Gustaríache colaborar neste proxecto?
A exposición “Ricardo Portela, inmorrente” pode visitarse ata o 21 de novembro no vestíbulo do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra, en horario de 9:00 a 20:00 horas e con entrada libre. Organizada pola Deputación de Pontevedra e pola Asociación Cultural Pai da Cana, e comisariada polo gaiteiro Óscar Ibáñez, esta mostra rende homenaxe a un dos grandes nomes da música tradicional galega, Ricardo Portela, o mestre do toque pechado e símbolo da gaita galega como instrumento inmorrente.
O acto inaugural contou coa presenza do deputado de Cultura, Xuventude, Reto Demográfico e Desenvolvemento Rural, e tamén alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela López, do neto do gaiteiro, Gonzalo Lorenzo Portela, e do amigo persoal do homenaxeado, Xoán López. A inauguración estivo tamén acompañada pola música en directo de Álvaro Novegil (á gaita) e Andrés Vilán (ao tambor).
Cubela destacou que “non se trata dunha exposición calquera, senón dunha que defende e pon en valor a obra dun mestre de mestres”. Subliñou ademais o orgullo de acoller esta homenaxe no Pazo Provincial, “a casa de todos os pontevedreses”, e salientou o humanismo e a xenerosidade de Ricardo Portela, lembrando que, “nunha época de poucos recursos, financiaba do seu peto que houbese cativada con acceso á formación musical”.
O comisario Óscar Ibáñez explicou que a exposición xorde do seu propio proceso de investigación arredor da figura do músico de Viascón: “Cando entrei na agrupación Celme de Pontevedra coñecín a Álvaro Novegil, e na súa palabra estaba Ricardo Portela. Dalgunha maneira, formaba parte do noso día a día. Non telo coñecido persoalmente foi o que me levou a investigar quen era e o que significaba ser gaiteiro”.
A mostra está composta por oito paneis e varias vitrinas con instrumentos, vestiario, discos, casetes, fotografías, libros, recortes de prensa e material persoal que percorren a traxectoria vital e artística de Portela, estreitamente vencellada a Viascón, Vigo e Pontevedra. Tamén se destaca a súa relación coas asociacións culturais e o seu papel na transmisión da tradición gaitística galega ás novas xeracións.
Durante o acto, Xoán López lembrou a figura do mestre cunha fonda emoción: “Coñecino sendo un mozo e impresionábame a súa presenza. Era un personaxe grandioso, pero tal era a súa humanidade que axiña o sentías como un amigo. Como gaiteiro era extraordinario, un grande entre os grandes, pero o ser humano superaba con moito ao gaiteiro”.
Ricardo Portela (Viascón, Cerdedo-Cotobade, 1920 – Pontevedra, 1992) foi unha figura poliédrica, dono dun humor finísimo e dunha esixencia artística que o definía. O seu legado marcou a evolución da gaita galega moderna, e a súa influencia perdura en moitos intérpretes actuais, entre eles o propio Óscar Ibáñez.
Ademais, Portela contribuíu de maneira decisiva a revalorizar o traballo dos vellos gaiteiros da Terra de Montes, como Avelino Cachafeiro ou Xan de Campañó, incorporando parte do seu repertorio e adaptándoo ao seu estilo persoal. O seu profundo respecto polos gaiteiros de Soutelo, especialmente polos irmáns Avelino e Castor Cachafeiro, deixou unha pegada permanente na súa música, convertendo a Terra de Montes nunha presenza constante no seu discurso artístico.
Entre o material exposto pódense ver tamén documentos gráficos sobre Avelino e Castor Cachafeiro, achegados grazas á colaboración das Músicas da Terra de Montes, reforzando así a conexión entre Viascón e Soutelo como dous núcleos fundamentais da nosa tradición gaitística.
“Ricardo Portela, inmorrente” é moito máis ca unha exposición: é unha viaxe emocional pola historia viva da gaita galega, un recoñecemento ao gaiteiro e ao ser humano, e unha homenaxe merecida a quen fixo da música tradicional un legado inmortal e compartido por todo o pobo galego.
Organiza: Deputación de Pontevedra
Asociación Cultural Pai da Cana
Comisariado e textos: Óscar Ibáñez García
Coordinación: Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra
Deseño: Rosa Escalante Castro
Produción: Inglobe Servicios Globales
Montaxe: Inglobe Servicios Globales, Asociación Cultural Pai da Cana
Colaboran: Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, Museo de Pontevedra, Obradoiro de Instrumentos Musicais da Deputación de Lugo, Escola Municipal de Danza do Concello de Vigo, Escola de Gaitas da Deputación de Ourense, Asociación de Gaiteiros Galegos, Asociación Etnográfica Sete Espadelas, Músicas da Terra de Montes.
Agradecementos: á familia Portela pola súa confianza, apoio e xenerosidade. A todas as persoas e entidades que contribuíron neste proxecto polas súas valiosas achegas.