Gustaríache colaborar neste proxecto?
Este sábado 19 de xullo tiven o pracer de dar unha charla na Casa Museo da Fundación Ramón Otero Pedrayo sobre a fascinante relación entre dúas figuras imprescindibles da nosa cultura: Avelino Cachafeiro e Otero Pedrayo.
Durante a charla repasamos a biografía de Avelino, a traxectoria dos Gaiteiros de Soutelo, e compartín algúns tesouros: os punteiros orixinais, discos editados, e tres cartas manuscritas que Otero lle escribiu a Avelino. Unha auténtica xoia!
Ademais, fixemos unha pequena exploración pola impresionante biblioteca da casa e atopamos unha marabilla: un exemplar de Voando cas aas da vida, o libro de poemas de Avelino Cachafeiro con prólogo de Otero Pedrayo e, para sorpresa nosa, cunha dedicatoria manuscrita do propio Avelino. Un novo achado!
Moitísimas grazas á Fundación Otero Pedrayo pola acollida e por permitirme compartir este espazo único coa memoria dos nosos. Un verdadeiro luxo.