Manuel Paz Ogando

Manuel Paz Ogando, nado en Cerdedo no ano 1826, foi contemporáneo de Manuel Cerdeira Rodríguez, Cerdeira O Vello. O seu pai, Juán Paz, e a súa nai, Margarita Ogando, tamén eran naturais de Cerdedo. Segundo indica Manuel Campos no seu libro As bandas de música de Cerdedo Manuel Paz podería ter formado parte dunha primeira banda de Cerdedo no século XIX. Ao igual que moitos dos seus descendentes, Manuel era ferreiro de oficio.

Non temos moi clara a participación de Manuel Paz nos inicios da primeira banda de Cerdedo. Procedía da música tradicional, era gaiteiro, e xa comentamos anteriormente que estes músicos tiveron un papel destacado na aparición das primeiras bandas en toda a xeografía galega. Na súa casa no barrio cerdedense da Filluda, onde tiña a fragua, o seu fillo Constantino Paz Gil tivo máis tarde unha academia de música, que posiblemente veña dos tempos de Manuel.

Semella que Manuel non tiña a formación suficiente para impartir clases de solfexo e instrumentos de banda, pero os ensaios da primeira banda de Cerdedo tiveron lugar na súa fragua. O máis probable é que Manuel aportase o seu local para os ensaios polas condicións do lugar, mentres outro (probablemente O Serrador) ensinaba solfexo e instrumentos aos rapaces e compañeiros. En canto a isto, convén sinalar que un problema común das bandas era a falta de diñeiro para pagar un local, polo que aqueles que tiñan unha casa ou un lugar axeitado prestábanos para os ensaios. Entre os rapaces que asistiron a finais da década de 1850 e principios da década de 1860 á que podería considerarse a primeira academia de música en Cerdedo para aprender solfexo ou un instrumento, atopábanse os nenos Camilo Cadavid Monteagudo e Bernardino Cachafeiro Seara.

Manuel Paz casou con Josefa Gil Fraguas, unha moza de Meilide. O apelido Gil viña da parroquia de Pardesoa (Forcarei), de onde era natural o pai de Josefa, Luis Gil. Ao igual que Manuel Cerdeira, Manuel Paz tamén foi pai e avó de músicos. Xunto a Josefa, tivo nove fillos: Manuel (1856?), Francisco (1857), Constantino (1858), Concepción (1861), María Avelina (1863), Bonifacio (1865), María del Pilar (1868), Vicente (1873) e José María (1875). Temos constancia de que tres deles foron músicos: Manuel, Constantino (que chegaría a dirixir a banda de Cerdedo) e Vicente. Aínda así, non podemos descartar completamente a posibilidade de que algún dos outros irmáns tamén participase nalgún momento na mesma paixón, o cal non sería en absoluto sorprendente. 

Manuel faleceu aos 74 anos en abril de 1900, debido a unha gripe.

*Información obtida do libro As bandas de música de Cerdedo (Autor: Manuel Campos Toimil)

Artigos relacionados