Gustaríache colaborar neste proxecto?
No lugar de Santo Domingo, no concello de Beariz, consérvanse dous palcos da música que, malia pertenceren a épocas distintas, comparten un mesmo propósito: servir como escenario para as celebracións, romarías e encontros comunitarios que durante décadas deron vida a este espazo.
O primeiro deles é o palco antigo, unha singular estrutura octogonal construída en grandes bloques de granito e situada xunto á igrexa. A súa forma poligonal, habitual nalgúns palcos tradicionais, ofrecía unha combinación perfecta de estabilidade e sinxeleza constructiva, ao permitir crear unha planta próxima ao círculo sen necesidade de labrar pedra curva.
Na actualidade, o palco non conserva a barandilla superior que probablemente tivo en orixe, e que serviría tanto para a seguridade dos músicos como para a delimitación do espazo de actuación. Co paso do tempo, a intemperie e o desuso foron borrando esa parte, mentres o musgo colonizaba a superficie da pedra, deixándolle unha pátina verde que lle confire un aspecto venerable.
Este escenario elevaba aos músicos por riba do chan, permitindo que a música se espallase pola carballeira durante as festas patronais. A proximidade á igrexa non é casual: o palco formaba parte inseparable do adro festivo, converténdose no punto central. A día de hoxe, aínda que xa non se emprega, funciona como un recordo vivo da memoria e identidade colectiva de Beariz.
A uns metros do antigo atópase o palco moderno, unha construción máis recente que responde ás necesidades das festas contemporáneas. De planta rectangular, o esceario destaca pola súa estrutura a dobre altura. Tamén destacar que a parte superior acolle o escenario, totalmente cuberto por unha ampla placa de formigón que ofrece protección fronte ao sol e á chuvia, mentres que a parte inferior funciona como espazo de almacenaxe. Este nivel inferior conta cunha pequena porta situada no lateral esquerdo, que permite gardar material e útiles necesarios durante as celebracións.
O acceso ao escenario realízase por unha escaleira lateral, que conducen directamente á plataforma superior. Ao redor desta, unhas barandillas metálicas proporcionan seguridade e ao mesmo tempo definen o espazo reservado para os músicos.
Este palco moderno asegura a continuidade das celebracións no tempo, mantendo viva a tradición musical e festiva de Beariz e complementando, sen substituír, a memoria representada polo antigo palco de pedra.