José Cortizo Martínez

José Cortizo Martínez (2 de marzo de 1926 - 17 de abril de 2020), veciño de Barro de Arén, percusionista (tambor) e compoñente das pandeireteiras de Barro de Arén.

No libro O código da vincha. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo, de Calros Solla publicado no 2012 (páxs. 142-151) podemos atopar a seguinte información:

Xosé Cortizo Martínez, Xosé da Fonte, naceu en Barro de Arén (Cerdedo) o 2 de marzo de 1926. Asistiu dende os seis anos á escola de don Xosé Outeiro, ensinante de Pardesoa, de onde saíu sabendo resolver a raíz cadrada e mesmo a cúbica. Aos dezasete anos, o seu tío, un irmán da súa nai, levouno a traballar para a cidade de Ourense, desempeñando labores administrativos vencellados coa construción da estación nova do ferrocarril A Coruña-Zamora.

Na cidade das Burgas fixo un curso de mecanografía que, segundo o noso personaxe, “valeu pra que non peghase gholpe na mili”, e así mesmo, formou parte, durante uns anos, da Coral de Ruada que, naquel tempo, guiaba con mestría o célebre gaiteiro e zanfonista Faustino Santalices. Xosé Cortizo, home modesto, escúsase dicindo: “Daquela, aínda tiña a voz algho boa. Cando me operaron da gharghanta, escaralláronma toda”.

Tras o servizo militar, casou coa súa moza, Alsira López, e retomou as tarefas administrativas en diversas obras desenvolvidas no concello da Gudiña (Ourense). Con posterioridade, o matrimonio viviu uns anos en Torrelaguna (Madrid), mentres se executaban as obras da Canle de Isabel II. Rematado alí o labor, desprazáronse a Barcelona, fixando a súa residencia en Arenys de Mar –curiosamente, o seu periplo vital conduciríao dun Arén a outro−, onde exerceu de encargado xeral de obras. En Cataluña residiron até a súa xubilación.

Home de mundo, adobía decote a súa conversa coa experiencia dos moitos anos vividos lonxe da Terra: “O que fun observando por aí adiante é que o ghalegho sempre foi moi apreciado. Os ghaleghos fóra de aquí somos máis que aquí... Dos cataláns, con todo o que dicimos deles, eu digho sempre: non faledes mal dos cataláns, porque eu nunca vin un catalán que falase mal de Ghalicia, e estiven en Cataluña corenta anos... Cando ías a Pontevedra e falabas ghalegho, eras un aldeán, un analfabeto, e non creas que che mudaron moito as cousas, aínda queda moito repunante na Boa Vila... Na escola peghábannos cando falabamos en ghalegho e, malia o castigho, seghimos sendo os que máis falamos a lingua propia... Foi unha época moi neghra que marcou moito, moito... Hoxe en día, hai moita máis variedade nas maneias de divertirse, pero con tanta televisión e tanta discoteca, ás veces semella que a xente perdeu un pouco o sentido común e foi esquecendo as raíces da súa cultura. As relacións humanas fóronse perdendo”.

Xosé Cortizo, poeta popular, cantador e acordeonista é, xunta á súa veciña e parente Manuela Cortizo, un dos artífices do rexurdir cultural da terra de Cerdedo...

Nunha das entrevistas realizadas contou a seguinte anécdota:

[...] naqueles tempos cun gaiteiro de Chamadoira, tiña o ronco así pra riba, fun con el a tocar o tambor a un baile a Presqueiras e díxome "tí espérame aí..." e marchou cunha moza e eu estiven esperando alí dúas horas, cun plato de filloas [...]

José Cortizo Martínez.

Alsira López e José Cortizo.

Poemas da súa composición:

A ALDEA DORMIDA

Andando polos camiños
de aquela aldea dormida,
sólo o silencio che fala
sólo el alí é a vida

Vexo paredes de pedra
que o seu tellado marchou,
co recordo de aquela xente
que tantos anos tapou.

Sinto o chorriño da fonte
que alegre o silencio espanta,
en esa aldea dormida
onde sólo a auga canta.

Así as vexo morrer.

O CAMIÑO DO MONTE

Aquel camiño de pedra
que pro monte nos levaba,
o toxo foino tapando
de el, xa non se ve nada.

Dormidas quedaron as pedras,
sin que as desperte ninguén,
aqueles que as puxeron
dormidos quedaron tamén.

