A procura da nosa identidade
Terra de Montes

Deputación de Pontevedra

Servizo de Publicacións

Primeira edición. 2007

© Da primeira edición: Diputación de Pontevedra. Editorial
© Dos textos: Os autores
© Das fotografías: Os autores

Nesta publicación poderemos atopar o seguinte artigo de Azucena e Dolores Arias Correa sobre cantigas recollidas á María Laura Correa Rivas:

Escolma de cantigas nun recuncho da Terra de Montes

AZUCENA ARIAS CORTEA. CEIP de Vilaverde - Mourente
DOLORES ARIAS CORREA. CEIP de Viñas - Poio

A riqueza cultural de calquera pobo mídese non só polo seu patrimonio histórica-artístico senón tamén polas manifestacións orais. A tradición oral popular forma parte do patromonio inmaterial que debe ser recollido, coñecido e conservado. A este ámbito pertencen diferentes textos de literatura oral como lendas, contos, romaces, paremias, refráns, adiviñas, ditos e cantigas.

A través destas manifestacións da cultura propia é posible identificar as claves da expresión dun pobo que se foi transmitindo de xeración en xeración, de nais e pais a fillos e fillas e ata a netos e netas.

Non será con este artigo co que se tente indagar a esencia de todo un o patrimonio oral de séculos, só pretende ser unha pequena contribución á recuperación da tradición oral cantada dun lugar do concello de Forcarei (Presqueiras). Este anaquiño da literatura popular chegou a nós a través da nosa nai, á que lle debemos que nos deitase nos oídos un tesouro tan valioso -mesmo nos intres en que non estabamos dispostas a escoitalo- e á súa insistencia en repetirnos unha e outra vez retazos da súa memoria, en escribilos e mesmo grabalos. Este é o motivo polo que hoxe podemos poñer aquí algo dese legado.

O patrimonio musical é sen dúbida moi amplo¹, por iso a nosa intervención se limitará a recompilar, de xeito moi subxectivo, algunha cantiga das que temos coñecemento, evitando mencionar aquelas máis repetidas nos cantigueiros e que tamén forman parte, por suposto, do acervo cultural da nosa bisbarra².

Neste espazo que se nos brinda procuraremos reunir algúns exemplos de cantigas propias de diversas épocas do ano, cantigas para acompañar traballos, cantigas para acompañar o baile,...

Respecto da lingua que aparece nas cantigas, un primeiro dato a salientar é que, inda que as examinemos superficialmente, observaremos que existe certa cantidade de composición en lingua castelá. Isto pódese atribuír á emigración temporeira a Castela, que permitía traer ó lugar unha importante bagaxe de coplas desa zona; á chegada de persoas de fóra para traballar nas minas (minas do Rego da Auga³- Estañíferas de Galicia); e a influencia durante o século XX de ambientes castelanizantes (igrexa, escola,...).

Todas estas influencias provocaron unha interrelación entre castelán e galego, de xeito que se pode atopar cantigas galegas traducidas ó castelán e viceversa, e mesmo outras nas que aparecen palabras das dúas linguas. Procuramos transcribilas respectando a lingua na que nos foron cantadas.

Para clasificalas non se seguiron criterios alfabéticos senón temáticos:

A clasificación que propoñemos non ten a pretensión de ser totalmente exacta ou exhaustiva, o que por outra banda non nos semella nada doado pois hai cantigas de difícil inclusión, ben polo seu tema, ben porque poderían pertencer a máis dun grupo. Decidimos consignar aquí maioritariamente só estrofas de catros versos, inda que existen composicións máis extensas e máis curtas.

1. Cantaban ó amor, ó desamor, ás plantas, ós animais, ás festas, ós santos e ás santas, ás penas, ó traballo, á parroquia, á familia, etc.

2. Un exemplo é:
Non chas quero, non chas quero / castañas do teu magosto, / non chas quero, non chas quero / que me cheiran ó chamusco.

3. Unha cantiga coñecida polas traballadoras e polos traballadores da mina de Presqueiras era:
Las minas de Rego de Auga / por cierto son las mejores / montadas de pico y pala / y buenos trabajadores. / Los que trabajan en ella / trabajan como leones. / Dale, compañero dale / y no tengas cobardía, / si te rompiera una mano / la paga la compañía.

