Canteiros e artistas de Terra de Montes e ribeiras do Lérez
Antonio Rodríguez Fraiz

ANTONIO RODRÍGUEZ FRAIZ

Salvador Antonio Rodríguez Fraiz, nado en Tomonde (Cerdedo) o 30 de novembro de 1912 e finado en Campañó (Pontevedra) o 9 de xuño de 1995, foi un relixioso e investigador galego.

Máis información:

A continuación cítanse algúns dos músicos recollidos no libro por orde alfabético: 


ESTA INFORMACIÓN PODE TER ERROS

Andrés de Vilar

Gaiteiro, nado en Santa María de Groba polo 1570.

Un dos millores gaiteiros do séu tempo da Galiza. O 5 de xuño do 1608, en Cerdedo foi contratado pra todos os días da súa vida, con él «o tamburilero» Jácome Sieiro, de San Isidro de Montes, por Alonso das Bouzas, Pedro de Carballás, Pedro do Porto e outros, maordomos das confradías, dixeron:

…Por quanto ellos estaban congregados e ygualados en que el dicho Andrés de Vilar, gaitero, a de benir a tañer durante los días de su vida a la dicha fra. de Zerdedo a las cuatro Confradías della que son la Confradía del Santisimo, San Juan, El Rosario y San Roque… el qual ha de benir a tañer en cada un año myentras viviere el dia entero de cada una de las Cofradías y las bisperas dellas a de llegar a tañer a la misa mayor sin que en ello ni en parte dello haya falta ninguna...

También en las mismas condiciones hacen contrato con Jácome Sieiro, vecino de San Isidro de Montes, «tamburilero», si no viniesen y no mandasen sustituto pagarán el gaitero dos ducados y el tamborilero doce reales.

Las Cofradías habrán de pagarle por cada día cinco reales al gaitero y cuatro y medio al tamborilero…

…y los dichos Andrés de Vilar, gaitero y Jácome Sieiro, tamborilero, presentes dixeron que aceptaban y prometieron y se oblygaron en forma con sus bienes y personas… (1)


(1) Prot. Juan de Gosende, fos. 21 o 23, nro. 1699. Arq. Hist. Pontevedra.

Argimiro Regueiro

Mestre de escultura, talla e pintura, nado en Tomonde nos derradeiros do século XIX. Moi rapaz emigrou co pai a Bos Aires, onde asisteu a escola de Artes e Oficios, recibindo leiciós de dibuxo, pintura, escultura, talla, carpintaria e solfeo, formando parte da banda de música da capital da Arxentina. Polo 1920 voltou a Tomonde, onde desenrolou na Terra de Montes e outras partes da Galiza e Castela o arte da talla, escultura e carpintaria artística. 

Nas horas que o traballo lle deixou libres adicóunas a pintura e dibuxo. Os grandes lenzos que pintou pra eirexa de Tomonde cos motivos da Ascensión e a Samaritana, foron moi gabados polos entendidos na arte, hoxe xa non se alcontran na eirexa, sin que nos sexa coñecido o seu paradeiro. Teñen dibuxos, acoarelas e lenzos de este artista popular, antre outros o reitor de Amil don Amador Guinarte Vilaboa, Anxel Solla, a familia do que foi reitor de Tomonde don Franeisoo Gaiteiro Boullosa; o que escribe conserva, antre outros, un pequeno cadro, tiduado: «Pacariños de Vigo», do Vigo antergo, que é unha verdadeira xoia polo súa sinxeleza, armoñía e realismo. 

Home polifacético escribeu poesía e todos os «sermóns» e cantares que se padricaban e cantaban nas «cinzarradas» e carnavales, polos anos 1921 o 1936. 

Adicado a politica foi persoa que, pola súa cultura tiña que acharse presente nas mesas direitivas non somentes da sociedade parroquial, senón da comarcal de Deán, a que se achaban federadas todas as demáis. Na súa casa de Tomonde, tivo o pasamento o ano 1973.

