Gustaríache colaborar neste proxecto?
Actualizado: 02/08/26
Entrevista | Rubén Troitiño García Investigador e divulgador do patrimonio musical
O creador de Músicas da Terra de Montes leva anos recuperando un patrimonio que considera esencial para entender a identidade da comarca
Fran Campos A Estrada | 02 AGO 2026
Rubén Troitiño, creador da web Músicas da Terra de Montes, nunha imaxe recente. / FDV_Externas
Fran Campos A Estrada | 02 AGO 2026
A candidatura de Músicas da Terra de Montes aos Premios Rebulir serviu para dar a coñecer un proxecto que leva anos recuperando a historia musical da comarca. Detrás desta iniciativa está Rubén Troitiño García, investigador e divulgador convencido de que o patrimonio só se conserva se se comparte. A súa páxina web reúne centos de historias, documentos e fotografías grazas tamén á colaboración de veciños e familias.
Que supón para vostede esta candidatura aos Premios Rebulir?
É unha satisfacción porque lle dá visibilidade ao proxecto. Máis ca un recoñecemento persoal, véxoo como unha oportunidade para que máis persoas coñezan Músicas da Terra de Montes. Se a candidatura esperta curiosidade e fai que alguén descubra a riqueza musical da comarca, xa paga a pena.
Como naceu esta iniciativa?
A idea levaba moitos anos comigo. Fun recompilando información mentres participaba en asociacións culturais e investigaba sobre músicos da comarca. Durante a pandemia decidín ordenar todo ese material e poñelo ao alcance da xente. Non quería que quedase gardado nun caixón.
Sempre tivo claro que había que compartilo?
Si. Para min investigar só ten sentido se o coñecemento chega aos demais. A información que non se divulga acaba perdéndose. Se alguén consulta un artigo da páxina e a partir del achega novos datos ou continúa investigando, o traballo xa cumpre a súa función.
Por que escolleu unha web?
Porque é un proxecto vivo. Un libro péchase cando se publica, pero unha web permite incorporar novos documentos, corrixir información e seguir medrando. Cada fotografía ou cada testemuño que aparece fai que o proxecto continúe evolucionando.
Que pode atopar quen entra por primeira vez en Músicas da Terra de Montes?
Atopará moito máis ca biografías de músicos. A páxina está pensada para descubrir como era a vida musical da comarca, coñecer agrupacións, instrumentos, fotografías, gravacións e historias persoais. Gustaríame que quen a visite teña a sensación de percorrer un museo virtual, un espazo onde todo está conectado e onde sempre hai algo novo por descubrir.
Nunca fala do proxecto como un mérito persoal. Por que?
Porque sería inxusto. Antes ca min houbo investigadores que fixeron un traballo extraordinario e moitas familias abriron as portas das súas casas para compartir fotografías, documentos ou instrumentos. Eu simplemente intento unir esas pezas e devolvelas á sociedade dun xeito ordenado. O proxecto medra grazas ao gran de area de moitas persoas.
«O importante non é gardar información, senón poñela ao alcance de todos»
Como desenvolve o seu traballo de investigación?
Case sempre todo comeza cunha pequena pista: unha noticia antiga, un nome nun programa de festas ou unha fotografía esquecida. A partir de aí hai que ir tirando do fío. Ás veces atopas respostas e outras xorden novas preguntas. Iso é o apaixonante da investigación: saber que aínda queda moito por descubrir.
Que sente cando unha familia lle confía documentos ou instrumentos?
É unha enorme responsabilidade. Eses obxectos son auténticos tesouros porque gardan a historia das persoas que os utilizaron. Unha gaita, unha partitura ou unha fotografía non son só pezas antigas; forman parte da memoria colectiva da comarca e merecen ser coñecidas e conservadas.
Aínda hai reticencias a compartir ese patrimonio?
Nalgúns casos si, e é comprensible. Por iso sempre explico que este é un proxecto altruísta. Nunca pretendín facer unha colección privada nin obter un beneficio. O único obxectivo é documentar ese patrimonio para que non desapareza e poida quedar ao servizo de toda a sociedade.
Que lle gustaría conseguir nos vindeiros anos?
Seguir ampliando a investigación e incorporar novos contidos. Hai moitos músicos dos que apenas coñecemos datos e estou convencido de que aínda quedan documentos e fotografías por aparecer. Tamén me gustaría que outras persoas se animasen a continuar este traballo. A investigación nunca remata e cada xeración pode achegar unha visión nova.
Que mensaxe lle enviaría a quen conserva fotografías, documentos ou instrumentos relacionados coa música tradicional?
Que non pensen que non teñen importancia. Ás veces unha fotografía gardada nun caixón, unha partitura esquecida ou uns ferriños poden axudar a completar unha historia. Moitas persoas cren que son simples recordos familiares, pero forman parte da memoria colectiva de Terra de Montes. Se ese patrimonio permanece oculto, corre o risco de desaparecer para sempre. Por iso sempre animo á xente a compartilo. Non fai falta desprenderse del, abonda con documentalo e dalo a coñecer. Ao final, o importante é que todo isto non se perda.