Santa Mariña de Tomonde
Antonio Rodríguez Fraiz

ANTONIO RODRÍGUEZ FRAIZ

Salvador Antonio Rodríguez Fraiz, nado en Tomonde (Cerdedo) o 30 de novembro de 1912 e finado en Campañó (Pontevedra) o 9 de xuño de 1995, foi un relixioso e investigador galego.

Máis información:

XII AS FESTAS

Falouse algo dalgunhas festas da Parroquia, sen entrar no entramado de cada unha. Emporiso é conveniente dedicarlle un pequeno espacio porque están a punto de fenecer ou xa fenecidas, case que todas. Ademais poucas fica nas freguesías da redonda, se descontamos a Rapa das Bestas de Sabucedo, que cada ano está máis concorrida, as dedicadas en Cerdedo ó Ecce-Homo (Ouciomo) e Virxe das Dores, que conservan máis ou menos as solenidades dos tempos antergos, Virxe das Dores de Forcarei e os Remedios de Acibeiro, esta derradeira realmente bonita e concorrida polo contorno e paraxe do mosteiro de Acibeiro. Todo un poema de arte e historia na campía de milleiros de metros sobre os que se desenvolve. Prados verdecentes, carballeiras e castiñeiros milenarios que os frades tanto loitaron para a súa adaptación e conservación. As xentes de Montes Deza e Trasdeza, cada 8 de setembro dánse leda cita para acompañar á Santiña, coma nos tempos de San Gonzalo das Penas de Acibeiro. En Tomonde, seguindo o curso do ano salientan as festas do Aninovo. Os rapaces xuntábanse en grupos para saír a cantar "Os Aninovos" case que somente na parroquia. No grupo sobresae o presidente, que todo o dispuña, o tesoureiro que gardaba os poucos cartiños que recibían, o do cesto, ou carabeliño, no que gardaban os ovos e do saco, no que se metían os aguinaldos de carne, chourizos, morcillas, touciño, etc. No serán do 31 do Nadal, encetábase o percorrido, cantando e mostrando os desexos de paz e felicidade, ás xentes de cada casa dábase o aguinaldo. Na letra que amosamos, moi antiga na parroquia, áchase viva a irmandade primaria con Portugal, ó que hai que percorrer con Galicia, pero a éste non para cantarlle, senón para "Queimalo" evidente alusión ó sentir das xentes galegas, ribeireñas do Miño, dos tempos das "loitas fronteirizas" dos séculos XVII e XVIII.

Na mañá do "aninovo" inda se remataba de cantar e pedir os aguinaldos, nos rueiros de Tomonde; logo a festa, exclusivamente para os membros do grupo cantor. As comidas era feitas soamente por eles; se o diñeiro chegaba, comprábanse todas as viandas que non se tivesen: pan de trigo, patacas, aceite, pemento, ás vegadas viño, etc. Se o diñeiro non chegaba, cousa moi corrente, cada un levaba da casa patacas, sal, pemento... A leña xuntábase onde se podía. A festa facíase nunha casa ou cuberto deshabitados.

ANI NOVO CON BEN VEÑAS 

Ani-novo con ben veñas,
como bailan sete estrelas,
no cortello das ovellas.
Érgase daí Señora,
veña dar o aguinaldo,
Pra honrar a San Bernaldo,
Que temos moito que andar:
Galicia e Portugal.
Galicia o andaremos
Portugal o queimaremos.
Esta casa caleada por dentro
como por fóra
o señor que nela vive
Por moitos anos a goce

REISES 

Hoxe é día dos Reises
día de gran alegría
viva Xosé en altas voces
viva Xosé e María
A Sagrada Reina sale
co seu esposo San Xosé
cargada de nove meses
colleron camiño a pé.
O millor que nos sería
buscar a Pousada en tempo
á hora do nacimento.

