Adelino Pichel Espiña

Adelino Pichel Espiña, o gaiteiro de Sorribas, nado o 1 de novembro de 1907 e finou o 5 de abril de 1994.

REVISTA COTAREDO 2007 - CENTENARIO DO GAITEIRO DE SORRIBAS

No ano 2007 o Concello de Forcarei edita o número 10 da súa revista cultural e turística, baixo a coordinación de Francisco Rozados Rochi.

Este número estaría adicado ao centenario do nacemento de Adelino Pichel. A continuación poderedes ler dous dos artigos adicados ao gaiteiro de Sorribas, o primeiro deles escrito por Xosé Luís Barreiro Rivas e o segundo por Rochi.

A portada deste número foi acargo do pintor José María Barreiro.

O gaiteiro de Sorribas na memoria colectiva

1.-DÚAS ESTRELAS NA TERRA DE MONTES

Facendo comparacións enormes, como aconsella o sociólogo Tilly. ben poderia dioirse que Adelino Pichel, o gaiteiro de Sorribas, tivo que loitar durante toda a súa vida con un impeitizo comparable ao que dis que ensombrece a catedral de Ourense. Porque se o templo ourensán -unha das mellores igrexas románicas da Península Ibérica- fica inxustamente esquecido nos estudios de arte e na cultura popular polo fulgor omnipresente da catedral de Santiago, tamén teño por certo que a fama do gaiteiro de Sorribas sería moito maior, e por iso mesmo máis xusta, se non tivera nacido á sombra do gaiteiro de Soutelo, que entre os anos 1920 e 1930 atraía sobre si tódalas miradas do rexurdimento identitario de Galicia.

Adelino Pichel, nacido en Sorribas no ano 1907, era 8 anos máis novo que o seu colega e amigo Avelino Cachafeiro (Soutelo, 1899), suficientes para que, na biografia de ámbolos dous personaxes, o de Soutelo teña categoría de mestre e o de Sorribas de alumno. Pero todos cantos lembran o momento estelar de Adelino Pichel, entre 1930 e os primeiros anos da Guerra Civil, adoitan dicir que era un artista fantástico, que exercitaba con gran altura as mesmas técnicas de Avelino Cachafeiro, e que chegou a compararse co mestre na interpretación perfecta e irrepetible do seu complexo repertorio. O gaiteiro de Soutelo foi, eso si, máis internacional, máis famoso e máis premiado e agasallado, ata o punto de formar parte da historia de Galicia, mentres que o gaiteiro de Sorribas decidiu pecharse nunha ampla bisbarra que, a pesar de abranguer vilas e ambientes tan diferentes como os de Lalín e Tenorio, ou os de Tabeirós e As Ermidas, nunca deixou de identificalo como o artista local do que tódolos veciños de Forarei se sentiron orgullosos. Quizais por eso, Adelino Pichel tamén pasou -como os gaiteiros de Soutelo e de Penalta- a aquelas coplas populares que o entronizaban a casta dos artistas singulares:

¿E ti qué fas, Adelino?
¿E ti que fas polo verán?
Todos sachando no millo
E ti coa gaita na man.

Ademais de tocar a gaita ou de repenicala, como dician os de Sorribas-, Adelino Pichel tamén chegou a ser virtuoso no acordeón, malia que, valéndose do instrumento que trouxera dos Estados Unidos o seu irmán Gumersindo, e das poucas e elementais instruccións que este lle dera, era na práctica un autodidacta. Nos derradeiros anos da súa profesión de músico, antes de que as deficiencias do oído se converteran nunha dificultade infranqueable para o artista, Adelino Pichel viaxaba sempre cos dous instrumentos, para tocar a gaita nas carballeiras, nos pasacalles e procesións, e para botar man do acordeón -que facía furor na "belle èpoque"- nos bailes feitos a cuberto, nas palleiras, nos cuartos de casas grandes e nas sinxelas salas de baile que empezaban a construírse en algunas parroquias de Montes ao abeiro das estradas que se ían abrindo.

2.-A GAITA SOA NON DABADE COMER.

Adelino Pichel foi unha mestura moi equilibrada de artista e empresario, que soubo compaxinar maxistralmente a estética do bo vivir co seu esforzo por progresar e manter a familia con moita dignidade. Pero hai que recoñecer que nesto non foi orixinal, senón un herdeiro avantaxado do seu pai, e un imitador intelixente dos seus irmáns Benigno e Gumersindo, que, emigrantes adiantados nos Estados Unidos de América do Norte, sempre se sentiron excitados polo progreso e a industria, e abriron para Adelino algunhas iniciativas.