CANTIGAS RELACIONADAS COAS FESTAS CÍCLICAS ANUAIS

A maioría das cantigas de Nadal versan sobre o nacemento do neno Xesús, da adoración dos Reis e da celebración deste evento na igrexa. Nelas aprézanse a enorme afluencia do castelán. Algunhas son unha interpretación-narración do acontecido en Belén e semellan estar inmpomletas ou inacabadas

Nochebuena, nochebuena,
noche de la Navidad,
Nochebuena, Nochebuena,
no sé cuándo volverá.

Doce manzanas traemos
en este bendito ramo
para darle al señor cura
que diga la misa del gallo.

Esta noche es Nochebuena
no es noche de dormir,
que está la Virgen de parto
y a las doce ha de parir.

A las doce de la noche
parió la Virgen María
un niño como una estrella
que al Cielo resplandecía.

Venimos los tres Reis Maghos
que venimos del Oriente,
venimos a visitar el fruto
de vuestro vientre.

En el portal de Belén
ciudad de Ghalilea
donde la Virgen parió
una relumbrante estrella
¿Cómo estás Virgen parida?
¿Cómo estás Virgen doncella?
Estoy buena San José
no dejo de tener pena
de ver al Hijo de Dios
nacido en tanta pobreza.
Sin tener en que envuelva
sino en una poca de hierba,
la mula bien se la come
y el buey mejor se la lleva.

O Entroido era unha festa celebrada na aldea pola veciñanza, supuña festexos variados, divertimento,... Todo isto se reflicte nalgunhas cantigas, como por exemplo nas seguintes:

O pandeiro non ten coiro,
o pandeiro non ten coiro,
que llo quitaron os mozos
para corre-lo Entroido.

Vén aí día de Entroido
Dios o traia si convén,
hei de estrenar un vestido
do color do caravel.

CANTIGAS QUE CITAN A PROPIA TERRA

Existen variadas cantigas que falan da propia terra e dos arredores. A maioría delas fano gabando aspectos como: a auga, as mozas e os mozos, os productos, etc. Algunhas destas cantigas acostumaban aparecer en xuntanzas, onde era doado que houbese xente de diferentes pobos, parroquias,... Xunto a elas ás veces xurdían cantigas que aludían ós lugares próximos, indicando certa rivalidade.

Todos din viva Carballo,
todos din viva Carballo,
yo también digo que viva
la tierra donde le hallo.

Quen me dera en Soutelo
unha variña de terra,
para ir bota-la aghua
e pasearme por ela.

Hache de ser de Soutelo,
de Soutelo che ha de ser,
hache ser de Soutelo
a augha que hei de beber.

Outeiriño todo ten,
Outeiriño todo cría,
boas mozas e bos mozos
boa cara de aleghría.

Heime casar no Samarco
que é terra de moito pan,
o forno da miña soghra
bota silvas polo vran.

Outeiriño é boa vila,
Outeiriño é boa vila,
se non foran as montañas
que ten ó lado d'arriba.

Subir e beixa-la costa,
subir e beixa-la costa,
ós mociños de Presqueiras
pouco traballo lles costa.

As mociñas de Presqueiras
elas moi bonitas son,
delghadiñas da cintura,
e aleghrés do corazón.

Indo por Ghisande arriba
non hai vara que cortar,
os mozos e mailas mozas
rabean por se casar.

No medio de Outeiro
hai unha fonte redonda
onde sentan as mozas
para botar unha ronda.

CANTIGAS RELACIONADAS CO AMOR

Cantar ó amor e a outros aspectos con el relacionados é un aspecto común de todos os pobos. Hai cantigas que falan do namoramento, das rondas, dos celos, do desdén, da loa a partes do corpo da persoa amada, da soidade, da traizón, do engano, ... Adoitan ser as cantigas máis numerosas e as máis presentes nos diferentes festexos.

Se souberas que ti viñas
como de certo viñeches,
mandaba varre-la rúa
cun ramiño de acibeches.

Tirei un limón na presa,
na túa porta parou,
non é bo querer un home
sin sabe-la condición.

Anque me vexas con outro
non me pérda-lo cariño,
onde che se fai o lume
sempre queda un rescaldiño.

Me quisiste y me olvidaste
y hoy me vuelves a querer,
zapato que he deshecho
no me lo vuelvo a poner.

Moi ben che está o sombreiro
posto encima dos ollos,
moi ben che está o sombreiro
non lle está así a todos.

