José María Sieiro Troitiño

José María Sieiro Troitiño, irmán de José Antonio Sieiro Troitiño, naceu en Cerdedo o 23 de novembro de 1901, seguiu os pasos do seu pai Manuel Sieiro Varela, tocando o bombo e os pratos. Aínda que nunca aprendeu solfeo, participaba ocasionalmente na Banda de Cerdedo ou na de Francisco Cerdeira Gil cando se dividían para tocar en varias festas no mesmo día. Ademais da banda, José María tamén formou parte durante moito tempo do grupo de gaitas dos Durán. 

Continuou tocando na Banda de Cerdedo ata a época de José Benito García Fernández. Durante aqueles anos, ocorreu unha anécdota cando foron tocar nas festas de Santa Ana, na Barcia do Seixo (A Lama). Despois de actuar nos días 24 e 25 de xullo no Santiago Apóstolo, na parroquia de Antas, un grupo de mozos liderado por José María Lavandeira Durán durmiu nos palleiros. O día 26, na Barcia, xuntouse a banda ao completo. Algúns mozos, cansos de tantos días seguidos de actuacións, divertíanse bailando, mentres os músicos máis veteranos, recén chegados de Cerdedo, encargábanse da festa. 

Algúns cerdedenses foron convidados a unha casa de mexicanos moi importantes para tomar algo. Despois do agasallo, os músicos interpretaron algunhas pezas para os anfitrións. Sen darse conta, José María Sieiro deixou as súas pegadas na parede, pois acostumaba tocar co pé apoiado nela. Xurdiu unha discusión entre os músicos, xa que algúns temían quedar mal, especialmente José María Lavandeira, que tiña relacións comerciais con xente do lugar e non quería comprometerse. As tensións foron en aumento ata que Lavandeira exclamou: "Eu retírome disto! Non quero saber máis nada!". 

José María faleceu o 8 de febreiro de 1976, aos 75 anos.

*Información obtida do libro As bandas de música de Cerdedo (Autor: Manuel Campos Toimil)

Artigos relacionados