O pai dos tres irmáns, Ramón Pichel Mariño, instalara na casa de Sidro, de Sorribas, unha fabrica de chocolate, que foi a primeira, e creo que a única que funcionou a Terra de Montes. Trala morte violenta de Ramón, que foi asasinado preto da igrexa de San Mamede de Millerada, a fábrica deixou de traballar. Pero meu pai aínda se lembra de que, sendo neno, cando ían cheos de curiosidade á cerería da casa de Sidro, para ver como se extraía a cera dos paneis e se facian as velas, quedaban literalmente abraiados diante do conxunto mecánico de moas, torradoras, amasadoras e foros que serviran para elaborar o chocolate.

A chegada das máquinas ás aldeas de principios do século XX exercia na xente, e especialmente nos nenos, a fascinación mesma exercen que hoxe as novas tecnoloxías, e por eso non é de estrañar que aquel conxunto de aparatos de ferro fundido, movidos por unha roda motriz central e varias poleas paralelas e cruzadas que distribuian con precisión a forza, as revolucións e a dirección de cada máquina, foran vistas polos nenos como a esencia mesma do progreso e dos cambios culturais e socias que traía aquela modernidade de fai case cen anos. Cando eu era neno ainda se conservaba no curral de Sidro una porta reciclada, con unhas letras ilexibles, que meu pai ten aínda na memoria: "Gran fabrica de chocolates de Ramón Pichel Mariño"

O señor Adelino, que non tiña idade para manter activa a fábrica de chocolate, tamén herdou de seu pai o traballo de cereiro, e a afección polas abellas que daban a cera e o mel que ainda se vendían na súa tenda de Forcarei alá polos anos cincuenta. Por eso lembro o medo que me impoñían os modernos cortizos, protexidos en casetas recubertas de cinc, que o gaiteiro de Sorribas tiña na veiga da porta, extremando co camiño de pes que ía por detrás do hórreo de meu avó. As chantas de pizarra que separaban a veiga de Sidro do carreiro a penas servian para minorar o zoado daqueles animaliños cos que miña nai nos aconsellaba ser prudentes e delicados, e pasar polo carreiro sen correr nin deterse, e sen mirar sequera para a ringleira de abellas que entraban e saían das misteriosas colmeas.

Anos más tarde o gaiteiro de Sorribas levou os seus negocios à carreteira que vai da Estrada a Vilapouca, cando Forcarei empezaba 2 configurarse como a vila que hoxe é, capital do concello e da parroquia de San Martiño, e lugar no que estaban os coches de liña, as feiras, o cine, as tabernas e o comercio que ian servir de atractivo conxunto para as poboacións de xoves asentadas no entorno.

3.-O SALÓN PARAÍSO.

O primeiro baile que houbo en Forcarei foi iniciativa de Gumersindo Pichel, irmán de Adelino, que, coma xa dixen, estivera emigrado en Norteamérica, xunto co outro irmán, Benigno, e regresara a Forcarei cho de iniciativas. Pero cando Gumersindo Pichel entendeu que a verdadera modernidade era o cine, deixou para Adelino a empresa do baile, e montou o Cine Colón, no ano 1947. E foi daquela cando o Sr. Adelino construíu o Salón Paraíso, puxo a tenda a parte de abaixo de Forcarei, e trasladou para os baixos da sala de baile a fábrica de velas. E así comezou unha longa etapa na que os irmás Gumersindo e Adelino Pichel, e máis tarde os seus descendentes, rexentaron os dous negocios -cine e baile-, coas tendas de ultramarinos anexas, que serviron para socializar e modernizar en boa parte a xuventude de Forcarei e dunha extensísima comarca.

O vello Salón Paraíso de Forcarei era un prototipo das salas de baile abertas nas pequenas vilas de Galicia a finais dos anos corenta, en substitución dos bailes de ruada que, con música de pandereteiras, tiñan lugar en distintas casas -xeralmente palleiras- postas á disposición dos mozos e mozas. En Forcarei eran famosas as "rúas" -así se chamaban entre nós- de Liñares, Loureiro, Cachafeiro e Leboso, aínda que en tódolos lugares onde había mozas tiña lugar unha rúa. Porque as mulleres soamente viaxaban para ir ás festas e verbenas, e eran os mozos os que facían grupiños para ir namorando mozas, de vila en vila, ao longo de todo o inverno. O Salón Paraíso de Adelino Pichel acabou con este costume, e abreu a era dos bailes a cuberto, con música de acordeón primeiro, e de pequenas charangas despois, que, ademais de traer moita clientela das bisbarras de Lalín e Silleda, e de abrir a sociedade de Montes a moitos matrimonios formados co que daquela era '"xente de fóra", impuxo tamén a idea tan atractiva e moderna de que o baile era algo limiar cos malos costumes, case pecadento, onde podían acontecer cousas importantes para a pequena e simple historia persoal dos mozos e mozas de Montes.

