IX Festival de música tradicional de Forcarei
Homenaxe a Avelino Cachafeiro Bugallo

IX Festival de música tradicional de Forcarei

04 de maio de 2024

O sábado 4 de maio de 2024 en Soutelo de Montes tivo lugar un evento musical de gran significado para a cultura galega: o "IX Festival de Música Tradicional de Forcarei". Organizado pola Banda de Gaitas de Forcarei, este certame ten como obxectivo principal reunir a diversas agrupacións nun mesmo escenario para poñer en valor a rica cultura e tradición musical de Galicia.

Este festival non só é unha oportunidade para desfrutar da música tradicional galega, senón que tamén serve como homenaxe a aquelas persoas e institucións que dedicaron os seus esforzos a promover e preservar esta importante parte do noso patrimonio cultural. Nesta ocasión, a IX edición do festival estivo dedicada ao centenario da proclamación de Avelino como mellor gaiteiro de Galicia, no concurso celebrado en Santiago de Compostela en 1924.

O evento comezou con actuacións emocionantes, como a dos Alegres, quen, antes de comezar a tocar, compartiron con todos os presentes un recordo especial relacionado coa figura de Avelino Cachafeiro. O repertorio elexido para a ocasión foi unha homenaxe aos Soutelo: Eicho de dar queridiña, A volta da festa, Foliada de Luxán e Farruquiña, chaman á porta.

A continuación a gaiteira Nadia Vázquez, envolveu ao público coa súa interpretación de Ironía e Fandango, Polavila en Fonsagrada e Hey-Hey

Acto seguido foi o momento de Lus de Keikoa. Este grupo, tamén procedente de Forcarei, encheu o aire con melodías tradicionais como Muiñeira de Riamonde, Mazurca Hermida e Polo Rueiro de Bando, transportando a audiencia a través dos sonidos da nosa terra.

A continuación, Bellón-Maceiras subiu ao escenario para continuar a festa co seu repertorio. Interpretou con maestría pezas como Barca de Pedra, Danza de San Roque de Hío e Pasodoble de Santa Xuliana, enriquecendo a experiencia musical do festival coa súa habilidade e sensibilidade artística.

Finalmente, os integrantes da Banda de Gaitas de Forcarei tomaron o escenario para pechar con chave de ouro esta emocionante xornada musical. Para a ocasión, escolleron un repertorio especial que incluíu pezas como Pasodobre de Santiago, O Candileiro, Alborada de Rosalía de Castro (unha homenaxe ao repertorio dos Gaiteiros de Soutelo), Robusta Habanera e a animada polca Santardam. Ademais, destacar a colaboración de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro e académico da Real Academia Galega, quen acompañou á banda nunha interpretación especial da Alborada de Rosalía de Castro, enriquecendo a experiencia musical coa súa profunda conexión coa cultura galega.

A celebración tamén contou cunha presentación didáctica, magnificamente impartida polo músico e docente Rubén Troitiño. Nesta ocasión, Troitiño non só contextualizou a importancia histórica de Avelino Cachafeiro e dos gaiteiros de Soutelo e a súa influencia na música galega, senón que tamén compartiu con entusiasmo materiais orixinais, como artigos de prensa e discos de pizarra con máis de 90 anos de antigüidade das gravacións orixinais do cuarteto Os Gaiteiros de Soutelo. Ademais, mostrou un dos punteiros que conserva na actualidade, grazas á xenerosidade da familia que llos entregou para o seu estudo e conservación, subliñando a importancia de preservar estas pezas como testemuñas vivas da nosa rica herencia cultural. Durante a súa presentación, Troitiño tamén puxo de relevo a estreita relación entre Avelino Cachafeiro e Castelao, así como a influencia da figura de Rosalía de Castro na música e na identidade galega. Con estas reflexións, Troitiño enriqueceu a experiencia do festival, achegando ao público unha visión profunda e comprensiva da historia e a importancia de Avelino Cachafeiro.