Case que decote era na Casa da Torre, propiedade de Benjamín Vilaboa Alvarez, que era o que tiña unha pequena taberna. Home bo que case sempre regalaba as viandas; por eso podíase repartir entre os membros do grupo algúns cartiños que pocas veces chegaba ós dous reais cada un. Cando esto acontecía era unha verdadera lotería. O xantar consistía, sen cambios, en patacas cocidas con chourizos, morcilla, touciño e os turruxos do touciño que se derretía para facer o prebe de graxa, pemento e auga, que se chimpaba no pote das patacas; logo todos a comer en pratos ou no pote co garfo que cada un levaba da casa. Á noite, ceábase cos restos do mediodía. Así remataba para os rapaces a festa do Aninovo. Os maiores xogaban ás cartas, despois dun xantar algo mellor, coa taza do viño do Ribeiro diante. A xuventude ruaba deica a media noite ó son das pandereitas. 

OS REIS: Desenvolvíanse máis ou menos como o Aninovo. No serán do 5 de xaneiro e na mañá do 6, saen as roldas de rapaces, a cantar os reis ós veciños. Son cantos de fondo sentido relixioso, referentes ó Nadal do Neno Xesús, da súa Naiciña e San Xosé, como pode ollarse na letra que amosamos, coa sinxela música, transcrita polo Director da Banda de Música da Escola Naval de Marín, no ano 1982. Nas parroquias veciñas, os cantos eran semellantes, inda que non iguais. A festa facíase en todo como a do Aninovo, inda que máis farturenta; porque a xente daba máis aguinaldo. 

AS CANDEAS: Na misa do día faise a beizón das candeas, que todos os fieis levan á igrexa, para gardalas e acendelas cando acontecen grandes treboadas ou se hai algún enfermo. 

O ENTROIDO: Foi e é festa de tipo gastronómico; pero algúns anos, en Tomonde organizabase polos mozos do lugar ou parroquia unha especie de "parranda". Os principais personaxes dela eran: "O Vello" e mais "A Vella", os únicos que ían encaretados; o obuxecto destes dous personaxes era pedir e acadar os aguinaldos; para eso petaban en cada casa e pedían a venia para tocar, cantar e bailar no curral de cadaquén. Así se facía se daban o aguinaldo. O vello amais da careta e vestidos arbitrarios, levaba, como sinal de autoridade, unha especie de báculo rematado cun corno de carneiro, evidente reminiscencia dos antepasados galaicos e sinal de abundancia co que petaba nas portas das casas. A vella, vestía de muller, tamén encaretada, con roupas moi usadas e arbitrarias. A súa misión era acadar e recibir os aguinaldos e entregárllelos ó tesoureiro, ó do carabeliño ou ós dos sacos. Os demais compoñentes da parranda ían coa cara descuberta. Os "Danzantes", vestidos de traxe de festas, sombreiro de palla ou palliña, adobiados con panos de flores, de Manila, e cintas ó vento, terciados polo corpo, castañetas feitas polos mesmos, e outros adobíos. As mozas ou madamas era mociños máis novos, se non ían as mulleres, vestidos con roupas de muller, chambra, pano do pescozo, saia, medias e zapatos, que prestaban con moita xenerosidade e ledicia ás irmás, noivas e demais veciñas. O oficio dos danzantes e madamas era bailar e cantar ó son da gaita e acordeón que necesariamente acompañaban as máscaras; os bailes eran a muiñeira, xota, tris tras, etc.
Con roupa de festa ían os tanxedores e diretor da parranda, ó que había que obedecer en todo para que todo saíse ben. A véspera do domingo do Carnaval polo será deica o luns, percorríanse as parroquias da bisbarra. Eran pouco dadivosos os de Sabucedo, moi regulares os de Quireza, o mesmo os de Castro, moi rumbosos os de Filgueira, tamén os de Vilaalén, os de Tomonde cada veciño á porfía para dar o mellor aguinaldo. 