Eran tempos nos que os bailes quedaban suspendidos durante A Coresma -asi foi en Forcarei ata mediados os sesenta-, e nos que as nais vestidas de negro e con pano, e envoltas en mantelos, acompañaban as filas para telas ben vixiadas e devolvelas à casa tan enteiras como sairan. Certo é que aquela precaución no era suficiente como para impedir o alto número de parellas que se casaban esperando o primeiro filo, ou, igual que sucedía en toda Galicia, os abundantes fillos de nais solteiras que distinguían a sociedade rural da urbana, e á nosa Galicia do resto de España. Pero as formas tamén eran moi importantes naquelas sociedades tan pechadas das vilas e aldeas da posguerra, e Adelino Pichel contribuiu a elas deseñando unha sala de baile chea de balconadas -ou "poleiros"- dende as que era posible que as nais controlasen se o baile "agarrado" se facía demasiado agarrado, ou se no medio dunha conversa chea de tópicos e boa saúde se escapaba algún bico que puxera en perigo a honra da familia. Tamén había unha ventaiña pequena, un tanto misteriosa para min, que comunicaba directamente coa tenda do gaiteiro, para permitirlle á señora Dorinda, a dona de Adelino, servir algunas copas ou cuncas que os mozos bebían de pé, e case sempre "de penalti", para deixarlle a vez ós que estaban facendo cola para tomar.

O Salón Paraíso era un polígono completamente irregular, de dimensións reducidas, pouco ventilado e co solo de madeira sobre vigas de carballo, e soamente dispoñía dunha pequena porta para entrar e sair, que sempre estaba ateigada de mozos que foran tomar unha copa ou mexar á carballeira. Lembrando aquelas noites do cinco de xaneiro, que eran sempre o mellor baile do ano, aínda non me explico por qué non se derrubou a tarima no que puido ser unha enorme catástrofe. Tamén me chama a atención a paciencia e a organización automática que tiñamos nos días de abarrote, cando despois de saír a dar un paseo pola ría, era preciso esperar a que saíran algúns dos que estaban dentro para que entrasen os que viñan de fora. Pero o certo è que no Salón Paraíso nunca houbo un só accidente, nunca tivo que ser desaloxado, e sempre foi un recinto suficientemente flexible para que ninguén puidera calcular nunca o infinito numero de mozos que, acomodados dentro ao xeitos das sardiñas na lata, tiñan cabida naquel glorioso recinto. Nunca estaba cheo, porque a base de turrar e puxar sempre se podía meter unha parella máis.

A primeira vez que entrei no Salón Paraíso foi alá polo ano 1955, cando sendo aínda un neno pequeno, fun cos meus irmáns maiores e coa tía Julita a disfroitar da música un pouquiño antes da cea de Noiteboa. Porque naqueles tempos o salón de baile era coma un servicio público, e Adelino Pichel adoitaba abrilo gratis tódalas noiteboas para que a xente que non usaba a cotío do Salón Paraíso -nenos e vellos, maiormente- foran a divertirse un pouquiño. Nos tempos nos que eu me lembro deste costume xa non tocaba o Sr. Adelino, que soamente se limitaba a saudar á xente, escoitar ao acordeonista, e a dicir "olray" cando terminaba unha peza ou cando un veciño lle desexaba un feliz Nadal antes de marchar para a súa casa. Daquela non era doado escoitar música, e o regalo dun acordeonista antes da cea de Noiteboa era algo que a xente agradecía. E para os nenos era tamén unha oportunidade de entrar a ver un recinto vedado e misterioso ao que soamente entrabamos aquel día de gratis.

O Salón Paraíso estaba decorado por Pomé, un artista chegado da Estrada e afincado en Forcarei que, según dicía a lenda, vivía só de viño do Ribeiro, sen comer máis nada. Daí ben, teño entendido, a idea corrente en Forcarei de que había dous alimentos completos: o leite, que era suficiente para criar un neno ata que botaba os dentes, e o viño do Ribeiro, que era suficiente para que Pomé pintase calquera cousa, dende un cancelo ou un muro da horta, ata un rótulo ou unha escena de ligue no Salón Paraiso.

Inspirado polo gaiteiro de Sorribas, o señor Pomé pintara algúns cadros murais no Salón Paraíso que tódolos que tomos mozos en Forcarei lembramos con extraordinaria tenrura. Eran malos con avaricia, sen desculpas nin paliativos. Pero tamén era moi entrañable ollar aquel mozo que se dirixian á moza no galego estrañisimo de Pome ";E ti can eres?". Tamén habia outro no que un home bo mozo dicia: "olray". Supoño, non o sei, que aínda existen estes murais. F seguramente sería bo retratalos antes de que se perderan de todo par poñer de manifesto 0 que eu considero o seu elemento má significativo, por estar escritos en galego alá polos anos corenta. I gaiteiro era un bo galego, e seguramente inspirou aquelas frases c mesmo sentido patriótico co que o se mestre Avelino Cachafeiro adoitaba falar galego nos anos más fáciles da República. Pero tamén hai que dicir que Forcarei era, aínda na miña nenez, un recinto do monolingüismo galego, onde non se concibían as relacións sociais feitas en castelán. E por eso penso que o Salón Paraíso de Forcarei viría a desmentir a tódolos que, incorporados a galego polas modernas políticas de normalización, non paran de gabarse agora das "persecucións" que sufriron por falar galego nos anos sesenta. Porque unha cousa é que o galego fose erradicado da escola e da linguaxe impresa, e outra moi diferente que non se puidera falar o galego que en Forcarei falamos toda a vida, o mesmo que Adelino Pichel e Pomé deixaron plasmado nos seus ocorrentes murais.

