Gustaríache colaborar neste proxecto?
Tiven a sorte de visitar a exposición que os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO) prepararon arredor da figura de Castelao. Unha mostra que recolle a visión persoal e artística do alumnado sobre este grande referente da cultura galega, e que transmite, con sensibilidade e creatividade, o compromiso coa nosa memoria colectiva.
Hai un tempo, Begoña Riobó comentárame a posibilidade de facer algo vinculado a Castelao e Avelino Cachafeiro co alumnado do obradoiro de gaita. Así foi como me acheguei á EMAO levando comigo uns punteiros que aínda se conservan de Avelino Cachafeiro, unha auténtica xoia da nosa tradición musical.
Durante esa visita, falando con Carlos Corral, mestre do obradoiro de construción de gaitas, xurdiu a posibilidade de facer unha réplica dun dos punteiros, como achega especial á exposición. A idea entusiasmounos a todos e, grazas ao talento e á dedicación de Nicolás Salgado, un dos alumnos, a réplica fíxose realidade. O seu traballo, feito con moito respecto e agarimo, pode verse agora na exposición, unha peza que honra a memoria de Avelino e lle dá nova vida no contexto artístico e formativo da EMAO.
Quero agradecer sinceramente a Begoña e a Carlos polo seu interese e sensibilidade co legado de Avelino Cachafeiro, e a Nicolás polo fermoso traballo realizado. Con iniciativas coma esta, a tradición segue viva e dialogando co presente.