Veume alumenando a lúa
cando viña pra ruada,
ahora vexoa dentro
na túa cara parada.

Alalá - As Pandeireteiras de Barro de Arén

Programa Alalá, da Televisión de Galicia, adicado ás pandeireteiras de Barro de Arén.
Data de emisión: 6 de xuño de 2006 na Televisión de Galicia

Achegámonos ó concello de Cerdedo para coñecer ás Pandereteiras de Barro de Arén. Foi o propio grupo, durante a gravación dun programa en Soutelo de Montes, o que convidou ó equipo de Alalá a se achegaren ata a súa aldea, Barro de Arén.

O programa aceptou a invitación e descubriu un fermoso lugar no que antes apenas chegaban as leiras para todos os veciños mentres que agora sobran porque só viven unhas oito familias. Iso si, todos eles saben cantar e bailar. Por iso hai uns anos comezaron a chegar rapaces e rapazas interesados en recoller o repertorio tradicional desta zona da comarca flanqueada polas cotas da Serra do Seixo.

Grupos como Treixadura, O tear de Llerena ou Donicelas, teñen no seu repertorio pezas e coplas que saíron de Barro de Arén. Co fin de recompilar esas pezas, os veciños comezaron a xuntarse de novo, recuperaron as pandeiretas que levaban anos abandonadas e volveron a cantar e a bailar como cando eran novos. A memoria prodixiosa de Gurmesinda e de Manuela garda un arquivo inesgotable de letras e melodías. De feito no primeiro disco que acaban de editar, “Cerdediño p’rós amores” conten un total de trinta temas e, segundo elas, aínda teñen motísimos mais por gravar.

Unha desas pezas é o popular “Arrieiro” que Manuela aprendeu de seu pai cando era nena e que esta muller, que ademais compón, canta coma ninguén. No grupo contan tamén coa voz e co talento de Xosé, que despois de percorrer case toda España por cuestións de traballo, volveu a Barro coa súa muller, Alsira, onde agora, xa xubilado, canta e tamén escribe cancións. Por suposto, el non foi o único que percorreu mundo, outras pandereiteiras como María, Felicitas, ou Lola estiveron tamén en Suiza, Barcelona e Francia. A emigración marcou a vida desta aldea na que apenas hai xente nova xa que os fillos de maioría destas familias están espallados polo mundo, desde Pontevedra ata Canarias, Madrid ou Andorra.

Pero ademais de falar de todo isto comprobaremos que os veciños de Barro de Arén non precisan máis que xuntarse para facer festa e en canto soa a pandeireta saen todos a bailar. Sobre todo Delmira, unha muller incrible que con 91 anos segue ensínandolle ós máis novos como se baila unha muiñeira ou unha jota.

Enlace orixinal: Alalá nº 16 “Pandereteiras de Barro de Arén”

Milenio - Portalén, porta ao máis aló

Milenio - Portalén, porta ao máis aló

Hai entidades malignas que poden habitar na nosa casa? Que forza invisible hai detrás deste fenómeno? Poden manifestarse despois dunha sesión de espiritismo? E o máis importante, poden quedar dentro do noso fogar, como se unha maldición afectara aos obxectos da nosa casa? Así o aseguran as testemuñas que falaron das súas experiencias diante das cámaras de "Milenio". Existen puntos na xeografía galega nos que, desde hai séculos, a tradición asegura que actúan como portas ao máis aló. Por que? Que teñen de especiais estes enclaves? Hai lugares da xeografía galega que poden ser unha porta a outras dimensións? Na segunda parte do programa descobrimos os segredos de Portalén, no Monte do Seixo.

Roteiro - Os gaiteiros de Soutelo

Gravado por Rubén Troitiño

Os “Roteiros pola tradición musical da provincia de Pontevedra” foron unha iniciativa da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s co apoio da Deputación Provincial de Pontevedra, cos que se pretende dar a coñecer e poñer en valor a figuras e formacións senlleiras da provincia, hoxe referencia imprescindible da nosa música tradicional.

O programa constou de 6 roteiros, nos que os participantes fixeron un percorrido pola vida e obra destes personaxes ou formacións a través dos espazos que habitaron, da man de guías especialistas na súa historia e que acompañaron a súa narración coa música grazas a participación de solistas e grupos de música tradicional.

