Gustaríache colaborar neste proxecto?
A figura de Benigno García Cabada, gaiteiro da Graña de Cabanelas (parroquia de Quintillán, concello de Forcarei), chegou ata nós grazas a unha noticia publicada no xornal El Pueblo Gallego o 21 de xullo de 1930. A referencia foi localizada por Rubén Troitiño no marco da súa investigación sobre os gaiteiros da comarca para esta web.
No texto publicado no xornal podemos ler o seguinte:
Forcarey
Fiestas.- Las que en honor de Corpus, San Pedro, San Antonio, la Virgen del Carmen y San Roque, que se celebraban anualmente en la inmediata parroquia de Quintillán, quedan este año reducidas a los días 29 y 30 del corriente mes de junio.
Aunque no se ha ultimado el programa, se sabe que actuarán el clásico gaitero de La Graña de Cabanelas don Benigno García Cabada, el pirotécnico de Roxos y acaso la música de Rendoiro.*
Habrá gran iluminación, pues los ingresos son los mismos y los gastos menos.
(Nota: o nome “Rendoiro” fai probabelmente referencia ao acordeonista coñecido como Randeiro.)
A referencia descríbeo como o “clásico gaitero de La Graña de Cabanelas”, o que suxire que Benigno xa contaba daquela cun certo prestixio e recoñecemento local. A súa participación nas festas do Corpus, San Pedro, San Antonio, a Virxe do Carme e San Roque en Quintillán amosa a relevancia social da gaita e dos gaiteiros na vida festiva da Terra de Montes durante o primeiro terzo do século XX.
Por agora, esta noticia constitúe a única referencia documentada en prensa sobre Benigno García Cabada. Con todo, abre unha nova liña de investigación sobre os gaiteiros da zona de Cabanelas e Quintillán, que poderían ter contribuído á transmisión do repertorio e do estilo característico da comarca.