4.-"OLRAY".

Outro signo de identidade do Sr. Adelino Pichel era aquel "olray" co que sempre sorprendía a cantos veciños e viaxeiros dicían algo asisado na súa presencia. O primeiro que empezou a usar a trécola do "'all right" -neste caso ben escrito- foi o señor Gumersindo, que se ben é certo que a penas chapurreaba o inglés, trouxera o hábito do "all right" metido nos mesmos miolos. Pero, tal como adoita acontecer nestes casos, mentres o Sr. Gumersindo se reinsería na fala galega e esquecia o signo americano da compracencia, o su irmán Adelino fixo del un sinal de identidade, ata acabar dotando dita expresión dunha escritura simplificada -"olray"- e dunha extraordinaria polisemia que tanto lle permitia usar a palabra para dar consentimento, para animar nun estorzo, para saudar a un amigo ou veciño, ou para substituir con vantaxe case tódalas interxeccións. En Forcarei habia dous homes -don Sabino e máis o gaiteiro de Sorribas- que saudaban aos nenos igual que pos maiores. E de feito, sen saber nada de inglés, a maioria dos nenos pensabamos que dicir "olray™era o mesmo que dici "boa tarde* ou "ata despois" o Sr. Adelino. porque eso era, supoño, o que nos quería dicir a tódalas horas

5-O GRUPO MUSICAL DE ADELINO.

Pólos anos da República, no intre en que o gaiteiro Adelino tiña máis e millor sona por toda a bisbarra de Montes, o grupo do gaiteiro de sorribas estaba integrado por Adelino, que tocaba a gaita, Xesús da Ferreira (Jesús Mariño Chamosa) que tocaba o tamboril, e meu pai, Manuel Barreiro Ouro, que tocaba o bombo. O gaiteiro era cereiro, o tamborileiro era ferreiro, e o do bombo era carpinteiro e aprendiz de reloxeiro. Cando saían a tocar lonxe, e pasaban fora o día enteiro, o do bombo gañaba catro pesetas, o tamborileiro seis, e o gaiteiro oito.

Cando Xesús da Ferreira marchou á emigración, o Sr. Adelino deulle o tamboril a meu pai e pideulle que aprendese a tocalo: "tes que te afeccionar", díxolle. E así andaba meu pai pola horta da Casa de Ábaixo tocando o tamboril polas tardes, repenicando e buscando o contrapunto, ata que Adelino estivo satisfeito. A estrea de meu pai como parroquia á que lle corresponde celebrar o Corpus Christi o propio día da festa é Dúas igrexas, e por eso aquela procesión tiña, no seu ámbito rural, unha gran solemnidade.

Dado que o oficio era irregular e mal pagado, o grupo de Adelino cambiaba con frecuencia. Aínda que meu pai tocou varios anos con el, tamén se lembra de outros tamborileiros que tocaron con Adelino, entre os que hai que citar a Pepe da Consolación, que era carpinteiro de Oficio, a Juan Rey -tamén chamado Juanito- que vivía no Salgueiro, e ao meu tío Xaime Barreiro, que máis tarde substituiría a Adelino como gaiteiro e acordeonista de sona. Entre os que tocaron o bombo con Adelino teño rexistrados, ademas de meu pai, a Manuel de Amede, a Gorecho de Armada, a Camilo Varela, o fillo de Claudina, e ao tio Xaime.

Juanito Rey, o pai de Eraminta do Salgueiro, era o tamborileiro que estaba tocando na festa de Santa Lucía de Dúas Igrexas o día que se derrubou O palco e dou coa banda de Adelino no chan. E disque foi Juanito O que, querendo significar que non pasara nada, e que podían seguir tocando, saíu de entre as táboas dicindo: "tumba o loureiro no mes de xaneiro". A Juanito Rey, que viñera da Inclusa, e gañara fama de home listo, traballador e moi honrado, atribuenselle en Forcarei moitas anécdotas e frases, xa que dedicándose ao xornal nos días que podía, tiña moita relación cos veciños de diferentes lugares. E contaba meu tío David Ouro, irmán da miña aboa, que atopándose un día de moito calor arrendando no millo, mirou Juanito cara o sol, igualiño que o Zaratustra de Nietzche, e dixo: "que Deus te anubre, Sol, aínda que se colla un ferrado de millo menos" Meu tio-avó, a quen lle estrañaba moito aquela oración, díxolle: "E despois Juanito- as vacas pacen co rabo". E o Sr. Rey contestoulle: "total, para o que eu perdo nas miñas veigas...". Juanito era caseiro e non posuía veigas, e facendo sempre gala de bo humor, tamén lle sacaba punta á súa obriga de compartir co dono das veigas que traballaba as boas e as malas colleitas.

