Gustaríache colaborar neste proxecto?
El Paraíso, foi un salón de baile situado no lugar de San Miguel de Presqueiras, en Forcarei, pertencente á familia de José María Álvarez Sanmartín. Este local xogou un papel fundamental na vida social e musical da zona, reunindo veciños e músicos e converténdose nun punto de referencia para a celebración de bailes e festas. Amancio Bértolo Arén comentou que inicialmente a música era reproducida a través dunha gramola, pero despois comezaron a acudir músicos para ofrecer música en directo. Foi neste salón onde José María tivo os seus primeiros contactos coa música, ao comezar a tocar o acordeón, o que marcaría o inicio do seu camiño neste ámbito. Amancio tamén cantaba no baile, acompañado por José María. A el acudían artistas de Pontevedra para amenizar as xornadas festivas, entre os que José María lembra nomes como Randeiro, Xiraldo ou Simón.
O salón estivo aberto desde aproximadamente 1955 ata 1980. Os seus donos eran Andrés Álvarez Raposeiras, que era cego, e Emérita Sanmartín, encargada de cobrar as entradas. O seu fillo, José María, xa non recorda exactamente canto custaba a entrada.
Os bailes celebrábanse sobre todo os domingos durante os meses de inverno, cando había moita emigración na zona, xa que case todos os mozos do propio pobo e da contorna traballaban fóra para gañarse a vida. Os mozos emigrados regresaban para visitar as súas familias, e estes eventos adoitaban ter lugar entre novembro e marzo, antes de que os mozos volvesen traballar fóra. Polo tanto, a actividade do salón centrábase principalmente neses meses.
Unha das datas máis importantes era o 24 de decembro. Aínda que había misa ata preto da medianoite, o salón tiña permisos especiais para celebrar o baile de Noiteboa, converténdose nun dos eventos máis esperados do ano.