Gustaríache colaborar neste proxecto?
A Novena ao Divino Ecce-Homo, atribuída ao músico Constantino Paz, considérase perdida, mais grazas aos guións musicais deixados por Julio Durán, baseados na súa memoria da obra, é posible facerse unha idea de como soaba. Estes guións, compartidos con Manuel Campos e Rubén Troitiño, constitúen un testemuño valioso do patrimonio musical relixioso da zona de Cerdedo.
O guión transcrito inclúe varios movementos, como Ave María, Gloria Patri e Santo Dios, xunto co nome dos instrumentos encargados de interpretalos, entre eles trombón e tuba. Aínda así, permanece enigmática a existencia doutras partes da Novena e as liñas melódicas doutros instrumentos que formaban parte desta composición sacra.
Título: As bandas de música de Cerdedo
Autor: Manuel Campos Toimil
Colaboran: José Luis Troitiño e Rubén Troitiño
Edita: A. C. Os Abrentes de Cerdedo
Colabora: Concello de Cerdedo
Ano de publicación: outubro de 2010
Idioma: galego
ISBN: 978-84-614-38-59-4
Depósito legal: C 2926-2010
Prezo: 20€
[...] Pero a peza máis coñecida saída do inxenio dos músicos cerdedenses é a Novena ao Divino Ecce-Homo, atribuída xeralmente a Constantino Paz. O músico de Cabenca, Eduardo Troitiño, que ano tras ano segue a cantar esta novena co Coro Parroquial de Cerdedo, nos contaba o seguinte:
“A Novena do Ecce-Homo completa podería estar na casa vella de Touqueira. Pero un ano que tocaran os de abaixo a Novena do Ecce-Homo, foi Manolo Lavandeira facerlle unhas copias. Porque nós hoxe non cantamos o que é a novena completa, a escrita por Constantino. Antes, a Novena do Ecce-Homo, como se tocaba coa musica, cantábanse unhas estrofas e despois cantábase o Dios te Salve, o Gloria Pater a Santa María. E quedaba moi ben o baixo cando empezaba: pom, pom...pom,pom. Pero esa parte hoxe non se pode facer sen a banda. Agora sacáronlle esas partes, porque antes non había misa. Era solo a novena, que duraba moito máis.“
Aínda que algunha xente lembraba tela visto en tempos relativamente recentes, por desgraza non demos coa partitura orixinal desta novena. [...]
Aparte da Novena do Ecce‐Homo, a música relixiosa ocupaba unha parte moi importante do repertorio das bandas cerdedenses. Entre as misas interpretadas, estaba a Misa de Rebordeses, a tres voces e a Misa de Pío XXII. [...]