Gustaríache colaborar neste proxecto?
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional vén de oficializar, mediante orde publicada o 23 de xuño de 2025, o cambio de nome do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Soutelo de Montes, no concello de Forcarei. A partir de agora, o centro pasará a denominarse CEIP Avelino Cachafeiro, en homenaxe ao ilustre gaiteiro soutelán.
A medida foi aprobada conforme ao establecido no Regulamento das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria (Decreto 374/1996, do 17 de outubro) e responde a unha proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos. A orde foi asinada polo conselleiro Román Rodríguez González.
Con esta nova denominación, a comunidade educativa e institucional quere recoñecer e poñer en valor a figura de Avelino Cachafeiro, "O Gaiteiro de Soutelo", un dos grandes referentes da música tradicional galega e símbolo da identidade cultural da Terra de Montes.
O cambio entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.