Avelino Cachafeiro Bugallo

«O Gaiteiro de Soutelo de Montes», co pai e hirmáns Castor e Bautista foi, segun o Patriarca das Letras Galegas:

…o grande e puro artista, por Castelao abrazado en data solene pro esprito por toda Galiza, como o máis rexo e armoñoso carballo do bosque antigo…

O pobo quixo a estes artistas, admiróunos e sóupo avaliar o seu arte, poesía e música: Xoán Cachafeiro o vello abó, foi gaiteiro, Fermín, seu pai,

mestre de todos, a voce na gaita, da tradición e da casa, en santo adral campesío…

dí o mismo Otero Pedrayo. Na Terra de Montes hóubo sempre bós gaiteiros, lembramos antre outros no séc. XVI, a Diego da Cana, de Pardesóa; Andrés de Vilar e Xácome Sieiro, de San Isidro de Montes, no séc. XVIII; logo neste sec. Antonio e Francisco Cerdeira, pai e fillo de Cerdedo; Celso Regueiro de Tomonde; Adelino Pichel, de Forcarei e tantos máis, encheron, co séu arte, sons e ledicia, as terras e os ventos:

Dendes do Lérez lixeiro as veigas que o Miño esmalta…

Avelino Cachafeiro, naceu en Soutelo de Montes —Forcarei— o 26 de maio de 1899, morrendo na misma freguesía o 13 de abril de 1972. Leial a sua vocación artística, durante 73 anos de eisistencia levóu a todos os recunchos da Galiza as ancestraes melodías que máis parescían sons do Ceo que froito das máns dun home, anque estas fosen as máis xeitosas que coñeceran os tempos.

A Galiza era pequena pro seu corazón e trunfos. O 10 de agosto do 1924 foron nomeados en Santiago, como: «…Os mellores gaiteiros da Galiza»; nos derradeiros dias do mismo mes no Teatro Avenida de Bos Aires os trunfos dos «Gaiteiros de Soutelo», chamados polo Centro Galego e galegos todos da Arxentina, foron tan amplos e universáes que aquela xira artística, cabilada pra póucos días, durou meses; foron chamados a Montevideo, Santos, Sao Paulo, Río de Xaneiro, e outros estados do Brasil. Logo na España tocaron e cantaron en Madrí, achándose antre os ouvintes o Rei Alfonso XIII, logo en Barcelona, Valencia, Sevilla, Asturias… Castelao conta a ledicia sin lindeiros das xentes de Terra de Montes polos trunfos no mundo dos séus artistas máis representativos e populares, dí o esgrevio patriota: «…Benodecíamos: non hai quen poida co Gaiteiro de Soutelo…». E as laberquiñas de Montes cantaban ó seu paso e nos solpores souteláns:

Toca, gaiteiriño, toca,
meniñas, correi a velo;
que é moita gaita a gaitiña
do Gaiteiro de Soutelo.

Como sempre acontece con todo o noso, tanta groria axiña empezóu a devalar, a «Negra Sombra» entróu na casa dos artistas; ó vello petrucio e Bautista foronse pra sempre, a Castor levóuno a emigrazón, na ialma o cantar da morriña:

Cando saín de Soutelo,
os méus ollos eran fontes:
¡Adiós, montes de Soutelo!
¡Adiós, Soutelo de Montes!

Avelino, o xefe do grupo, perdida traxicamente a sua xóven e bélida dona, ficóu soio co arte no corazón. Cheo de saudade adicóuse as cousas máis desasemellantes: fixo pintura, caixas pra mortos, santos de páu, baile sin que él tocase, cine, escribéu versos, deixándonos o séu núme nun fermoso libro: «Voando cas Aás do Vento», amén de grande cantidade de inéditos… que pra o devandito Otero Pedrayo amosan:

…nova fórmula de arte social e galega do grande fidalgo Avelino Cachafeiro… quixo devolvere éco e voce ós montes e ós rios, as xentes e ós curazós… (1).


(1)    Bibliografía: Curros Enriquez, Otero Pedrayo, Castelao, Rodríguez Fraiz, Arq. Parroq. de Soutelo de Montes, Rivas Troitiño…

Celso Regueiro Quintillán

Gaiteiro, xastre, arboricultor, omitólogo e infindas cousas máis; nado en Tomonde nos derradeiros do século XIX, fillo de Xosé e Vicenta.