A FESTA: Organizábase moi doadamente, se o tempo o permitía, ó aire libre, se non buscábase un bo cuberto ou casa libre para celebrar o rumboso xantar e a cea. O martes do Carnaval á hora conveniente, na veiga do Chao, á beira do muro e a laxa, as mulleres iniciaban as tarefas do xantar; consistente en cociñar todas as viandas xuntadas; nun cocido farturento de carne, chourizos, morcilla, xamón, patacas, verduras, etc. en diversos potes, no que participaban todos os veciños de Tomonde, da auga do tal cocido ou cocidos facianse filloas, máis da ducia de pedras filloeiras e outras tantas mulleres a facelas. O amoado era a base da auga da orella, fariñas de trigo, centeo e mais millo, as filloas eran o gran postre ás que se mesturaba azucre a medida do gusto de cada quen; cos cartos comprábase o viño, o pantrigo, café, caña de Chantada, anís doce e escarchado, conac e todo o que a xente pedise. Festa parroquial, xuntas as xentes nas mesas e bancos corridos, todos estaban convidadados á gran festa comunitaria do Entroido; rematada a comida, comezaba a gran festa que duraba deica a media noite.
O Carnaval consistía nun ou dous grandes bonecos de madeira, palla, vestidos de home e muller; preto da noite, no Cachafal sermóns polos veciños más avispados. En Tomonde corría case que sempre a cargo do enxeñoso e artista Argimiro Regueiro Quintillán. Entre cantos e mocas, levábase en procesión, cantando e tocando e bailando un ano ó Couto outro ó Agriño; para os desafíos cos de Vilaalén, que no Castro de San Cibrán, facían outro tanto. Acadaban o premio os derradeiros que queimasen parte ou todo o entroido, no medio de cantos e baile. A media noite remataba toda a festa. O día seguinte todos ían recibir a cinza á hora conveniente e parolar das festas tidas, cansos, pero todos ledizosos de participar comunitariamente nas farturentas festas do Entroido. 

PASCUAS DE RESURRECCIÓN: Despois dunha coresma chea de austeridades e a Semana Santa na que destacaba o "Oficio das tebras" No serán do xoves Santo ó derradeiro canto das "Vésperas", apagábanse todos os cirios do monumento e ás escuras comezaba o soar estridente das carracas, cada un facía a súa, e petadelas na tribuna e confesionarios, con grande xenreira do Abade. O Domingo da Pascua era ledizoso, sobre todo para os rapaces que os padriños adoitaban regalarlles ós afillados as gorentosas pascuas de pan ou doce. Lémbrome que os veciños levaban ese domingo as vacas para a Veiga do Chao. O primeiro aínda as gardaban cada quen nas súas leiras; logo remataba o gando pastando comunitarimente, mentres os gardadores (xente moza) parolaban e xogaban. 

NOITE DE SAN XOAN: Sen moitas manifestacións, nin sequera grandes labradas, ás veces sacábase algún carro ou cancela do sitio para deixalas ben preto da casa, onde se puidese ollar. O que si se facía era buscar flores de San Xoán: romeo, bilitroques, margaridas, flores de arnica, sabugueiro, postas de noite en auga a macerar e logo lavarse na auga delas; tamén para coñecer o destino da persoa, sobre todo dos rapaces mediante a clara do ovo vertida nun vaso de auga ó claro de noite sanxoaneira había que ler as figuras que a clara fixera na auga. 

OS DEFUNTOS: No día dos Santos facíanse, e inda hoxe se adoita, os magostos. Os sinos na igrexa tocaban toda a noite a defunto, os tanedores facían fogueiras para escorrentar os malos espíritos, quentarse e asar as castañas. Nas sepulturas non se alumeaba ós defuntos, facíase no templo no intre das misas e os responsos por todos os defuntos dos que se tiña novas mediante relación que se entregaba ó abade. 

AS FESTAS PARROQUIAIS: Falouse xa un poco delas.

O NADAL: Non se facían nin fan festas fóra da casa. É festa familiar, chea de nostalxia e lembranzas para os ausentes e ledizosa cando se acha toda a familia xunta. O máis importante é a cea, na que inda hoxe un dos platos é o bacallao cocido con repolo, coliflor, patacas, logo algunhas lambetadas que non pasaban de figos pasos, noces, papas de arroz... Arestora é unha festa na que se consumen os infindos surtidos de lambetadas que existe nos mercados, con toda clase de bebidas. 