Tamén conta meu pai que, para ir a tocar á festa das Ermidas, no concello de Pontecaldelas, sairon de Sorribas pola mañá, e foron durmir debaixo do cubertiño que ten sobre a porta principal a capela do Santo Domingo, na parroquia de Pardesoa, na ladeira Leste do Seixo. Ao día seguinte chegaron ás Ermidas e fixeron procesión, baile da saída da misa e ruada. E ao día seguinte volveron para Sorribas camiñando todo o día. O xornal foi o consabido: o do bombo catro pesetas, o tamborileiro seis, e o gaiteiro oito. Nestes casos, di meu pai, ian a mantido, e era Adelino o que se ocupaba de levar xantar para o camiño, e de buscar onde xantar e durmir no lugar da festa.

Outro día, lembra meu pai, foron a tocar a Dorna, cando estaban montando alí a fábrica da luz que subministrou electricidade a Forcarei durante tantos anos. Pero daquela Adelino xa era famoso, e contratou a festa con viaxes pagados no coche de liña. O soldo foi o de sempre, pero a sensación de modernidade e o descanso do viaxe contribuíron en moito á ledicia daquela festa no concello de Cotobade. Daquela o grupo de gaiteiros de Adelino xa vestía o traxe tradicional galego, con polainas, calzón curto, chaleco e carapucha, e tiñan sona na bisbarra de seren bos músico e mellores mozos.

6.-AS ELECCIÓNS DA FRONTE POPULAR.

A principios do ano 1936, durante a campaña electora dos comicios que gañou a Fronte Popular, tamén en Forcarei se discutía moito de política. Aínda que a ignorancia política campaba por toda España, e facía moi difícil entender as claves nas que ía a resolverse aquela contenda, na terra de Montes había unha notable inquedanza cultural e política que se nutría da revista "Alborear" e dalgunhas outras publicacións e mitins nos que participaban algúns líderes coñecidos de Forcarei e Soutelo.

E foi nesta circustancia na que se produciu un famoso debate de conclusión inesperada, entre Manuel Armada, tamén chamado "Cotelo", e Adelino Pichel. Manuel Armada, casado coa señora Matilde Canabal, era xastre, e, aínda que vivia no Cotelo, bordeado plo Lérez, tiña unha pequena xastrería na casa de Gumersindo Pichel. E alí se puxeron a discutir Adelino e Cotelo sobre as bondades e maldades dos comunistas integrados na Fronte Popular. A Cotelo parecíalle ben aquela ideoloxía que consideraba esencialmente solidaria, e o gaiteiro de Sorribas desconfiaba de quen abominaba da propiedade privada e poñía dificultades para progresar no traballo e no aforro. E así estiver. tarabelcando longo tempo, ata que Cotelo se puxo a gabar a excelencia do modelo comunista: "Ninguén posúe nada -dixo- . Porque si ti te inha cousa que eu necesito, e eu teño outra que necesitas „ cambiámolas e en paz". "Paréceme ben -dixo Adelino-. Así que nas vesperas da Festa dos Dolores virei por aquí coa gaita, e mentres eu che toco unha peza, ti fasme un traxe". E din as malas linguas que Manuel Aramada, o "Cotelo", tampouco votou á Fronte Popular.

7.- "SE NON VINDES MANDADE OS CARTOS".

Ata principios dos anos sesenta Adelino Pichel tamén foi cereiro. Sacaba cera dos seus cortizos, e mercáballe aos cregos os despoxos dos brandóns dos defuntos e das velas do altar, e despois de refundir todo aquelo, volvía a facer novas velas que revendía nas igrexas e que tiña tamén colgadas, postas á venda, na súa tenda de ultramarinos de Forcarei. Cando eu era neno aínda fun con meu pai a ver como sacaban a cera limpa pegada ao cilindro de pedra que daba voltas sobre o pilón de auga quente.

Cando abriu o Salón Paraíso, Adelino Pichel aproveitaba os seus viaxes de cereiro para facer publicidade do baile, e para invitar á xente a coñecer o seu flamante negocio. "Vinde todos -dicía-, e se non podedes vir, mandade os cartos por un veciño"

8.- UNA BANDA CON DEZ MÚSICOS MÁIS.