Moi rapaz emigrou co pai o Brasil, logo a Bos Aires, onde acadou os meirandes pulos no arte da confeición de roupa; polo 1928 voltou a Tomonde onde abreu obradoiro, axudándolle os fillos Xosé e Ramiro, sendo dos máis soados da bisbarra do Lérez.

Home bó e sensibel a música e o arte, cos fillos devanditos foi un dos millores gaiteiros da comarca polos anos 1928 o 1936. Amante da natureza ensinou os veciños a plantación, cultivo e importancia na pequena economía labrega do arbre froitable; con esto o respeito, cariño e percuro dos paxariños de xaula e en libertade. Morreu en Tomonde no 1950.

Diego de Cana

Nado en Pardesoa, no primeiro terzo do século XVI.

Un dos millores gaiteiros de todos os tempos da Terra de Montes, na que tantos artistas da gaita agromaron; adicóuse con exclusivídade a arte popular, nas festas e romeirías da Galiza.

Con seguridade refirese a este vello gaiteiro a cantíga que inda se canta en Pardesóa:

Toca gaiteiriño, toca,
Toca sin te cansare;
Cas mociñas de Pardesóa,
Non che paran de beilare.

O 17 de febreiro do 1575, costa que:

…Diego da Cana, gaiteiro, y su mujer Catalina do Rio, vnos. de Pardesoa, hacen una venta a Bartolomé de Leiro «o vello» de una heredad sita en dicha parroquia… (1)


(1) Prot. de Juan Sieiro. Nro. 1681. Arq. Hist. Pontevedra.

Fermín Cachafeiro

Nado en Soutelo de Montes polo ano 1868. Dende rapaz aprendeu co pai Xoán Cachafeiro a tocar a gaita e demais instrumentos; mentres viviu o vello gaiteiro tocou con el o tamboril; logo a gaita co acompañamento dos fillos Avelino, Bautista e Castor, axudándolles algunhas vegadas a súa dona, facendo así realidade a cantiga:

O gaiteiro toca a gaita
a muller toca o tambor;
os fillos tocan o bombo
o can ládralle o roncón.

Cando os fillos Avelino, Bautista e Castor acadaron os maiores éxitos e sona —1920 a 1930— o vello Fermín tocaba o bombo, sendo ademais coa sua ledicia o meirande animador do Grupo, por todos admirado e querido deica o pasamento en Soutelo no 1930.

Francisco Cerdeira Fernández

Gaiteiro, trompetista, direitor de banda de música, zapateiro, carpinteiro e moitas cousas máis, nado en Cerdedo o 24 de abril do 1884, fíllo do gaiteiro Salvador Cerdeira e Encarnación Femández. O 22 de maio do 1921, casou con Filomena García Leiro.

Achámonos diante dun dos millones gaiteiros de Terra de Montes, onde tantos e tan bós agromaron; ademáis da gaita tocaba toda clás de instrumentos, sobor de todo a trompeta, sendo famoso en toda a bisbarra e provincia. Polo 1925 fundóu e dirixéu unha academia de música e banda en Cerdedo de uns trinta homes de fama en toda a comarca, perante anos aledou as festas das freguesías da redonda, así como os casamentos, ruadas.

No 1933 escamalláronse os músicos formando dúas agrupacións máis, sendo a do mestre a mais cobizada pola xente.

Cando non tiña festas traballaba de carpinteiro e zapateiro deica o pasamento o 12 do abril do 1957.

Francisco Regueiro Moreira

Mestre de carpintaria, canteiria e escolante.