BAUTIZOS, MISAS NOVAS E CASAMENTOS: Nos primeiros faciase unha pequena festa cos padriños e demais familia da casa.
As Misas Novas: Eran grandes acontecementos relixioso-veciñais e familiares, algo así como os casamentos pero de maneira distinta, á parte dos cregos, que era moitos, convidaban ordinariamente a todos os veciños da parroquia, familiares e amigos á celebración relixiosa e o xantar ou cea consistia en bo cocido, arreglado e carneiro. Postres de filloas, papas de arroz, doces e logo rematábase co "ramo" de loureiro que traía a madriña, adobiado de cintas, flores, laranxas, mazas, caramelos, galletas e todo o que se lle puidese prender. Era ofrecido os noivos que collían o que lles apetecía e logo a demais xente tamén participaba del deica o remate, o padriño ofrecía a todos tabaco, nalgúns casos cigarros puros, que moito celebraban os fumadores.
Remataba a festa do casorio ás altas horas da noite nun baile de gaiteiro, acordeón ou panderetas con entrada libre. A media noite os noivos e padriños convidaban con viño, pan e galletas ós presentes.
Os noivos, o día seguinte, comezaban a "Lúa de Mel" visitando Pontevedra, Marín, Santiago... e poucos sitios máis.
A xuventude divertiase nas ruadas organizadas e amenizadas por eles mesmos, as mozas por rolda ofrecian as casas, ordinariamente as cociñas, a base de pandeiretas, cantando os mozos e as mozas por parellas. Cando era rúa de gaiteiro ou de acordeón, era todo un acontecemento. Moi famosas era as ruadas de Castrelo, lugar de Liñares e as de Quireza por ter casa propia e contar a parroquia con moita mocidade.
Salientaban e toda a bisbarra sobre todos como cantadores, pandereteiros, tocadores de castanolas e bailadores os irmáns David e Lourenzo Barreiro do lugar de Vilaalen, sobre todo o primeiro.

XXI A MANTENZA, AS FESTAS E O VESTIDO

Se as fames foron en Galicia arrepiantes, máis se sentiron na Terra de Montes e nalgunhas parroquias máis que en outras. En Tomonde, debido á súa situación, terra cativeira, malas sementes e peores ferramentas, falta de auga, modos rutinarios no traballo das terras e coidado das facendas, as fames sentironse máis. Pero, inda que a anada fose boa, a mantenza da xente foi ben pouca ó través dos séculos.
Inda hoxe a xente vella quere ver mellor que os ratos lle coman o millo nos hórreos, o centeo nas arcaxes e ollar cómo as patacas podrecen no pataqueiro, que vender nada dalgunha cousa, polo menos namentres a nova anada non estea colleitada ou polo menos asegurada.
Era goberno doado e cada casa que a anada antiga de millo e centeo chegase ó aninovo. Adoitábase dicir, cando alguén da casa desexaba vender algo de froito: "non se pode, inda non sabemos se Deus o dará para o ano" "... inda non sabemos se virá un ano de fame". Decote a arrepiante imaxe da fame.
A mantenza cotiá a través dos séculos, ata mediados do que corre sempre foi: pan de millo mesturado con centeo -con fartura nas casas máis acomodadas-; a isto chamábaselle non pasar fame e: "os meus fillos nunca pasaron fame de pan".
O millo moíase nos muíños de herdeiros, ou no propio, xa que cada casa tiña o seu. Levábase a moer en foles de pel de cabra ou de ovella; logo a dona da casa amasaba a fornada, deixándoa levedar case que decote máis da conta; para que o pan durase máis tempo; ou porque o forno tardaba en quentarse; empregábase para este mester leña de toxo cachal, codesos ou xestas; ás veces cando a chuvia era moita e durante moito tempo seguido utilizábase leña verde coa que o forno tardaba horas en quentarse. Facíanse bolas para a casa e para dar ós parentes e amigos, tamén bolicas para os rapaces - cada un a súa- que se recoñecían porque a dona lles facía buratiños, espichándolles os dedos. Era festa comer a bola quente con leite callado, "leite frío", cando o había ou algún veciño o traía, porque en Tomonde ninguén vendía nin compraba o leite, nin tampouco se facían queixos, soamente manteiga que se vendía, a taza grande por un ou dous reais, na feira de Codeseda. Algunhas veces facíase empanada de carne de porco, coello, chourizo ou morcilla; tamén de sardiñas, bacallao, etc. cun pouco de aceite e manteiga de porco. Cando isto acontecía era unha festa familiar. 