Naqueles tempos a calidade das bandas de música medíase polo número de músicos que tiña, e as comisións de festas de tódolos pobos esmerábanse para pedir agrupacións que luciran nos pasarrúas, encheran a procesión e se fixeran oír nos campos ateigados da festa. A lenda rural di que algunas bandas, nomeadamente a da Estrada, mandaban o número de músicos que lle pediran, e que para logralo mandaban nenos vestidos de uniforme e cos instrumentos rapados con papeis de periódico ou trapos vellos para que non desafinaran, e que tocando sempre os mesmos vintecinco ou trinta mestres, a bando podia ter corenta ou corenta e cinco músicos para lucir na procesión.

Adelino Pichel tamén formaba parte desta cultura, e por eso conta meu pai con moita gracia que o día que lle vendeu un fermoso aparato de radio a don Sabino -meu pai era correspondente da Philips e da comercial Lago y Lago S. L., da Estrada-tamén o gaiteiro foi a escoitar aquela marabilla que estaban probando diante de moitos curiosos. E despois de asentir coa cabeza pola calidade do son, e de dicir tres veces "olray" dirixiuse Adelino ao xuíz e díxolle: "ten vostede unha banda con dez músicos máis". Era, en termos de son, unha loubanza extraordinaria para aquel aparato que aínda se debe de conservar, e que era idéntico a outro que veu de proba e quedou para sempre na miña casa familiar.

9.- UN POUCO DE XENEALOXÍA FAMILIAR.

Ramón Pichel, o pai de Adelino, casara coa señora Maria Espiña, que era irmá de Gumersindo da Casanova. E Adelino casou á súa vez con Dorinda de Albina -Dorinda Barreiro-, que era filla do señor Bernardino, o mellor zoqueiro de tódolos tempos. Aínda que pouco, aínda lembro ao señor Bernardino traballando na banquilla, case sempre cantando e improvisando letras que viñan a desmentir o xenio radical que amosaba nos seus enfados. Tamén conservo unha foto na que os meus irmáns maiores e mais eu estamos calzados cuns zoquiños preciosos que facía para os nenos o Sr. Bernardino, que sabía de pes canto é necesario saber.

Dende que era pequeno sentín curiosidade por unha lápida especial, distinta de tódalas outras, que había no cemiterio do adro de Forcarei. Tan distinta era, que hoxe é a única que se conserva, feita en mármore branco e pegada en vertical na parede da igrexa á beira da porta principal. Aquel cemiterio deixouse de usar en 1931, cando se abriu o de Monte Miau, e, aínda que as lápidas ficaron alí moito tempo, toron desaparecendo despois -todas, menos esa-nas sucesivas reformas que se fixeron no adro. Un día pregunteille a meu pai quen estaba soterrado ali, naquela lápida especial que parecia dun crego ou dalgunha persoa importante. "É a sepultura da aboa do gaiteiro de Sorribas", dixome.

A familia dos Pichel, en tódalas ramas, está hoxe felizmente estendida en Forcarei

10.-A RADIOTELEFUNKEN.

Afeccionado á música e á cultura, o gaiteiro tiña na súa tenda unha radio de marca Telefunken, de gran tamaño e fermosa feitura con un dial circular e unha agulla diametral. E a min, cando era pequeno, gustábame moito aquela radio que, dado que o Sr. Adelino oía mal estaba sempre posta con elevada potencia. Cando soaba un pasodobre, ou música das orquestras de Pasadena, o gaiteiro subía o volume, non só para escoitar mellor, que tamén, senón para presumir de radio e compartir calidade.

Un día estaba ali meu pai, para entregarlle unha carta certificada, e estaba un locutor de radio falando en inglés, na onda corta, e, antes de baixarlle volume ao aparato para conversar co seu antigo tamborileiro, dixo Adelino: '"ten razón este home". Meu pai, estrañado, preguntoulle se entendía o inglés. "Non home -dixo Adelino- pero se non soubera o que di xa o terían afastado da estación". Era un adianto da hipercredibilidade mediática que aínda non soubemos superar.

11.- UN SÉCULO DE HISTORIA.

O gaiteiro de Sorribas cumpriría agora cen anos. Cen anos cheos de historia nun mundo cambiante, que veu no século XX as maiores guerras, os máis grandes inventos e a maior transformación social. Adelino Pichel asistiu a ese século prodixioso con unha viseira, un audifono, un sorriso amable e dicindo sempre "olray". E por eso non me estraña que os sus veciños de Forcarei, e moi especialmente os que temos nacido en Sorribas, queiramos convertelo nun símbolo da nosa pequena historia, ou nunha lección de como vivir en paz.