Achámanos diante dun dos homes mais apaixoantes da Terra de Montes o que ó traveso dos 77 anos de vida desenrolou toda clas de traballos manuales, artísticos, intelectuales e docentes. Naceu en Santa Mariña de Tomonde —Cerdedo— o 15 do outono do 1884, fillo de Gumersindo Regueiro Pérez e de Benta Moreíra Alonso, nada en Sabucedo a onde se foi vivir o ficar viuda cando o neno tiña somentes 11 meses. Ós cinco anos asisteu a escola do ex seminarista e cereiro Xosé Cabada e logo a do escolante don Xosé Carballeda, di a este respeito nas «Memorias» que deixou da súa vida, gardadas polo fillo Francisco Regueiro Rivas, tamén escolante: «…aprendí la lectura en un manuscrito de Saturnino Calleja y en unos ejemplares llamados «Proceso» que era un libro de lectura que se adquiria en las Audiencias y que contenía causas y procesos habidos, y que se adquirian en los pueblos traidos por los papeleros que los vendían y cambiaban por trapos y chatarra…» Ós dez anos e meio deixou a escola para adeprender oficio inda que a súa paíxón e vocación era a cultura, o saber, o insino, di:

…y con los libros que tenía (o deixar a escola) y otros que fui adquiriendo en la feria de Codeseda mejoré notablemente mis conocimientos…

No 1897 encetou a vida de traballo como aprendiz de carpintaria co tio Xoán Moreiras, fóronse pra vila de Ares como carpinteiros de ribeira, a soldada un real a semán ó remate déulle seu tio 15 pesos: «…para traer para la casa y arreglar la vida todo el invierno…» A volta comprou na vila da Estrada unha serra para con ela e unha machada facer alguns traballos na casa. Como de carpinteiro non había moito traballo, no 1899 o devandito tio empregóuno de canteiro nas fortificacións de Montefaro-Cervás —Ares— as ordes dun mestre de Codeseda.. As baterías de Coitelada, Bailadora e o Segaño amosan inda hoxe o bon facer de este aprendiz de canteiros e infindos mestres de Codeseda, Arca, Souto, Quireza, Sabucedo, Tabeirós…

A pregazón da naiciña que o quería a súa veira, traballou de carpinteiro con un mestre de Codeseda, arte ésta que con mais ou menos adicazón non a deixou mais, dende o 1900 traballou pola súa conta gañando cinco reás, traballando 12 horas a mantido; na casa onde naceu o que escribe inda se conserva unha mañifica mesa redonda cos pés torneados, obra con outras do mestre.

Decote inquedo e de infindas posibilidades, ós 16 anos tocaba o armonio na parroquia, dende ben rapaz tocou o caramel soio e cos gaiteiros que viñan as festas da parroquia, encetando a tocar a gaita que lle deixaban os gaiteiros, como adiantaba moito pregabanlle que adequerise unha, así o fixo:

…El dia 5 de noviembre de 1905, pasé a Bugarín y la compré la gaita a un gaitero que habia allí, le pagué por ella 12,50 pts. y un tambor 2,50; luego fui a Santiago y compre bombo y platillos y comencé actuar por las parroquias mas inmediatas hasta Cerdedo, Forcarey… Los contratos eran muy bajos, las fiestas se contrataban entre 10 y 12,50 pts. me solian quedar libres en cada romaria despues de pagar al cajero y bombero de 5 a 8 pts. llevando de casa la comida.

Logo construeu un muiño para a casa e a «maquía», tamén unha serra movida por unha gran hidráulica de madeira… Home popular e de todos benquerido, casou en Forcarei con unha bélida moza: Isolina López Chamosa o 24 do agosto do 1907 enchendo de ledicia o fogar dandolle dous filliños, pero esta felicidade rematou ben axiña, un dos fillos morreu o póuco do nacimento, a bélida dona tivo o pasamento o 1913, a sua naiciña o 1925; o desconsolo do mestre foi sin medida e máis cando a treidora morte lle levou o fillo que lle ficaba Anxel, ós 18 anos cando remataba a carreira do Maxisterio.