Programación: Os gaiteiros de Soutelo
Sábado 1 de xuño de 2019 Soutelo de Montes – Concello de Forcarei

Discografía

Cerdediño p'os amores

Ficha da gravación

Cantaron e tocaron:

  • Gumersinda Castro Porto (Ghumersinda das Dieghas, Barro 1927). Voz e pandeireta en todos os cortes agás o 1, 6, 7, 14 e 20.

  • Manuela Cortizo Medal (Manuela das Marianas, Cerdedo 1930). Voz e pandeireta en todos os temas agás o 1, 6 e 20-24.

  • Rosa Castro Porto (Rosa das Dieghas, Barro 1934). Voz nos cortes 2-5; 13, 15-18 e 26-32.

  • Alsira López Álvarez (Alsira dos Carballeiros, Barro 1926). Voz nos cortes 2-5; 13, 15-18 e 26-32.

  • Felicitas Martínez López (Feli da Helena, Barro 1932). Voz nos cortes 2-5; 13, 15-18 e 26-32.

  • María Martínez López (María da Helena, Barro 1939). Voz nos cortes 2-5; 13, 15-18 e 26-32.

  • Clara Ruzo Sueiro (Clara dos Ruzos, Meilide 1935). Voz e pandeireta nos cortes 13, 15-18 e 26-32.

  • José Cortizo Martínez (José da Fonte, Barro 1926). Voz nos cortes 6, 13, 31 e 32.

Tamén axudaron:

Sinda: voz no corte 19.

Marcelino: bucios no corte 1.

José da Bandeira: pandeireta no corte 32.

Guillerme Ignacio Costa: gaita de fol nos cortes 13 e 32.

Produción musical: Pandereteiras de Barro de Arén/Guillerme Ignacio Costa.

Técnico de son: Valentín.

Deseño gráfico: Tent’a Toura.

Textos: Guillerme Ignacio Costa.

Gravado e mesturado nos estudios Phonos da Estrada entre os meses de Decembro do 2005 e Febreiro do 2006.

O noso fondo agradecemento ao Concello de Cerdedo pola seu decidido apoio a este proxecto. Tamén graciñas a José de Xirandola pola súa colaboración, e a Xerardo Albela dos Raiceiros polo punteiro de si.

Guillerme Ignacio Costa

Fotografías

Fotografía en Barro de Arén.

José Cortizo no VI Festival de música tradicional de Cerdedo festexando o 25 aniversario do grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo.

Xunto a tres membros do grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo. De esquerda a dereita: José Luis Troitiño, Francisco Villanueva, Manuel Campos e José Cortizo.

Vídeos

Dixitalizado: Rubén Troitiño

Gaita: José Fernández Canosa, "o ghaiteiro do Piñeiro"
Tambor: José Cortizo Martínez, "José da Fonte"
Bombo: José Álvarez Sieiro

Actuación das "Pandeireteiras de Barro de Arén" xunto con tres dos membros da "A. C. Os Abrentes de Cerdedo", Rubén Troitiño (gaita), Jesús Pérez (tambor) e José Cudeiro (bombo) no programa da TVG "Luar" na presentación da "IV Festa Gastronómica do Xabarín" de Cerdedo.

Polafías da AELG

Que son as polafías?

Unha aposta da AELG a prol da literatura galega de tradición oral.

As polafías son un proxecto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo Vogalía de Literatura de Tradición Oral (Antonio Reigosa e Lois Pérez), Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.

A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,...) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.

O formato das polafías require a presenza dun/ha mantedor/a, divulgador/a ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor/a de feitío popular; dun/ha músico/a, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores...etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles/as son os/as auténticos/as protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.

O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.

Colaboraron na organización

  1. Asociación Cultural e Ecoloxista “Verbo Xido”

  2. Calros Solla

  3. Concello de Cerdedo.

Agradecementos

  1. Antón Castro, Manuela Cortizo

  2. José Cortizo

  3. Sinda Álvarez

  4. Pura Lavandeira

  5. Pandeireteiras de Barro de Arén

  6. Os Abrentes de Cerdedo

  7. Rubén Troitiño

  8. Tear de Llerena

  9. Marcelino Sieiro.

Patrocinador

  1. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural

  2. Consellería de Cultura

  3. Xunta de Galicia.

Coordinou

  1. Antonio Reigosa (vogal responsable da Sección de Literatura de Tradición Oral)

Artigos relacionados