Prensa

El día que los Gaiteiros de Soutelo volvieron a sonar en disco de pizarra

05 may 2024

El Festival de Música Tradicional de Forcarei celebró este sábado una edición especial dedicada a Avelino Cachafeiro en el centenario de su nombramiento como Mejor Gaiteiro de Galicia. Sucedió en un concurso celebrado en 1924 en Santiago. El episodio fue recordado ayer por el músico y maestro Rubén Troitiño, que presentó el festival echando mano de la didáctica. Troitiño relacionó las biografías de los artistas con la de Cachafeiro y los gaiteiros de Soutelo, de quienes mostró algunos materiales originales. En el evento sonó incluso la mítica música de los Gaiteros de Soutelo en un disco de pizarra que se reprodujo en una gramola portátil. 

El sonido del pasado se abrazó con las espectaculares actuaciones del grupo de pandereteiras Lus de Keikoa, el grupo de gaitas Os Alegres, la gaiteira Nadia Vázquez, el dúo Bellón Maceiras y la Banda de Gaitas de Forcarei.

Un século de gloria para o Gaiteiro de Soutelo

O auditorio soutelano acolle o IX Festival de Música Tradicional, dedicado este ano a Avelino Cachafeiro, no centenario da súa proclamación como o mellor gaiteiro de Galicia

Actuación de Os Alegres, a primeira do festival. / BERNABÉ/LUCÍA ABELEDO

Tiña 25 anos cando, na véspera do día do Apóstolo, aquel mozo que aprendeu do seu avó a tocar a gaita e que practicaba mentres o deber o chamaba a tornar do gando, foi proclamado como o mellor gaiteiro de Galicia. Corría o ano 1924. Dende aquel día ten pasado xa un século de gloria para Avelino Cachafeiro, que pasou á historia como o Gaiteiro de Soutelo e que onte, na vila forcaricense na que chegou ao mundo a gaita sonou na súa louvanza. Soutelo honrou ao gaiteiro como máis lle tería gustado: no seu idioma.

Público asistente. / BERNABÉ/LUCÍA ABELEDO

Foi una xornada emotiva, na que a lembranza de Cachafeiro estivo sempre presente. Os Alegres foron os primeiros en actuar e, antes de comezar coa música, quixeron compartir un recordo co auditorio. Lembraron como hai anos dous compoñentes do grupo chegaron a carón da estatua que lembra a Avelino Cachafeiro e quedaron durante horas tocando xunto a el. Para esta velada escolleron catro pezas do repertorio dos Gaiteiros de Soutelo, o grupo que Avelino formaba cos seus irmás Castor (gaita) e Bautista (voz e caixa), seu pai Fermín (bombo) e súa tía Andrea, que ás veces se unía co pandeiro. Elixiron Eicho de dar queridiña, A volta da festa, Foliada de Luxán e Farruquiña, chaman á porta.

Detalle conmemorativo. / BERNABÉ/LUCÍA ABELEDO

Chegou despois a quenda de Nadia Vázquez, que interpretou Ironía e Fandango, Polavila en Fonsagrada e Hey-Hey. De seguido, Lus de Keikoa –tamén de Forcarei– tocaron Muiñeira de Riamonde, Mazurca Hermida e Polo Rueiro de Bando. 

Bellón Maceiras escolleu Barca de Pedra, Danza de San Roque de Hío e Pasodoble de Santa Xuliana. Os últimos en subir ao escenario foron os integrantes da Banda de Gaitas de Forcarei, que interpretaron para esta ocasión Pasodobre de Santiago, a xota O Candileiro, Alborada de Rosalía de Castro –tema do repertorio dos Gaiteiros de Soutelo–, Robusta Habanera e a polca Santardam.

O festival foi conducido polo músico e investigador Rubén Trotiño. Estivo cheo de música, pero tamén de datos que achegaron a grandeza de Avelino Cachafeiro, cunha memoria moi viva na súa terra natal e na Galicia que o proclamou coma mellor gaiteiro.