Si ben é certo que as disposicións para o arte e o traballo eran infindas en este home o intrés pola cultura eran sin medida e a idade dos 25 anos encetou os estudos na Escola do Maxisterio de Santiago —curso 1909-1910— rematando a carreira coas meirandes notas; xa mestre foi nomeado para a escola da Graña-Covelo; no 1914 para a Escola de Couso —Campo Lameiro—; o 1916, despois das oposicións comenentes chega o posto meirande por él desexado ser o primeiro Mestre Nacional do pobo onde vivía —Sabucedo— escola criada pola R. O. do 23 de Santos do 1915, sendo nomeado para a misma o 7 de xaneiro do 1916, co soldo de 1.000 pts. o ano. Como en Sabucedo non hai local para a escola, na Estrada dinlle que o arranxe él, enxergándoo persoamente na sua casa-vivenda, moi doado para aquel intre, como canteiro abrindo grandes fiestras e encerados nas paredes, baixiños pros nenos pequenos, para os demáis un de seis ms. de longo por dous de ancho; como carpinteiro fixo tamén as mesas, bancos e demáis material para a escola que foi modélica na comarca; porque tamén o era o mestre, en ela faciánse traballos de marqueteiria, planos da freguesia coas escalas comenentes, angulos, diagonales, camiños, regatos, rios e fontes, escola aitiva, estudos «in situ». Como bó músico creou coros na escola sin que faltasen os gaiteiros, cantando e tocando nas misas e procesións na parroquia e nas da comarca. Sin que ninguén lle pagase puxo escola para os maores, froito de esta laboura de 40 anos son na parroquia de 55 veciños uns 30 escolantes, catro cregos, dous ou tres médicos, cadeirádigos de Universidade e demais profesionaes en todos os ramos do traballo, esta laboura foi decote gabada polos Inspectores do Insino e polo Axuntamento.

Os veciños encarregábanlle as partillas, escrituras de compras e vendas; a él e ao bondadoso crego don Remixio acudían os frigueses cando xurdía antre éstes algunha barafunda.

O 3 de xuño do 1940,, casou novamente eoa dona María Arxentina Rivas Obelleiro, de esta vegada o Señor déulle a ledicia de outra muller bóa e un fillo que tanto desexaba, tamén gabado escolante, que moito o quixeron e axudaron deica o pasamento en aquel día tristeiro para Sabucedo e comarca do 24 de xaneiro do 1962; o corpo sin vida do gran mestre déulles a derradeira leición: a do amor e servicio os alumnos e veciños que o acompañaron cheos de door.

Home tan aitivo en todos os aspeitos da vida, inda tivo tempo pra traballos histórico-literarios da meirande importancia. Foi colaborador de case que toda a prensa da Galiza: «Faro de Vigo», «Correspondencia Gallega» dende 1915; «La Provincia», 1918; «Diario de Pontevedra», 1912; «El Emigrado», 1944, e outros máis. Como investigador nos arquivos parroquiais e comarcáns deixóunos a «Historia de Sabucedo», manuscrita a dúas tintas, libro obligatorio na escola; «Historia da Yeguada» e da «Rapa das Bestas», «Historia dos Cregos da Parroquia de Sabucedo», «Arbol Xenealóxico da Familia Mareira», da que él foi o derradeiro membro; todos se achan inéditos. A laboura como mestre deixóuna recopilada en dous volumes manuscritos a catro tintas nos que se alcontran según dí o fillo: «…los calendarios escolares, presupuestos, fichas antropológicas de cada uno de los alumnos, fichas sociológicas de los que iban abandonando la escuela y mil y una estadísticas de cada una de las cosas existentes en el pueblo. En ellos se contienen también el relato día a día de la vida de Sabucedo: el tiempo que hizo en cada mes, que frutos se recogieron, los acontecimientos de cada día en el pueblo, la epidemia de gripe del año 1919; la Guerra Civil, los mozos que marchaban, el duelo del pueblo por los que no no volvían (antre estes o millor alumno do Mestre, Adolfo ObeIleiro Garrido, morto no Sollube), en fin, cada una de las efemérides que tenían influencia en la vida de su parroquia y escuela».

Foi un verdadeiro mestre en todo e pra todos; en esta laboura non descausóu deica os derradeiros días da vida. En Sabucedo a Estrada e Tomonde… deixóu un rego tan fondo de amor e lembranza que coido que endexamáis esmorecerá. (1)


(1) Notas o Autor de Francisco Regueiro Rivas, fillo do Mestre.

Lealdino Fernández Nieto

Gaiteiro, nado en Bugarín no 1912. Un dos bós gaiteiros e artistas de Terra de Montes, na que tantos agromaron. Na compaña de Francisco Bouzas e Xosé Obelleiro —tamborileiros— aledaron as xuntanzas e festas de Terra de Montes, Campo-Lameiro e Cotobade.