A raíz do toxo verde
é moi mala de cortar,
os amoriños primeiros
son moi malos de olvidar.

Anque somos d'alá riba
á par do toxo molar,
sabemos da-lo cariño
a quen nolo sepa dar.

Si souberas que ti dabas
pasadiñas por me ver,
tamén che daba palabra
d'outros amores non ter.

Escribíache unha carta
pero non teño papel,
para ti meu queridiño
na folla dun carabel.

O cariño que che teño
máis o que che hei de ter
cabe no cu dunha aghulla
¡mira canto pode ser!

Suspirando dei un ¡ai!
Suspirando un ¡ai! daría
Suspirando dei un ¡ai!
por un amor que quería.

Algún día era yo
de tu jardín jardinera
y ahora veo que tienes
otra jardinera nueva.

Embarquei no mar de Vigo
na casca dunha cebola
si por min perdiches sonos
pódelos durmir aghora.

Non te mates por tomates
que os hai na tomateira,
mátate por ter amores
na parroquia de Presqueiras.

Desde tu casa a la mía
hay una larga cadena
toda llena de suspiros,
toda de suspiros llena.
si me quieres escribir
te diré mi paradero,
la calle de la Firmeza
con el número primero.

Todos me din que me caso,
¡mira que barbaridad!
yo le respondo a la gente
envidia no es caridad.

Chamáchesme moreniña,
branquiña vaite lavar,
disme que non teño amores
inda chos podo emprestar.

Paxaro que vas voando
e no pico levas fío,
dámo para coser
o meu corazón ferido.

Teño de morrer cantando
porque chorando nacín,
eu nacín para quererte
e ti p'ra quererme a min.

CANTIGAS RELACIONADAS COA EMIGRACIÓN

Sendo como é unha zona na que tivo moita relevancia a emigración, non podía faltar cantigas que a ela se referisen dun ou doutro xeito. Emigraban a Castela, a América, ... e isto é o que se reflicte nelas.

Saudades levo
das nenas do meu lughar,
saudades levo,
tamén as deixo quedar.
A la Habana me voy madre
aunque sea por un año,
aunque no traiga dinero
siempre soy americano.

- A la Habana me voy madre,
écheme su bendición.
- Échela Dios del cielo
hijo de mi corazón.

Quen me dera estar tan alta
como o sol de mediodía
para ver os meus amores
nesas terras de Castilla.

CANTIGAS RELACIONADAS CON TRABALLOS COTIÁS E PROFESIÓNS

A vida cotiá forma parte das cantigas; hainas relacionadas con oficios (canteiros, arrieiros, costureiras, ferreiros, ...) e con diferentes traballos típicos da zona (arada, sega, esfollada, espadela, mata, muiñada, malla, ...). Mesmo é posible atopar cantigas para acompañar os diferentes labores.

Esta terra non é miña
se non é inda será,
sementei o trigho nela
non sei si me nacerá.

Miña nai, miña naiciña
aprendeume a costureirar,
se chove non me mollo
e si vai sol non me queimo.

O mes de maio vai vindo,
o mes de maio vai vindo,
vámonos indo canteiros,
canteiros vámonos indo.

Xa fun zapateiro, teiro
xa fun labrador,
xa fun zapateiro, teiro
de Soutomaior.

CANTIGAS RELACIONADAS CON CELEBRACIÓNS FAMILIARES E CON MEMBROS DAS MESMAS

Abundan as cantigas que falan das relacións familiares e das diferentes celebracións cando se reunen ás familias (vodas, bautizos, festas, ...). Son copiosas as que fan mencións ás sogras (sendo algunhas burlonas e mesmo escarniosas) e ás nais.

Se te casas en Ourense
pídelle a proba primeiro,
a cacheiriña do porco
e o viño do ribeiro.

El día que yo me case
quiera Dios que no aparezca
ni el cura, ni el sacristán,
ni las llaves de la iglesia.

Miña nai doume unha tunda
co aro dunha peneira,
miña nai teña vergonza
que vén a xente da feira.

Miña sogra é aforradora
do que non pode ghastar,
inda te un unto vello
dos porcos que ha de matar.

Mi madre cuando era moza
era la flor del romero,
yo como soy hija d'ella
el mismo camino llevo.

Miña cuñadiña nova,
meu irmán que che ha de dar,
papas de fariña trigha,
ó almorzo e ó xantar.