AS FESTAS: Eran e son os días nos que as familias se xuntan. Cando había invitados era moi farturentas; pantrigo, sopa, logo cocido con pernil, touciño, costela, chourizo, morcilla, carne fresca ou galina, patacas, repolo, garabanzos casteláns, etc. Tampouco era raro que se matase un carneiro arreglado ou asado ó forno, viño, papas de arroz con canela e azucre, rematando a festa con café e copa de augardente de Chantada, para os homes; as mulleres non tomaban copa. Logo os homes falar e falar dos acontecementos do día, dos traballos do ano, ónde estiveron, cómo lles foi, que compañeiros tiveron nos traballos, os viaxes e proxectos para a tempada que estaba a vir, a ónde matinaban ir a petar. Os "buxas" escomenzaban a untar rapaces para levalos a Lugo, Ourense e Asturias.
Á hora conveniente, os mozos ían para a festa ó Cachafal, praza bastante grandeira que os veciños foron engulindo pouco a pouco ata deixar o pequeno rueiro que hoxe temos; aquí xuntábanse os mozos e mozas dos arredores. Tocaban as charangas de Cerdedo, Arca e logo as das Riveiras da Estrada. As festas máis sonadas e celebradas en Tomonde eran o 8 do Nadal, a Concepción; logo o San Roque, festa dos mozos, o 25 do mesmo mes e o Sacramento o primeiro domingo do mes de setembro. A Santa Mariña, inda que é a Padroeira, como os homes se achaban fóra e as mulleres con moito traballo, na sacha, renda do millo, sega e malla do centeo, sega da herba, palleiros etc. etc. esta festa era das menos celebradas, arestora quizáis sexa a máis.
En Vilaalén era moi celebrada a festa de San Cibrán, o domingo do Entroido; polo tempo en que tiña lugar, era como a despedida dos homes que despois do Carnaval encetaban o camiño para os traballos de fóra de Galicia e nela.
O Entroido era moi festexado nas casas e fóra; non faltaban nunca as filloas da pedra, tortillas de ovos con azucre, chourizos, xamón, a "bincha" e outras viandas das que participaban familiares, amigos e veciños máis achegados. Hoxe "a bincha" en Montes soamente se fai en Caroi.
Os demais días do ano a mantenza era moi pobre; como se dixo, era a base de pan de millo, patacas non moitas, leite pola mañá. ó medio día caldo cu pouco de unto, un cachiño de touciño, berzas galegas, poucas patacas, poucas herbellas, algunha fariña e sal; á cea caldo ou leite con pan, cun pouquiño de azucre. As veces, cando se vendía algunha ducia de ovos, algún centeo ou millo na feira de Codeseda, para pagar os trabucos, traíanse algunhas xoubas ou sardiñas, ceábase con elas fretidas con unto ou aceite, inda que este se consumía ben pouco. As mulleres paridas coidábanse con galiña, manteiga, pantrigo e chocolate, que traían de regalo os parentes e amigos, esta alimentación duraba uns quince ou vinte días máis ou menos, mais ben menos que máis. A nai tiña que lle dar de mamar ó picariño durante case que dous anos. Non era ben que o neno zugase leite lixoso, é dicir, se a nai se achaba en xestación. Non era infrecuente que unha muller dese de mamar a algún outro rapaz familiar ou amigo que a nai propia non puidese. Ós tres ou catro meses os nenos encetaban a comer das viandas dos demais.
Hoxe, debido a que toda a xente traballa e gaña fóra, ó adianto dos transportes, á Seguridade Social en todos os seus servicios, a xente aliméntase moito mellor a base de carne de porco ou de vaca, peixe, ovos, leite, pantrigo, froitas e viño; non falta nas casas, para convidar, a botella de coñac ou caña de Chantada para acompañar ó café cando se toma.
As mulleres non fumaron nin en xeral fuman, os homes fumaron moito, arestora moi poucos, case que ninguén na parroquia. Nos casamentos e bautizos non faltan os xarutos, moi apreciados por certo, cos que a todos convida o padriño, ás mulleres convídase con caramelos. Arestora, como o nivel da vida é relativamente alto, Os casoiros celébranse moi rumbosos, xa non nas casas, como antes, que remataban nunha ruada de gaiteiro ou de pandeiretas nas que participaban toda a mocidade da redonda. Nestas rúas de casamento convidabase con viño, galletas ou copas a toda a xente.

