Gustaríache colaborar neste proxecto?
A memoria viva da Terra de Montes atópase tamén nas voces que gardan as súas melodías. Entre elas destacan dúas cantigas de Nadal conservadas por Yemina Paz Iglesias (nada en Cerdedo o 8 de agosto de 1932), veciña da vila e depositaria dun valioso legado musical de transmisión oral.
Yemina é neta de Constantino Paz Gil e filla de David Paz Cachafeiro continuando así unha fonda tradición musical familiar que marcou a historia cultural de Cerdedo durante varias xeracións.
Constantino Paz Gil (1858–1941), avó de Yemina, foi unha das figuras máis destacadas da vida musical local. Gaiteiro, bombardinista e intérprete de requinto, está considerado un dos primeiros directores documentados da Banda de Música de Cerdedo, que dirixiu entre finais do século XIX e comezos do XX. O seu fillo David Paz Cachafeiro naceu en Cerdedo o 14 de xullo de 1901. Músico versátil, tocaba instrumentos como o trombón, o cornetín e o requinto, aínda que a súa especialidade foi a caixa. Ademais, cantaba nas misas e nas novenas do Ecce-Homo. Influenciado polo seu avó Manuel, interesouse tamén polo mundo da gaita, formando parte do grupo de gaitas dos Durán como tamborileiro. Faleceu o 30 de xaneiro de 1980.
As cantigas de Nadal que Yemina conserva foron aprendidas do párroco de Cerdedo Don José arredor do 1947.
No mes de decembro de 2025, estas dúas cantigas foron gravadas por Divina Fernández e Manuel Campos, membro do grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo e autor do libro As bandas de música da Cerdedo. Este labor permitiu preservar non só as melodías, senón tamén a maneira singular e persoal coa que Yemina as interpretou ao longo de máis de setenta anos, convertendo a súa voz nunha verdadeira ponte viva entre xeracións.
Das dúas cantigas conservadas, a Cantiga de Nadal nº 1 está interpretada en lingua galega, mentres que a Cantiga de Nadal nº 2 está en castelán, reflectindo a convivencia lingüística propia do repertorio relixioso e popular da época.
Yemina xunto a súa neta Iria Campos Fernández