CANTIGAS QUE USAN DO SANTORAL

Entre este tipo de cantigas moitas expresan a devoción a un determinado santo ou a unha determinada santa, xeralmente localizados en santuarios achegados. Son especialmente abondosas as que se refiren a imaxes veneradas na parroquia, nos arredores ou no concello. Hai moitas investigadoras e investigadores do folclore que inclúen este tipo de composicións entre as de tipo relixioso, xunto coas que se refiren á igrexa, ós sancristáns e ós cregos (tanto as que resaltan aspectos positivos coma negativos).

Por dicir ¡Viva San Roque!
levarono ó meu irmáu
e aghora que está na cárcel
¡viva San Roque e o pau!

O Señor Santo Domingo
é un santo moi avogoso,
pedinlle un mozo bonito
e doume un barbas de raposo.

Ó Señor Santo Domingo
¡canto hai que non o vin!
O día catro de agosto
na porta lle aparecín.

Todos os venres do ano
récolle a Santa Teresa,
que Dios me dea unha sogra
que teña a lingua presa.

CANTIGAS DE FESTA

Baixo este epígrafe recollemos cantigas que eran cantadas en romarías, ruadas, etc., e que mesmo as mozas e os mozos cantaban e bailaban en festas espontáneas ou preestablecidas. Os instrumentos musicais empregados na maioría os de percusión indeterminada e a gaita.

A pandeireta rompeu
¡santísimo sacramento!
a pandeira rompeu,
mételle as ferriñas dentro.

O pandeiro ten a culpa,
o pandeiro tena toda,
o pandeiro ten a culpa
que lle dan e non resona.

Cantemos todos en roda
cantemos todos en roda,
non quero que aquí se meta
outro que veña de fóra.

Hei de tocar coma un tolo,
hei de tocar coma un tolo,
heivos fartar de bailar
coma se fora de bolo.

Si por cantar me pagaran
había de cantar ben,
pero como non me paghan
hei de cantar como sei.

O pandeiro toca ben,
as ferriñas danlle o son,
as meniñas que o tocan
elas de Outeiro son.

Que ben vai a foliada,
que ben vai a foliada,
pola porta para dentro
hoxe non entra máis nada.

Alto que viene la ronda,
alto que la ronda viene,
alto que no viene sola,
alto que sola no viene.

O ghaiteiro de Soutelo
vai tocar a Millerada,
si ese ghaiteiro non vai
o baile non vale nada.

E que to que o ghaiteiro
e que volva a tocar
e que toque o ghaiteiro
que eu quero bailar.

CANTIGAS DE REGUEIFAS

Hai cantigas nas que se producen desafíos ou párrafeos con composicións enxeñosas que podían aludir a persoas, a outros pobos, ... en forma de contenda. A maioría delas eran improvisadas, máis tamén existen unhas poucas que non o eran.

Cantiñas a desafío
non chas quixera botar;
eramos moi amighiños,
non te quixera enfadar.
Inda che hei de botar unha
inda che hei de botar outra,
inda che hei de botar unha
que cha ha de queimar a roupa.

- Pasei pola túa porta
abrín os ollos e vin
un letreiro que dicía:
"eu para ti non nacín".

- Eu coma sabía ler
quitei un e puxen outro:
"se ti p'ra min non naciches
eu para ti tampouco".

Los amores que tú tienes
primero los tuve yo.
Me alegro que te diveiertas
con lo que a mi me sobró.

Chamáchesme piro aghuado
porque nacín en xaneiro,
pero ti non es o ghalo
que canta no meu poleiro.

OUTRAS

Neste apartado quixemos recoller unhas poucas cantigas con temática e contido diverso, dificilmente encadrables nos anteriores.

Non chas quero, non chas quero,
nabizas do teu nabal,
non chas quero, non chas quero,
que me poden facer mal.

Si queres que o carro cante
mételle o eixo no río,
despois do eixo mollado
canta como un asubío.

O corazón dunha pulga
quen o soubera guisar,
daba xantar e merenda
e cena para cenar.

Eres una lleva y trae
que andas llevando y trayendo,
eres correo de muchos
¡cuánto te estamos debiendo!

O cuco e maila rula
son moi bos compañeiros,
cando chega o mes de maio
andan a quen canta primeiro.

Artigos relacionados