O VESTIDO: Ata o derradeiro tercio do século XIX, con poucas variantes o vestido para as mulleres era o típico galego. A roupa interior de liño ou lenzo, a de andar ordinariamente de leras, sempre moi aproveitada. A das festas chaquetilla negra ou branca moi adobiada de doas de vidro de cores, saia tipo muradán, case que decote negra con cintas e adobíos, sobre a saia o mandil, tamén adobiado; a cotío roupa feita co liño da casa, zapatos, a diario zocos.
Os homes chaquetillas de liño ou doutros tecidos, camisas de liño da casa ou lenzo, o mesmo as cirolas, ordinariamente negras, medias brancas de la e zocos, feitos na casa. As camisetas da festa tiñan pechera.
Arestora todos visten do mellor, non se diferencian os mozos e as mozas, rapaces e rapazas que se pasean pola Quinta Avenida de Nova York, ou polas ribeiras do Sena.

XXVI APÉNDICE DOCUMENTAL

Viacrucis que se cantaba en tomonde a finais do Século XIX


El Hijo del Eterno
de espinas coronado
a muerte es condenado
cual pérfido traidor
y yo con nuevas culpas
y más y más delitos
pedí la muerte a gritos
de Dios mi salvador.


Por mí Jesús el cuello
al santo leño inclina
y al Gólgota camina
cordero que es de Dios
No más ya caminemos
por senda que es de vicio
de Cristo en servicio
vayamos siempre en pos.


Debajo de su carga
al mundo quien sostiene
rendido a tierra viene
por levantarme a mí
y en vicios sumergido
no tiendo yo la mano
a Dios, mi soberano,
su amor le pago así.


La cruz llevando a cuestas
entre una turba impía
encuéntrale María
y dobla su aficción;
pecado yo los puse
en mares de amargura
y espada, Virgen pura,
clavé en tu corazón.


Le dan al Cirineo
por verle sin aliento
ansiado que en tormento
expire de la Cruz;
mi Dios, amor te pido
yan grande, fino y fuerte
que fiel hasta la muerte
te siga, buen Jesús.


El rostro a Cristo limpia
mujer muy compasiva
y Dios su imagen viva
en pago le dejó;
imprímame en el alma
Jesús tu fiel retrato
pues fue mi pecho ingrato
quien la desfiguró.


Contempla al Rey del cielo
segunda vez caído
sin fuerzas ni rendido
por mi sin par maldad
y yo obstinado aleve
pecando y más pecando
de Dios sigo ultrajando
la inmensa caridad.


Jesús a las mujeres
consuela cariñoso
y díceles piadoso
que no lloren por Él
que lloren, sí, constantes
con lágrimas a mares
por esos que a millares
son presa de Luzbel.


Tercera vez al fuerte
la Cruz derriba en tierra
oh, qué malicia encierra
mi negra ingratitud.
Jesús yo tus caídas
repito con las mías
y abuso de los días
de gracia y de salud.

10ª
A aquel que tierra y cielo
reviste de hermosura
desnuda chusma impura
y dale amarga hiel;
aquella hiel es fruto
de todas mis maldades
Jesús a tus bondades
promete ser más fiel.

11ª
El cuerpo descoyuntan
y enclavan los sayones
en cruz y entre ladrones
levantan al Señor
y yo a pecar me atrevo;
desde esa cruz, bien mío,
traspasa el pecho impío
con clavos de dolor.

12ª
El sol su luz esconde
y el mundo ya suspira
el ver que un Dios suspira
clavado en una cruz
y yo, mi Dios, no muero
de pena y quebranto
al ver con amor tanto
morir por mí a Jesús.

13ª
En brazos de María
el cuerpo sacrosanto
deponen: qué quebranto
causó a la Virgen fiel;
perdóname Señora
que fui yo el asesino
con Dios tan tierno y fino
he sido el más cruel.

14ª
Ungido con aromas
al buen Jesús sepultan
y a María ocultan
la prenda de su amor
oh, Madre, cuánto penas
por nuestra pobre alma;
por ti la eterna palma
también nos dé el Señor.

Artigos relacionados