Os diplomáticos do acordeón

Os diplomáticos do acordeón foi un grupo musical cuxa historia comeza arredor do ano 1993, cando Ángel, un traballador do concello de Forcarei, presidía a comisión de festas das festas das Dores en Forcarei. Ángel tivo unha idea brillante de reunir a aqueles músicos que xa animaban os bailes na contorna, como os de Cachafeiro, Forcarei, Soutelo de Montes e outras festas, para que ofrecesen unha actuación especial durante a celebración das festas de Forcarei. Contactou con músicos do concello, como Gumersindo Ramon Pichel Barreiro (Moncho), Avelino Alberte Fírvida, Francisco Cachafeiro Fernández (Paco), Antonio, Jaime Salvador Barreiro Ouro e Juan Bautista Alberte Fírvida. Estes músicos comezaron a ensaiar nun local debaixo da igrexa de Forcarei, e a pesar do pouco tempo de preparación, estaban decididos a compartir o seu amor pola música coa comunidade.

O primeiro nome que lle deron ao grupo foi Músicas de Forcarei. A súa estrea foi no escenario desas festas, compartindo cartel coa orquestra Tambo. A praza estaba abarrotada de xente, o que indicaba que o seu debut foi todo un éxito. Tras a súa primeira actuación, o grupo decidiu seguir ensaiando e traballando no seu repertorio. Continuaron os ensaios na discoteca Sala Paraíso en Forcarei e tamén na casa de Moncho. 

Un feito que marcaría un antes e un despois na traxectoria dos Diplomáticos do Acordeón foi cando Mercedes Peón descubriunos e invitounos a participar no programa Luar da Televisión de Galicia. Coa súa inclusión no programa, o grupo ampliou as súas filas con membros como José Fírvida Cachafeiro (Maduro) e Joaquín José Santiago Barreiro Varela.

O repertorio inicial do grupo estaba composto por temas que se tocaban nos bailes de acordeón, como foxtrot, boleros ou pasodobres, entre outros ritmos. Mercedes Peón preguntoulles se tamén interpretaban temas galegos, e naquel momento só tocaban as xotas e as muiñeiras, que eran esenciais nos bailes. Foi entón cando Avelino Alberte e outros membros do grupo comezaron a traballar en temas populares e a crear novas melodías inspiradas nas tradicións galegas. Algúns destes temas serían gravados no seu único disco. Máis tarde tamén entrarían no grupo Jesús Campos Fernández (acordeón) e Francisco Alberte Fírvida, Paquiño (baixo eléctrico).

Á medida que creaban novas pezas musicais, tamén lles daban nomes que reflectían as súas orixes e inspiracións, como Foliada de Cachafeiro ou Fun o viño a Ribadavia. Ademais, foi Avelino quen, segundo Tista, bautizou o grupo como Diplomáticos do Acordeón despois de cambiar o nome inicial.

Dentro desta formación tamén estiveron José Antonio González Villaverde, Chiki (acordeón), Julio César García Cendón (voz e gaita) e Concepción Pérez Ruiz (voz).

O 4 de abril de 2006, o grupo recibiu un merecido recoñecemento cun programa especial de Alalá na Televisión de Galicia, que destacou a súa contribución á música galega. 

De esquerda a dereita: Francisco Félix Cachafeiro Fernández (Paco de Cachafeiro), Gumersindo Ramón Pichel Barreiro (Moncho), Avelino Alberte Fírvida, José Fírvida Cachafeiro (Maduro), Juan Bautista Alberte Fírvida (Tista), Concepción Pérez Ruiz e Joaquin Jose Santiago Barreiro Varela.

Programa Alalá, da Televisión de Galicia, adicado ao grupo Os diplomáticos do acordeón.
Data de emisión: 4 de abril de 2006 na Televisión de Galicia

Hoxe estamos co grupo Os diplomáticos do acordeón, unha desas agrupacións marabillosas ás que paga a pena coñecer. Formado por oito homes, oito veteranos para os que a música, mais ca un entretemento, é case un xeito de entender a vida.

Todos pertencen á Terra de Montes, desde Soutelo ata Forcarei pasando por Cachafeiro, unha comarca famosa a principios do século vinte polos gradísimos gaiteiros que lle deron fama. Pero houbo outra época, a partir dos corenta, na que as gaitas deron paso ós acordeóns, anos nos que os salóns de baile se fixeron moi populares e nos que xa se bailan outros ritmos.

Neses salóns de baile “criáronse” varios membros dos Diplomáticos que, desde moi pequeniños, tiveron a obriga de aprender a tocar un instrumento para axudar na economía familiar. Entre eles os irmáns Alberte Fírvida, bisobriños do popular Avelino Cachafeiro, que chegaron a formar un orquestra completa que tocaba no salón de baile da familia, o “Changüí”.

Tamén Moncho aprendeu a tocar o acordeón porque seu pai era o dono do “Paraíso”, un salón de Forcarei que agora lle pertence a el. Un caso semellante é o de Paco Cachafeiro, tamén ligado ó mundo do acordeón e dos salóns de baile.

No Alalá desta semana coñecéremolos a eles e ó resto dos Diplomáticos: a Jesús, un reloxeiro xubilado que, ademais de dar clase, colecciona acordeóns, de feito, xa ten mais de 130 instrumentos; a Toño, un amante da música dos sesenta que desfruta tanto da guitarra eléctrica como do acordeón; e a Joaquín, o vocalista, que canta coa mesma paixón un bolero ca unha muiñeira.

Discografía

Cara A

1) Cambeses

2) Jota de Moncho

3) Muiñeira de Ourense

4) Foliada de Cachafeiro

5) Esta noite e mais a outra

6) A ría de Vigo

Cara B

1) Muiñeira de Forcarei

2) Pra onde vas María

3) O viño Alvariño

4) Fandango de Pontevedra

5) Fun o viño a Ribadavia

6) Perfumes de España

Información da gravación:

Outras gravacións

Información do disco:

Vídeos

Os diplomáticos do acordeón
Foliada de Cachafeiro (programa Luar da Televisión de Galicia)

Os diplomáticos do acordeón

Popurrí Galego (programa Luar da Televisión de Galicia)

Os diplomáticos do acordeón

Fun ó viño a Ribadavia (programa Luar da Televisión de Galicia)

Os diplomáticos do acordeón

Pezas galegas (programa Luar da Televisión de Galicia)

La década prodigiosa e os diplomáticos do acordeón
(programa Luar da Televisión de Galicia)

Artigos relacionados