Raxó (Pontevedra), 9 de xuño de 2007
Xosé Luís Barreiro Rivas

Centenario de Adelino, gaiteiro de Sorribas (1907-1994)

Adelino Pichel Espiña, o Gaiteiro de Soribas, naceu o 1 de novembro de 1907. Cumpriría, polo tanto, 100 anos o vindeiro primero de Santos deste ano.

Segundo palabras dalgún experto da musica tradicional, Adelino era un "valioso transmisor da arte antiga da gaita".

Comezou a tocar a gaita no ano 1923, á idade de 16 anos, e naquel mesmo ano xa foi o gaiteiro da procesión do San Martiño, alentado polo párroco naquel entón, que o animou de xeito agarimoso dicíndolle: "Ti xa es gaiteiro" tempo que lle ensinaba as pezas da propia procesión relixiosa.

O feito de ser un artista popular non lle impediu tentar aprender solfeo, a través do fillo do director da banda de música de Valencia, que impartía clases de música e de calquera instrumento á mocidade de Forcarei nos anos 20. A finais desta década xa era un músico consumado e aprezado. Chegou a tocar cos Gaiteros de Soutelo, no ano 1928, e tamén coñeceu e alternou con outros grandes músicos da época coma Xan Tilve, de Campaño, Pallamallada, Os Marcelinos e Os Campaneiros.

O seu repertorio estaba integramente conformado por pezas de antes da Guerra Civil, sen contaminar polos ritmos modernos coma a rumba e outros contemporáneos. O seu xeito de tocar a gaita era, conscentemente, o xeito pechado máis ortodoxo, e tiña moi claro cal debía ser o son máis puro do ronco o das diferentes notas do punteiro, e como habia que artellar estas notas na melodía.

Adelino foi un deses homes que a xente considera importantes para a comunidade, e que a un tempo dan xogo para crear personaxes que demostran o intelecto aldeán, os verdaderos encarnadores da sabedoria popular, da verdadera escola da vida.

Tiña un criterio utilitario moi marcado: mercaba o xoral na de Basilio e volvíallo vender pola metade do prezo unha vez lido, co cal os dous facían negocio e cultura. En certa ocasión, e como fose que fixera un pouquiño de trampa ó vender unha partida de velas na provincia da Coruña, a señora a quen llas vendera dixéralle un chisco anoxada: Ai, Adelino, aquí non van os dez kilos, que van soamente nove e medio. E Adelino, que era un filósofo de mundo, contestoulle con toda a parsimonia: Non, muller; non, ti non sabes destas cousas... sonche kilos nominales, e a muller tivo que calar por non saber que lle replicar. Era o seu xeito de sair dos apuros. Son moitas as anécdotas que se contan do noso personaxe, e quizais non todas fosen certas, ou alomenos protagonizadas por el, pero si que hai unha porción delas das que se pode dar boa fe, entre as cales destaca a de "'non pican nada". Estando de conversa co seu veciño, Teodoro, un cliente do almacén que non se caracterizaba pola celeridade á hora de pagar, pediulle un saco de cemento. Adelino, apelando á súa sabida condición de xordo, replicoulle: Non pican nada... O cliente en cuestión insistía en que non quería falar de pesca, senón que viña por un saco de cemento, e Adelino seguía: Nada de nada, fun eu esta mañán e non pican nada de nada. Como o parroquiano non deixaba de insistir, Adelino seguialle o conto, e unha vez máis lle dicía: Nadiña, pero parece que se venta tormenta, e asi pode que... Cando o cliente o deu por imposible e se foi, o veciño comentoulle que en realidade non viñera falar de pesca, senón por un saco de cemento, e Adelino mirou de rollo e dixolle ó veciño: si, si, e cóbraselle ti despois ¿non é?. Outra anécdota curiosa produciuse no vello salón Paraíso, onde tantas xeracións de forcareienses bailaron a súa primera baila. Actuaban "Los Canarios" Adelino, tras prestarle un pouco de atención á súa música e vendo que non eran alá moi bos, preguntoulle ó fillo: Moncho, e estes... ¿quen son?. E Moncho respondeulle: Son Os Canarios, papá. Adelino fixo un aceno de negación reiterada e respostou: canarios serán, pero no medio ten que haber por forza algun gorrión.

Unha das máis fondas impresións que gardo eu de cativo e que lembro aínda agora en moitas ocasións é no obradoiro de cera de Adelino, co seu neto Ricardo e con Sindo do Carabinero, metendo as mans na paila de cera e sacándoas para meter despois en auga e volver á paila, nun repetido proceso que finalizaba coa cera seca sobre as nosas mans e uns exvotos feitos a un tempo que xogabamos. Non me enterei de que era gaiteiro ata moito despois, porque daquela, a finais dos anos 60, xa había tempo que deixara de tocar. Hoxe creo que foi un dos homes que axudou a que Forcarei se coñecese fóra da nosa comarca, e desexo que máis rapaces sigan o camiño de persoas coma el, coma os gaiteiro de Soutelo, coma o gaiteiro de Seoane ou coma Chano Piñeiro, porque unha comunidade non só ha estar feita de xentes que miren polo progreso material, senón tamén polo progreso espiritual, polo que nos dá una identidade distinta a outras comunidades, polo que marca a diferencia. Gloria para Adelino, e o que non veña... que mande os cartos.

