Gustaríache colaborar neste proxecto?
No labor por recuperar e difundir a memoria musical da Terra de Montes, atopamos unha nova referencia que nos permite afondar na historia dos gaiteiros da comarca. Trátase de Benigno García Cabada, gaiteiro da Graña de Cabanelas (parroquia de Quintillán, concello de Forcarei), do que temos constancia grazas a unha noticia publicada no xornal El Pueblo Gallego o 21 de xullo de 1930.
A referencia descríbeo como o “clásico gaitero de La Graña de Cabanelas”, o que suxire que Benigno xa gozaba daquela dun certo prestixio e recoñecemento local. A súa participación nas festas do Corpus, San Pedro, San Antonio, a Virxe do Carme e San Roque en Quintillán reflicte a importancia social da gaita e dos gaiteiros na vida festiva da Terra de Montes durante o primeiro terzo do século XX.
A información recompilada sobre el está xa dispoñible no seu apartado dentro do Arquivo Virtual das Músicas da Terra de Montes, no espazo correspondente ao Concello de Forcarei. Porén, trátase da única referencia documental atopada ata o momento, polo que queremos facer un chamamento á veciñanza da zona, especialmente ás persoas da Graña de Cabanelas, Quintillán e arredores, para que nos axuden a completar esta investigación.
Se coñecedes algunha historia, lembranza, fotografía, instrumento, partitura ou calquera testemuña relacionada con Benigno García Cabada ou con outros gaiteiros e músicos da zona, convidámosvos a poñervos en contacto connosco. Cada pequeno detalle pode ser de gran valor para reconstruír a historia musical da Terra de Montes e conservar a memoria das súas persoas protagonistas.
Podedes facelo a través dos nosos medios habituais de contacto nas Músicas da Terra de Montes. Grazas de antemán por contribuír a manter viva a nosa tradición e a dignificar o legado dos nosos gaiteiros e gaiteiras.