Na loita civil e despóis dela, como os trunfadores non tiñan degoiro polo arte autóctono, nin polas festas do pobo, deixóu de tocar, adicándose os negocios que, se ben é certo que dan pouca cultura e groria, en troques dan máis diñeiro.

Manoel García

Músico e direitor de handa de música, nado en Cerdedo nos derradeiros do século XIX, discipulo do mestre Ramón Labandeira Durán.

Home de máis de meiana cultura, foi oficial do axuntamento de Cerdedo e logo do da Cañiza. Membro dende rapaz da escola e banda de música do devandito mestre Labandeira en Cerdedo á que logo dirixéu polos anos 1931 o 1936, acadando moi outos pulos.

De ideoloxía repubricán e socialista despois do 18 de xullo do 1936 aveciñouse na Cañiza, onde fundou a dirixeu escola e banda de música de moito creto na bisbarra.

Manuel Barreiro Ouro

Mestre artesán, nado en Forcarei, rueiro de Sorribas, o 15 de xaneiro do 1917, fillo de Enrique e Estrela.

Achámonos diante dun artesán dos meirandes da Terra de Montes na aitualidade; pois a súa laboura abrangueu todos os ámetos: sancristán, labrego, musico tamborileiro, carpinteiro, carteiro urbán, fotógrafo e reloxeiro, facendo todo ben.

Sobrancea na aitualidade como fotógrafo e reloxeiro con obradoiro aberto na sua casa de Forcarei, amosando nas duas aitividades un arte arrequintado.

No 1936, déulle sona máis alá do país galego un reloxio de buxo que foi premiado pola Diputación de Pontevedra, na sesión do 12 de maio do 1937. Sinala as horas de todos os países, os días, as lúas, os meses, os anos, as epaitas e non sei cantas cousas mais. Cando traballaba, ás horas en este cursidoso artefacto un dos que se achaban sempre presentes, ademirando ó artista foi o esgrevio patriota galego, diputado o Congreso dos Diputados, Antón Alonso Ríos que, naquel intre, 1936-1937, achábase en Forcarei, como criado polo caldo e pouco pan, de unhas mulleres, vestido de farrapos, co nome de Aframio e nacionalidade portuguesa, escondido así dos falanxistas e guardia civil Desiderio —sementador do terror na bisbarra— que o percuraban pra asesinalo; en Forcarei estivo namentras non tivo chanza de fuxir pra Bós Aires, tamén porque os seus de Silleda o podían axudar algo, en Bós Aires estivera dende os primeiros anos da vida e alí tivo o pasamento o 1980 este grande patriota galego, un dos fundadores do Partido Galeguista, galardoado no 1980 co pergamiño de honra do Pedrón de Ouro.

O noso artista e seu pai, se ben non chegaron a descobrir a auténtica persoalidade de Alonso Ríos matinaban, dados os coñecimentos que amosaba: bó enseño, intrés polas cousas e por ler os xornales inda que fosen vellos, etc., coidaron que ben podía sere un frade fuxido ou outro siñor nas mismas condicións, xa que debaixo dos farrapos de probe Aframio ollábase unha limpeza non adoitada nos esmoleiros cotidiáns, ademais porque a xente ollábao lavarse cando se achaba gardando as vacas das velliñas da Ponte.

amosan o seu arte arrequintado. No 1982, o pobo de Forcarei fíxolle unha homaxe a este fillo esgrevio polo seu bon facer artístico e de servicio o mismo como empregado de Correos.

Perfecto Fontenla

Gaiteiro, nado en Bugarín, freguesía de Castro, o 1906.

Antre os millores gaiteros temos que contar a este artista bugariñense, que, cos compañeiros Serafín e Xosé Fernández, aledóu as festas e ledizosas xuntanzas das xentes dos termos de Cerdedo e Campo-Lameiro denantes dos anos da loita civil que abafóu todo o que tiña raigame e típica manifestación do Pobo Galego.

Ramón Labandeira Durán

Músico e direitor de banda de música, nado no rueiro de Cabenca Ceraedo, sobor do 1875.