Rochi

Fotografías

Na inauguración da Escola de Leboso, no ano 1928, podemos ver a Adelino tocando o acordeón cara ó fondo do público reunido na ocasión.
Revista Cotaredo, nºX - 2007

Tamén tocando o acordeón, deleitando á familia nun día 8 de Aciveiro, tralo acostumado xantar na carballeira.
Revista Cotaredo, nºX - 2007

No interior do Salón, Adelino toca o acordeón, acompañado do seu fillo Moncho á batería. Está con eles outra filla. Maruja.
Revista Cotaredo, nºX - 2007

Adelino presentando ós músicos do vello "Paraíso". Ao acordeón o seu fillo Moncho.
Revista Cotaredo, nº
II e nºX - 1999 e 2007

Tocando a gaita para os veciños na Festa dos Dolores de 1989.
Revista Cotaredo, nºX - 2007

Trío de acordeóns: Moncho, Adelino e Jesús Campos, nos anos 90.
Revista Cotaredo, nºX - 2007

Fotografía retocada onde aparece Adelino coa súa filla Aurita.
Revista Cotaredo, nºX - 2007

Coa mula que usaba nos seus desplazamentos, ano 1927.
Revista Cotaredo, nºX - 2007

Adelino Pichel e a súa filla Maruja Pichel Barreiro na inauguración da rúa de forcarei que leva o nome de Gaiteiro de Sorribas. Tamén podemos ver xunto a Adelino ao alcalde Manuel Brea.

Fotografías cedidas pola familia de Adelino.

Prensa

EL PUEBLO GALLEGO
27 de agosto de 1930
Forcarey
[...] Día 31.- Disparo de bombas al empezar el día. A las diez, harán su entrada la banda de música de "Merza" y el gaitero de Sorribas, don Adelino Picuel Espiña, que recorrerán las calles del pueblo dando escola a los "Gigantes y Cabezudos".
[...]

EL EMIGRADO
24 de abril de 1935
De Forcarey
[...] Para amenizar el acto asistió el popular acordeonista D. Adelino Pichel que cooperó al alcance de sus medios para amenidad de este acto patriótico y cultural.
[...]

PUBLICACIÓNS

Adelino Pichel e os gaiteiros de Forcarei

ADELINO PICHEL E OS GAITEIROS DE FORCAREI recolle os periplos vitais e as obras do repertorio de Adelino Pichel, o último maestro do toque pechado e da antiga forma de interpretar a gaita de fol na Terra de Montes. O libro conta con abundante documentación gráfica e coa transcrición e analise dun amplo e valioso repertório transmitido por Adelino Pichel sen olvidar tamén as principais referencias para o mundo da gaita no s.XX filiadas a Forcarei: Alfonso Ramos, Castor Cahafeiro, Jaime Barreiro, José Firvida Maduro, Manuel Cabada, Ángel Rapado, Ramiro Cortizo e Jesús campos. No CD podemos escoitar en versión orixinal unha selección de 33 gravación inéditas de Adelino Pichel realizadas entre 1984 e 1990 por Juanjo Fernández. O CD inclúe tamén dúas gravacións inéditas de outros gaiteiros do concello: Castor Cachafeiro, membro dos míticos Gaiteiros de Soutelo de Montes e Jesús Campos.

Juanjo Fernández, o autor do libro, é un profundo coñecedor da dimensión musical de Adelino Pichel e do que supón no contexto da Música Popular Galega como un referente inexcusábel da mellor tradición gaiteira pontevedresa para as novas xeración de músicos e afeizoados. Fernández compartiu inúmeras horas con Adelino e ten sido o mais destacado divulgador entre músicos e público tanto da sua figura como do seu repertório e técnica interpretativa.

Chave Mestra é unha colección de libro-disco de aCentral Folque que afonda no coñecimento de personaxes históricos do patrimonio musical e oral galego. Artistas que destacaron e ofreceron a súa personalidade, bon facer e axudaron a transmitir un coñecemento esencial do presente cultural galego. Gaiteiros, zanfoneiros, violonistas, narradores, acordeonistas… Aquí comeza unha serie de publicacións para rescatar, descubrir e divulgar, figuras indispensabeis da cultura tradicional galega. Libros de alta calidade con fotos inéditas, ensaio histórico e musical, transcrición de partituras e CDs con gravacións orixinais e inéditas en cada unha das publicacións.

Artigos relacionados