As bandas de música de Cerdedo
Manuel Campos Toimil
Autor: Manuel Campos Toimil
Colaboran: José Luis Troitiño e Rubén Troitiño
Edita: A. C. Os Abrentes de Cerdedo
Colabora: Concello de Cerdedo
Ano de publicación: outubro de 2010
Idioma: galego
ISBN: 978-84-614-38-59-4
Depósito legal: C 2926-2010
Prezo: 20€
Fragmento do programa Alalá nº 108 adicado á A. C. Os Abrentes de Cerdedo.
Data de emisión: 21 de abril do 2009 na Televisión de Galicia.
As bandas de música marcaron un século enteiro da vida sociocultural de Cerdedo. No período que abrangue a segunda metade do século XIX e a primeira metade do XX funcionaron nesta vila alomenos catro bandas de música, ás veces de xeito simultáneo. Ademais, os músicos de Cerdedo mesmo fundaron bandas en outras localidades, coma Campo Lameiro ou A Cañiza. A pesares dunha historia musical tan prolífica, as referencias bibliográficas ao respecto son tan escasas que poden ser consideradas como anecdóticas. O libro “As Bandas de Música de Cerdedo” ven a encher este baleiro. Dende a “Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo”, pensamos que xa vai sendo hora de que Cerdedo comece a recoñecer que ten atrás unha historia musical impresionante. Unha historia que, a piques de ser esquecida, nunca tivo recoñecemento público dabondo. “As Bandas de Música de Cerdedo”, que verá a luz nos vindeiros meses, é o resultado de máis de cinco anos de pescudas levadas a cabo por tres compoñentes do grupo de gaiteiros “Os Abrentes de Cerdedo”.
Nesta obra, téntase reconstruir a historia das bandas cerdedenses nun apaixonante percorrido que nos leva a rememorar multitude de situacións e anécdotas. A historia das bandas é tamén a daquela xente que formaba parte delas. Así, ademais presentar a todos os directores, apórtanse datos biográficos de preto de 140 músicos que formaron parte dalgunha destas agrupacións. Todo isto ilustrado cunha gran cantidade de fotografías, a meirande parte delas con máis de 50 anos de antigüidade. Compre dicir que “As Bandas de Música de Cerdedo” é un proxecto que vai máis alá do propio libro. Nos anos de investigación recuperáronse e restauráronse algúns dos instrumentos que pertenceran ás diferentes bandas, así como parte das partituras que conformaban os seus repertorios. Trabállase ademais co propósito de recuperar algunhas das composicións para banda dos mestres cerdedenses
Que podemos atopar nesta publicación?
Esta publicación de máis de 250 páxinas divídese en 6 grandes apartados:
INTRODUCCIÓN
Algunhas claves para comprender mellor este libro
Resumo da historia das bandas cerdedenses
Cronoloxía das bandas de música de Cerdedo
BANDA DE CERDEDO
Os primeiros anos: a etapa do "Serrador
A consolidación da banda: etapa de Cambio García
Primeiros anos de esplendor: a etapa de Constantino Paz
A etapa de Manuel García
Xosé Benito García: a etapa dourada
A etapa de "Touqueira", o director estradense e a desaparición da banda
AS OUTRAS BANDAS CERDEDENSES
A Banda de Cerdeira
A Banda de Cavenca
A Banda de Xerardo Lavandeira
O REPERTORIO
Listado de partituras recuperadas
OS INSTRUMENTOS
Instrumentos de vento
Instrumentos de percusión e outros accesorios
LISTADOS DE MÚSICOS
Listado alfabético
Listado cronolóxico
Listado segundo outros autores
Presentación
O día 27 de novembro (2010) ás 19:30 celebrouse a presentación do libro “As bandas de música de Cerdedo” do autor Manuel Campos Toimil (colaboran Xosé Luís Troitiño e Rubén Troitiño) no Centro Cultural de Cerdedo (Auditorio). A este acto sumáronse unhas 120 persoas que se achegaron ao auditorio municipal.
A presentación abriuse coas palabras do presentador do acto, Roberto Vázquez e foi seguido dun video explicativo sobre o libro. O autor, Manuel Campos, falounos da súa estructura e fíxonos un pequeno esquema de tódalas bandas de música que existiron en Cerdedo. Tamén se sumaron a esta presentación algún dos músicos daquelas bandas coma Julio Durán, Pepe Varela, Pepe Iglesias, Nicolas García e Eduardo Troitiño os cales contaron en primeira persoa algunhas das vivencias daqueles tempos. Foron entregados exemplares dos libros a estos músicos por ser os informantes principais para a elaboración deste traballo. Tamén foron entregados o libro “As bandas de música de Cerdedo” a: Representante da Banda de música Unión de Campolameiro (entrega Manuel Campos) e ao “Concello de Cerdedo” (entrega Rubén Troitiño, Presidente da “Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo” e recolle o Sr. Alcalde-Presidente da Corporación Municipal de Cerdedo D. Silvestre José Balseiros Guinarte).
Esta presentación rematou coa actuación da Banda Unión Cultural de Campolameiro.