Gustaríache colaborar neste proxecto?
Alalá é unha viaxe pola esencia da música tradicional galega, explorando as súas raíces no mundo rural e o seu papel na transmisión cultural. O programa retrata músicos, asociacións e colectivos que manteñen viva esta herdanza, documentando tanto as interpretacións musicais como o contexto social e histórico que as rodea.
Desde as aldeas ata a emigración, amosa como a música galega foi conservada, reinventada e levada a novos escenarios, asegurando a súa continuidade a través do traballo de folcloristas e musicólogos.
Aquí poderás descubrir melodías ancestrais da zona, preservadas grazas á recolleita e estudo de pezas tradicionais que forman parte do noso patrimonio cultural.
No apartado Publicacións relacionadas están dispoñibles todas as gravacións do programa Alalá, incluíndo os episodios dedicados á comarca de Terra de Montes.
Programa Alalá, da Televisión de Galicia, adicado ao grupo Os diplomáticos do acordeón.
Data de emisión: 4 de abril de 2006 na Televisión de Galicia
Hoxe estamos co grupo Os diplomáticos do acordeón, unha desas agrupacións marabillosas ás que paga a pena coñecer. Formado por oito homes, oito veteranos para os que a música, mais ca un entretemento, é case un xeito de entender a vida.
Todos pertencen á Terra de Montes, desde Soutelo ata Forcarei pasando por Cachafeiro, unha comarca famosa a principios do século vinte polos gradísimos gaiteiros que lle deron fama. Pero houbo outra época, a partir dos corenta, na que as gaitas deron paso ós acordeóns, anos nos que os salóns de baile se fixeron moi populares e nos que xa se bailan outros ritmos.
Neses salóns de baile “criáronse” varios membros dos Diplomáticos que, desde moi pequeniños, tiveron a obriga de aprender a tocar un instrumento para axudar na economía familiar. Entre eles os irmáns Alberte Fírvida, bisobriños do popular Avelino Cachafeiro, que chegaron a formar un orquestra completa que tocaba no salón de baile da familia, o “Changüí”.
Tamén Moncho aprendeu a tocar o acordeón porque seu pai era o dono do “Paraíso”, un salón de Forcarei que agora lle pertence a el. Un caso semellante é o de Paco Cachafeiro, tamén ligado ó mundo do acordeón e dos salóns de baile.
No Alalá desta semana coñecéremolos a eles e ó resto dos Diplomáticos: a Jesús, un reloxeiro xubilado que, ademais de dar clase, colecciona acordeóns, de feito, xa ten mais de 130 instrumentos; a Toño, un amante da música dos sesenta que desfruta tanto da guitarra eléctrica como do acordeón; e a Joaquín, o vocalista, que canta coa mesma paixón un bolero ca unha muiñeira.
Enlace: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/os-diplomaticos-do-acordeon