Gustaríache colaborar neste proxecto?
Alalá é unha viaxe pola esencia da música tradicional galega, explorando as súas raíces no mundo rural e o seu papel na transmisión cultural. O programa retrata músicos, asociacións e colectivos que manteñen viva esta herdanza, documentando tanto as interpretacións musicais como o contexto social e histórico que as rodea.
Desde as aldeas ata a emigración, amosa como a música galega foi conservada, reinventada e levada a novos escenarios, asegurando a súa continuidade a través do traballo de folcloristas e musicólogos.
Aquí poderás descubrir melodías ancestrais da zona, preservadas grazas á recolleita e estudo de pezas tradicionais que forman parte do noso patrimonio cultural.
No apartado Publicacións relacionadas están dispoñibles todas as gravacións do programa Alalá, incluíndo os episodios dedicados á comarca de Terra de Montes.
Programa Alalá, da Televisión de Galicia, adicado aos Abrentes de Cerdedo
Data de emisión: 21 de abril do 2009 na Televisión de Galicia
Os Abrentes de Cerdedo son os herdeiros dunha inmensa fortuna: a enorme tradición musical que ten a comarca de Terra de Montes. Unha zona na que houbo gaiteiros ilustres, como os gaiteiros de Soutelo; acordeonistas de sona; tres bandas de música a un tempo e pandereteiras en cada parroquia.
Cada un dos Abrentes foi recollendo o saber de todos estes mestres para condensalo ás veces como grupo de gaitas e outras como charanga. E están encantadísimos de ser os continuadores na transmisión de todo este tesouro musical. As pandereteiras de Barro de Arén, Jesús Campos o dos Diplomáticos do Acordeón, ou o coñecido gaiteiro e artesán Bartolo son algúns dos mestres destes oito músicos dos Abrentes. Músicos entre os que hai un pai e un fillo, ou dous irmáns.
Están convencidos de que a música une ás xeracións e como xa a tiñan na casa só tiveron que darse conta do importante que era. E grazas a eles, segue habendo festa en Cerdedo. Algo ó que os veciños estaban moi afeitos, pero que nos últimos anos foi indo a menos porque a xente marchou de alí en busca de traballo.
Enlace orixinal: Alalá nº 108 "Os Abrentes de Cerdedo"