Gustaríache colaborar neste proxecto?
No marco do proxecto Músicas da Terra de Montes, o traballo na hemeroteca segue a dar froitos de grande valor para a recuperación da nosa memoria cultural.
O pasado 27 de abril localizaba nun exemplar de El Progreso do 28 de xuño de 1981 unha fotografía especialmente significativa. Nela aparece o gaiteiro Víctor Castor Cachafeiro Bugallo xunto a Manuel María Fernández Teixeiro, nun contexto moi concreto: a IV Semana das Letras Galegas celebrada na Hermandad Gallega de Caracas, un espazo fundamental para a actividade cultural da emigración galega en Venezuela.
A imaxe recollía tamén un momento destacado, xa que nese mesmo contexto Castor Cachafeiro recibiu a Medalla da Orde do Mérito Civil, unha distinción concedida por Juan Carlos I, en recoñecemento á súa traxectoria e ao papel dos Gaiteiros de Soutelo na historia da música galega.
A nota que acompañaba a fotografía indicaba:
En la fotografía el presidente saliente de la H. G. José Varela Gil con el poeta Manuel María, el gaiteiro Victor Castor Cachafeiro Bugallo, la esposa de Manuel María, Saleta Goi, y el actual Vicepresidente de la H. G. Manuel García.
Este primeiro achado abriu novas vías de investigación. Co obxectivo de ampliar información, estableceuse contacto coa Casa-Museo Manuel María, que confirmou a existencia de máis material gráfico relacionado con aquel evento.
Como resultado, no seu arquivo fotográfico apareceu unha segunda fotografía, na que se pode ver a Manuel María, Saleta Goi e Castor Cachafeiro. Esta nova imaxe, que hoxe se incorpora ao proxecto, foi recortada para centrar a atención nas figuras principais, xa que na versión orixinal non aparecían encadradas dese xeito.
A aparición destas dúas fotografías permite afondar no valor simbólico destes encontros, nos que converxen música tradicional e actividade cultural arredor da lingua e identidade galegas, mesmo fóra do territorio.
Este tipo de documentos evidencian o papel fundamental da diáspora na conservación e dinamización da cultura galega, así como a relevancia de figuras como Castor Cachafeiro na súa proxección internacional.
Desde Músicas da Terra de Montes quérese agradecer especialmente á Fundación Manuel María de Estudos Galegos pola cesión desta segunda fotografía e pola súa colaboración na investigación, así como a Antón Laxe, secretario da entidade, polas facilidades prestadas.
Cada novo documento recuperado contribúe a completar unha historia colectiva que, pouco a pouco, se vai reconstruíndo a través da memoria dispersa en arquivos, hemerotecas e coleccións.