Gustaríache colaborar neste proxecto?
A Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas tres das Pandeireteiras de Mens (Malpica). É unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se lle rendeu homenaxe á poesía medieval. Coa elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre.
A música foi da man da poesía nas súas primeiras manifestacións; así, coa oralidade como o seu medio de expresión e transmisión, amais do seu carácter colectivo, mantívose viva ao longo do tempo, desenvolvéndose no contexto das foliadas (polavilas ou seráns), celebracións da fin dos traballos agrícolas, con música e baile, ao xuntarse a xente arredor de cantadoras e pandeireteiras. Todo isto foi fundamental no rexurdimento da literatura galega e no seu desenvolvemento posterior.
As mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura: as pandeireteiras son consideradas un símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade; cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían os vencellos comunitarios no ocio colectivo.
Para celebrar e homenaxear a poesía popular oral, desde a Deputación de Pontevedra emprendemos o proxecto "Mozas da miña aldea. As cantareiras e a poesía popular oral na provincia de Pontevedra", unha actividade de visibilidade e posta en valor das cantareiras e da poesía popular oral transmitida na provincia de Pontevedra. Son moitas as mulleres e as agrupacións informantes de distintas zonas da provincia que transmitiron coplas e pezas da súa viva voz e pandeireta en man, recollidas en cancioneiros e reinterpretadas en traballos musicais e literarios.
Esta iniciativa pretende tamén poñer o foco naquelas persoas e colectivos que recolleron, traballaron e transmitiron o legado destas mulleres, o que permitiu que continuase a cadea da transmisión oral e non se perdese este valiosísimo patrimonio inmaterial que forma parte da columna vertebral da nosa tradición e da nosa cultura. A poesía popular segue camiñando con liberdade cunha perspectiva contemporánea e actual, grazas a grupos e artistas que parten da raíz da tradición oral para reinterpretala, sexa dun xeito fiel a como lles chegou ou para ir máis aló e mesturala con outras músicas.
O proxecto ten un formato audiovisual e vocación documental e didáctica; nel contamos coa participación de investigadoras e investigadores da música tradicional que participarán nos cinco capítulos dos que se compón e que se irán presentando ao longo do ano. Gravarase nas principais zonas de recollida da provincia, zonas rurais fundamentalmente, para recoñecer e poñer en valor o traballo das cantareiras desa aldea que foron informantes, das mozas que seguen a cantar e a transmitir o seu legado e tamén das e dos propios profesionais que o recompilaron no seu momento, o conservaron e transmitiron, e que o converteron nun valioso patrimonio oral que segue vivo.
O título está tirado dunha copla tradicional recollida en Sabaxáns, Mondariz.
Axudádeme a cantar
mozas da miña aldea,
axudádeme a cantar
que estou en terra allea.
Organización e produción: Deputación de Pontevedra
Coordinación do proxecto: Servizo de Cultura. Deputación de Pontevedra
Dirección e coordinación de contidos: Luís Prego Fernández
Investigación, participación e cesión de material de arquivo:
Luís Prego Fernández
María Prego Fernández
María Vidal Solla
Francisco Abollado Fernández "Pichi"
Marcelo Dobode
Alexandre Outeiro
Tamara Costas Caamaño
Carlos Álvarez Gómez
Xulia Feixóo
Guillerme Ignacio Costas
Narración: Aurora Muiños
Gravación e edición: Diego Bea Besada
Corrección de textos: Servizos Lingüísticos. Deputación de Pontevedra
Deseño da imaxe do proxecto: Servizo de Comunicación Institucional. Deputación de Pontevedra
Foto: Arquivo gráfico. Museo de Pontevedra