Manuel García Beiro

Manuel García Beiro naceu en Cerdedo o 12 de novembro de 1900 e finou en 1964. Músico (requinto e bombardino) e director da Banda de Música da Cañiza.

Fotografía de Manuel García Beiro empregada no libro "As bandas de música de Cerdedo", localizada no lugar da Cañiza.

Banda de música da Cañiza - Director: Manuel García Beiro

De esquerda a dereita: Antonio Vidal, Manuel García Beiro, Francisco González ("Majito") e Manuel Corzo (o "Pedreiro") - Fotografía cedida por Félix González Gamallo

As bandas de música de Cerdedo
Manuel Campos Tomil

  • Autor: Manuel Campos Toimil

  • Colaboran: José Luis Troitiño e Rubén Troitiño

  • Edita: A. C. Os Abrentes de Cerdedo

  • Colabora: Concello de Cerdedo

  • Ano de publicación: outubro de 2010

  • Idioma: galego

  • ISBN: 978-84-614-38-59-4

  • Depósito legal: C 2926-2010

  • Prezo: 20€

*Texto: As bandas de música de Cerdedo (Autor: Manuel Campos Toimil)

Manuel García Beiro veu ao mundo en Cerdedo a piques de rematar o sé‐ culo XIX, o 12 de novembro de 1900. A súa nai, a costureira Leonor García Beiro, era filla do matrimonio formado polo serrador asturiano Francisco García e Pastoa Beiro. Leonor tivo a Manuel de solteira cando contaba 29 anos. Catro anos antes, no 1896, tivera outro fillo de solteira (foi ela a que nunca quixo casar) chamado Francisco, que tamén se iniciou na música pero pronto abandonou a aprendizaxe e non chegou a tocar na banda. Francisco, que foi mestre en Santiago, casou en 1924 con Peregrina Lorenzo Garrido, cuxa irmá Pilar tamén estivo casada con outro músico, Antonio Troitiño Beiro.

Unha brevísima biografía de Manuel García Beiro xa fora publicada por Rodríguez Fraíz, quen a propósito do músico e director cerdedense escribiu as seguintes liñas:

“García Manoel. Músico e director da banda de música, nado en Cerdedo nos derradeiros do século XIX, discípulo do mestre Ramón Lavandeira Durán.

Home de máis de meiana cultura, foi oficial do axuntamento de Cerdedo e logo do da Cañiza. Membro dende rapaz da escola e banda do devandito mestre Labandeira en Cerdedo á que logo dirixeu polos anos 1931 o 1936, acadando moi outos pulos. De ideolo xía repubricán e socialista despois do 18 de xullo do 1936 aveciñouse na Cañiza, onde fundou e dirixeu escola e banda de música de moito creto na bisbarra.”

O historiador presenta a Manuel García coma alumno da escola de Ramón Lavandeira Durán. O certo é que Manuel medrou coma músico a carón de Constantino Paz, e mantivo sempre unha boa amizade coa familia deste, especialmente co fillo de Constantino, David Paz. De tódolos xeitos, no desbotamos a posibilidade de que Manuel asistise algún ano as leccións de Ramón Lavandeira, tanto de música coma de letras en xeral, coma fixeron tamén moitos outros rapaces contemporáneos seus. O que non temos constancia é de que Manuel García tocara en ningún momento coa Banda de Música de Cavenca, como asevera Rodríguez Fraíz.

Aínda que, co tempo, Manuel sería quen de dominar máis instrumentos, en Cerdedo especializouse no requinto en no bombardino, os mesmos que o seu mestre. No 1922, trala actuación conxunta do Ecce Homo e a retirada de Constantino, Manuel foi escollido polos músicos para dirixir a banda. Entón, os músicos comezaron a ensaiar no bar que tiña na estrada de Ourense, fronte a igrexa de Cerdedo (onde tamén exercía de xastre). O certo é que, a diferenza do que sucedería anos máis tarde na Cañiza, Manuel non formou a un gran número de músicos novos en Cerdedo. Aínda así, deu sacado adiante a algúns excelentes intérpretes, entre eles o bombardino Valentín Durán, os seus propios fillos: Agustín “Tinito” e Xosé “Pucho”, o seu curmán Raimundo e algún outro. Deles falaremos nas páxinas vindeiras. Ademais, Manuel García tamén contaba na súa banda coa valiosísima colaboración de Xosé Benito García, que comezaba a despuntar coma mestre de rapaces dende a etapa de Constantino Paz.

