montes estamos a celebrar a vida e o legado deste excepcional músico, cuxa influencia na nosa música tradicional segue a ser inmensa.
Nesta páxina, poderás atopar información sobre os eventos e actividades que estamos a organizar para conmemorar esta data tan sinalada. Dende concertos e charlas ata exposicións e publicacións, a nosa intención é redescubrir e compartir a figura de Avelino Cachafeiro co mundo, destacando a súa traxectoria e a súa contribución á música galega.
Galicia: diario de Vigo: Número 582
10 agosto 1924
O GAITEIRO DE SOUTELO
Namentras acolá en baixo rebulen as xentes con acontecimentos inventados pol-os homes eiquí na montaña as xentes siguen rebulindo cos acontecimentos da Natureza. Un día de choiva fai falar mais que un troque de réxime político.
No concurso de gaitas de Santiago presentábase o gaiteiro de Soutelo y-este acontecimento estraordinario preocupou as xentes tfcoma se fose un acontecimento da Natureza. E falábase moito e facíanse pronósticos.
− Hoxe é o dia y-o gaiteiro baixou onte xa.
Un feireante duvidou do trunfo, cicais porque alá nos seus tempos escoitou a Ventosela… E as xentes descorazoadas prepararon o esprito pra recibil-a nova d’unha inxusticia.
− Os premios danse por empeños e o gaiteiro non-os ten.
O día rendeu moito e todos tíñamos un concurso de gaitas nos miolos. ¡Que regalía dos ollos se poidésemos destapal-as cacholas de toda ista xente! porque compre non esquecer que os máis orixinaes decorados críanse na maxinación inocente do pobo aldeán.
− ¿E se Avelino se corta? Mirai que tocar alí non vos é o mesmo que tocar en Soutelo.
E no serán do siguente día velahí ven Avelino cos seus irmans − todos vestidos ó xeito enxebre − tocando unha muiñeira que lle erguia o rabo ó mesmo canciño de San Roque. O pai do gaiteiro, na porta da casa, botou un foguete.
Avelino ganara o primeiro premio.
− Ben-o decíamos: non hay quen poida co gaiteiro de Soutelo.
E as xentes da montaña alentaron con fachenda.
Eu entrei con todos na casa do gaiteiro e sentín que tamen me tocaba parte do trunfo porque o arrufio da emoción corríame pol-as costas.
O pai a nai e a irmán, dend’a sorrisa dos seus beizos, dixeron a unha:
− Contade. Y-o irmán pequeno contou:
− Eu tamén ganei o terceiro premio. Deixáronme tocar e toquei. ¡Se vise, meu pai, que ben me saiu a alborada!
− Pois ganaches un traxe, rapaz Aquela noite escoitei dend’a cama como as mozas cantaban:
Toca, gaiteiriño, toca
meniñas, correi a vel-o
qu’é moita gaita a gaitiña
do gaiteiro de Soutelo
CASTELAO
Soutelo de Montes, 30-VII-24