Home de fondo sentido artístico, dende rapaz tocou doadamente a gaita; fixo o servicio militar pola mariña no Ferrol, no Reximiento asisteu a escola de música acadando un posto na banda do Departamento, na que tocou algúns anos.

En Cerdedo fundou e dirixeu unha academia e banda de música na que adeprenderon case que todos os rapaces e homes da bisbarra a tocar algún estrumento musical e ser membros da banda máis desexada da comarca, decote en loita artística coa dirixida polo mestre Francisco Cerdeira.

Foron discipulos predileitos e sucesores na academia Manoel Garcia e Xosé Bento Garcia, que as dirixiron á falta do mestre. Academia e banda de música foron apagadas polo feixismo trunfante no 1936.

Salvador Cerdeira Pérez

Gaiteiro, nado en Cerdedo a meiados do século XIX, fillo de Manoel e Francisca.

Foi un dos millores gaiteiros de todos os tempos da Terra de Montes, somentes acadado polo fillo Francisco. Home bó, sempre ledizoso aledóu todas as festas, casamentos e ruadas coa súa música enxebre e donosa case que meio século; sendo moi querido en todas as freguesías de Montes, Cotobade, Campo-Lameiro…

Samuel Reveglia

Gaiteiro, nado en Bugarín —Santa Baia de Castro— polo 1908, napolitano de orixen.

Temperamento de artista foi un dos millores gaiteiros de Terra de Montes. 0 ano 1935, deixou o arte pola aventura, na Alemaña Nazi foi membro da Lexión Cóndor, interviñendo cos nazis na Loita Civil da España. Na aitualidade —1977— vive en Madrí. (1)


(1) Notas-o Autor do Mestre don David Fernández Obelleiro.

Xoán Cachafeiro

Gaiteiro, nado en Soutelo de Montes nos primeiros do século XIX, pai e abó respeitivamente dos esgrevios gaiteiros Fermín, Avelino, Castor e Bautista Cachafeiro Bugallo.

Dende mociño aledóu todas as festas, ruadas e casoiros das xentes de Terra de Montes co seu arte axudado polo fillo Fermín dende neno, cando este foi gaiteiro, o vello Xoán tocóu con él o tamboril, sin perder o cariño da mocedade e a ledicia.

Foi o mestre de duas xeracións de esgrevios gaiteiros de Soutelo de Montes.

Xosé Benito

Músico e direitor de banda de música, nado en Cerdedo nos derradeiros do século XIX.

Discipulo do mestre Labandeira Durán, acadou á sua veira outos coñe cimentos musicales, chegando a dirixir a banda polo mestre funda da, inda que sin acadar a outura por él conquerida, debido as limitadas facultades que, como executante tiña.

Xosé Fernández

Gaiteiro e zapateiro nado en Bugarín —Castro— sobor de 1875, tendo o pasamento no 1940.

Cos axudantes Victorino e Aleixandre, foi un dos millores gaiteiros de Terra de Montes. Por máis de meio século aledaron cos seus repeniques todas as festas, ruadas, casoiros e cinzarradas da Comarca.

Xosé Regueiro Otero

Fillo de Celso, coma séu pái, inda que sin acadar tantos pulos é xastre, gaiteiro, tendeiro e carteiro, nado en Tomonde no 1914.

Home de máis de meiana cultura escribe versos moi doados publicados algúns na revista dos carteiros ruráes é, co méu primo Xosé Rodríguez Quintillán, autor dunha popular lembranza e feitos romanceados de versos octosílabos en lengua galega, que anda manuscrita antre a xente da freguesía, de estilo xocoso, moi axustada a realidade do persoaxe, tiduado: ««¡Beniniño eh, eh…!» Conta as aventuras donxoanescas dun popular e calaveira veciño de vida ben embeleñada. Costa este romance de 248 versos e un limiar, dende o ano 1928 o 1946, que o persoaxe endereitóu a vida, e foi vivir fora da parroquia de Tomonde.

Xosé Regueiro ten obradoiro na parroquia, tamén a carteiría e, na aitualidade representa a freguesía como concellal no Axuntamento de Cerdedo (1974).

Artigos relacionados