As Carballas

O pasado mércores 31 de maio, tivo lugar unha interesante entrevista coa informante Purificación Lavandeira Fortes, coñecida popularmente como Pura de Cabenca, en referencia ao lugar onde reside. Aínda que actualmente habita en Cabenca, é oriúnda dun pobo veciño chamado Limeres, onde pasou a súa infancia e conserva vivos os recordos das épocas pasadas da zona.  Muller do músico xa falecido Eduardo Troitiño Varela. Coa súa avanzada idade de 90 anos, Pura é unha das últimas testemuñas dos tempos antigos de Limeres.

Era a segunda filla dunha prole de cinco irmáns, sendo os seus pais María Fortes e o músico José María Lavandeira Durán, e por conseguinte, neta de Ramón José Lavandeira Limeres. Desafortunadamente, quedou orfa de nai cando era moi nova, ao redor dos 12 anos. O seu pai, ademais de músico, dedicábase ao comercio de gando, o que o levaba a viaxar frecuentemente en busca de sustento para a familia. Os irmáns maiores, entre eles Pura, e a súa tía Nieves, irmá da súa nai, asumían as tarefas do fogar e as labores do campo.

Durante a entrevista, Pura compartiu coñecementos sobre as famosas ruadas de Limeres. Aínda que tiña poucos recordos de participar nelas debido ás súas responsabilidades no fogar e no coidado dos seus irmáns pequenos, conservaba na memoria os relatos sobre estas festividades.

Entre eses recordos mencionou ás Carballas, aínda que descoñecía a orixe do nome, sinalando que xa tiña moitos anos de antigüidade. As Carballas foron varias irmás que destacaban pola súa habilidade para cantar nas ruadas. Entre as súas integrantes, lembraba os nomes de Perfeuta (Perfecta), Norata (Honorata), Esclavitú (Esclavitude), Donsinda, Divina e Carmen. Algúns destes nomes son moi particulares e dan conta da riqueza da tradición cultural da zona. Algúns membros deste grupo, como Dosinda e Perfecta, emigraron a Brasil, levando consigo as súas raíces musicais.

Divina, unha das irmás, casou con Ismael Varela Cadavid en Cabenca, formando unha unión entre a música e a tradición familiar.

Pura tamén recordaba unha das coplas que se cantaban nas ruadas, unha mostra do rico patrimonio musical que se transmitía de xeración en xeración:

Entrade mociños entrade
por esta porta pa dentro,
que vos quero preguntar
que traedes no pensamento.

Ademais, Pura mencionou a existencia de dúas irmás chamadas Carmen e Teresa Mosquera Fortes, coñecidas como as da Meana. A orixe deste nome é unha variante do nome Damiana, nai destas irmáns.

PURA DE CABENCA - INFORMANTE

Pura de Cabenca de nova.

Pura Lavandeira e o seu marido Eduardo Troitiño.

Pura de Cabenca falando das "ruadas" de Limeres.

Fotomontaxe da familia. De esquerda a dereita: Aurelio, Abel, Sara, Julia, Pura e debaixo os pais, María e José María.

Artigos relacionados