Gustaríache colaborar neste proxecto?
María Baselisa Argentina Doval Mariño naceu no lugar de Masgalán de Arriba, na parroquia de Aciveiro. Este dezaseis de setembro de 2025 cumprirá noventa e cinco anos, e lévaos ben levados. Ten tres nomes, pero todos a coñecen como Baselisa, aínda que o seu home, José Doval Canabal, sempre lle chamaba María. Coñecéronse ruando, como era costume, e así comezou unha vida chea de música, bailes e memorias que Baselisa aínda conta coa mesma viveza de cando era nova.
Daquela, os invernos eran duros, longos e fríos, con noites de neve, vento e choivas persistentes. Pero, aínda así, a xente non se deixaba vencer pola dureza da estación. As noites enchíanse de vida nas ruadas, que se facían á luz dos candís. Ás veces, xuntábanse nos baixos das casas ou nas palleiras. Baselisa contaba unha anécdota sobre iso: as veciñas do lugar decidiron construír un caseto para poder facer as ruadas e fixeron un entre todos con paus, xestas e palla, aproveitando que daquela había moito centeo e sobraba material. Non todo era ledicia, porque os mozos do propio pobo, que non querían forasteiros nas festas, viñeron unha noite e queimárono. A pesar diso, e malia as dificultades do tempo, as ruadas non paraban, e cada xoves e domingo os mozos e mozas seguían a xuntarse para cantar, tocar e bailar, fuxindo así do frío e da escuridade ata que comezaba a Coresma.
Ela recordaba así una copla que dice o seguinte:
Adiós martes de entroido
nunca te houbera no mundo
por unha noite de chea
sete semanas de auno*.
*xaxuar: Absterse de comer durante certo tempo.
As músicas que soaban nas ruadas eran a jota, a muiñeira, o pasodoble e tamén o "trepa toupeiros", que todos bailaban con entusiasmo. A pandeireta era a raíña das noites: dúas mozas tocaban e cantaban, mentres o resto bailaba. As pandeiretas sempre estaban preparadas no lugar da ruada, aínda que hoxe Baselisa xa non recorda ben de onde viñan, quen as traía ou onde as mercaban. Aínda ten recordo doutras compañeiras que tocaban con ela a pandeireta nas ruadas, coma Carme, outra Carme, Sofía ou Arghemira. Moitas veces tamén aprendían coplas novas que mercaban aos cegos ambulantes...
Foi así, entre bailes e cantares, como Baselisa coñeceu a José. Ela comenta que bailaba mellor o agarrado que o solto, e que ese sería o acompañante que toda a vida tería. Cando chegaban os días grandes, como o Entroido, polas portas das casas pasaban grupos disfrazados, emborrallados de borralla, e con paus longos cos que daban uns estacazos que facían correr á rapazada coma centellas. Tamén polo Nadal, no día de Reis, saían a pedir polas casas, e os veciños sempre lles daban algo de comer para manter viva a tradición.
No inverno, tamén ían ao baile de Aciveiro. Tocaba un acordeonista que viña de Marín, un home xa cunha certa idade, e ás veces tamén Paco do Cachafeiro, que era moi coñecido na zona. Para entrar no salón de baile había que pagar unha peseta, e o lugar ateigábase de mozos e mozas, e mesmo de xente máis maior que non quería perder a festa. Baselisa comentaba que, aínda que chovese a mares ou caese unha grande torada de neve, a mocidade de Masgalán non faltaba nunca, e logo de bailar, volvían para as súas casas cantando polos camiños, facendo así máis curto e alegre o traxecto ata a cama.
Aínda lle acordan algunhas coplas, aínda que, segundo conta, xa son moi pouquiñas das moitas que sabía, que pasaron moitos anos e, según ela, a memoria vai gastándose co tempo:
Muiñeira muiñeira
muiñeira ribeirana,
muiñeira muiñeira
tócocha de mala ghana.
Pensaches que te quería
érache un enghano teu,
nesa túa hermosura
non me namoraba eu.
Los amores que tú tienes
primero los tuve yo,
me aleghro que te diviertas
con lo que a mi me sobró.
Asómate a la ventana
que bien lo sabes hacer,
has perdido la verghüenza
no tienes más que perder.
O meniño ten soniño
e o soniño non lle ven,
a culpa é do soniño
que o meniño non a ten.
O meniño quere a teta
o meniño quere a teta,
seu pai vai no muiño
e sua nai na leña seca.
Merceditas tiene un novio
que Manolo se llamaba,
la venía a visitar
tres días a la semana.
Madre, Manolo no viene,
madre, Manolo ya tarda.
No te apures Merceditas,
no seas tan apurada.
Allá por la media noche
la llaman a la ventana,
levántate Merceditas,
levántate de la cama.
Aparéllame la mula
allá me voy volada,
por aquella costa arriba
no corría que volaba.
Al lleghar a aquellas casas,
las campanas redoblaban,
¿quién murió?, ¿quién muriría?,
murió Manolo del alma.
Ya se despidió la flor
de aquellos lindos florales,
ya se despidió Manolo
de la novia y de sus padres.
Masgalán de Arriba, 27 de abril de 2025.
Este artigo non tería sido posible sen a axuda de Noé López, a señora Baselisa e a súa familia.