Neses anos nos que Manuel García foi director da Banda de Cerdedo, houbo moita competencia coa banda, xa consolidada, de Francisco Cerdeira. Segundo nos contou o músico Xervasio Bugallo, ámbolos dous directores competían en coñecementos musicais, aínda que Cerdeira tiña máis capacidade coma director, o que probablemente viña dado pola experiencia (Francisco era 16 anos maior que Manuel) ao fronte da súa banda. Así nolo contaba Xervasio: “Eu lembro ben ao Sr. Manuel Beiro –por Manuel García Beiro era moi bo músico, tan bo músico coma Cerdeira, aínda que coma director non tiña tanta valía. Cerdeira tiña máis enerxía, sabedoría, inxenio. Por aquel entonces había tamén unha banda moi boa na Lama, que tiña un direc tor moi bo que non tocaba. Pero Manuel García seguiu tocando un instrumento como tocaba con Paz e así perdía moito a banda.”

No medio desa rivalidade entrámbalas dúas bandas, os músicos de Manuel aproveitaban a taberna que en Cerdedo rexentaba o seu director para “gañar” para a súa formación aos que consideraban mellores músicos da banda rival (ben é certo que non foi esa a única época na que se deu esta situación entre as diferentes agrupacións de Cerdedo, pero neses anos ocorreu dun xeito máis acentuado o paso de músicos entre unha e outra formación).

Así e todo, o certo é que Manuel García demostrou co tempo ser home de gran valía en practicamente tódolos retos que se marcou na vida. Segundo escribira Rodríguez Fraíz, Manuel García era un home cun máis que aceptable nivel cultural. Ademais, tiña ideoloxía socialista e fondamente republicana. En Cerdedo chegou a ocupar o cargo de “escribinte” (secretario) no Concello de Cerdedo. No ano 1934 (e non despois do 18 de xullo do 1936 como escribira Rodríguez Fraíz), Manuel García foi destinado a ocupar o posto de secretario no Concello de A Cañiza.

Como xa referimos no apartado 2.3.4, nos anos difíciles da represión franquista, Manuel recibiu a oportuna visita do seu amigo David Paz. Este episodio tamén foi lembrado polo recentemente falecido Antonio Varela: “Manuel García estaba xa alá na Cañiza cando a guerra. Foi David Paz alá a avisalo porque el tamén se metera algo na política coma todos, e polo que se enterou tiña medo que lle pasara algo e atravesou a andar o Seixo para alá.” O historiador Dionisio Pereira escribiu, na súa obra sobre os represaliados na Guerra Civil en Cerdedo, o seguinte texto: “Manuel García, de Cerdedo, tivo que se refuxiar na Cañiza.”

Ao igual que fixera anos atrás Bernardino Cachafeiro en Campo Lameiro, Manuel García tamén foi quen de por en marcha unha banda de música na Cañiza, á que chamou “Aurora Cañicense” aínda que a súa tarefa se vería dificultada polo inminente comezo da Guerra Civil. Nas indicacións que da banda da Cañiza que fai Enrique Alvarellos, destacamos o seguinte parágrafo:

“En la villa pontevedresa (A Cañiza), no lejana a la comarca de Ponteareas, rica en músicos, fundó una banda de música un funcionario municipal, procedente de Baiona. Él había nacido en Cerdedo, y en su villa natal estudió música en la banda de la localidad. Su nombre era Manuel García Beiro, y en el año 1934, puso en marcha la banda de A Cañiza. Con la llegada de la guerra, A Cañiza quedó sin banda, hasta que, en 1941, regresa Manuel y la reorganiza. Duró entonces hasta el año 1954. No tuvo más directores que García Beiro, que tocaba muy bien el bombardino, pero en su banda, tan sólo llevaba la batuta... Llegaron a ser 32, y se desintegraron no mucho antes del fallecimiento de Manuel García.”

O de procedente de Baiona ven dado porque esa era a terra da súa muller, Umbilina Villafinos González, da parroquia de Sabarís, a quen coñecera cando residía na casa duns familiares en Cerdedo.

Ao falar da Banda de Arbo (1874‐1950), Alvarellos fai referencia a un director desta formación chamado Manuel García e alcumado “Batuta”. Non sabemos se se trata do mesmo músico cerdedense, pero parece bastante probable que Manuel tivese participado tamén unha tempada na banda desa vila veciña da Cañiza.

Por outra banda, lembremos que Xervasio Bugallo vía coma pouco vistoso o feito de que un director tocase un instrumento ao tempo que dirixía (ver apartado 2.3.3). O certo é que Manuel mudou de actitude cando fundou a Banda da Cañiza, xa que alí nunca tocou un instrumento mentres dirixía, coma indica o anterior texto de Alvarellos e como tamén lembra a súa filla Marita: “Meu pai foi destinado á Cañiza, ao Concello. Entón alí botaba as tarde de domingo ensaiando. Tería desa 30 e tantos anos. Meu pai naceu xusto có século. Debía ser un bo trombonista, aínda que eu non o sabía. Sabía que era o director. Os ensaios eran na Casa do Concello que esta ba do lado da nosa casa. Deixáranlles unha habitación e alí el formou unha banda con rapazada de por alí. Pero eu ao meu pai nunca lle oín tocar ningún instrumento. O mellor, nos ensaios, facíalle algunha advertencia a alguén, pero nunca o escoitei tocar a el solo. Aos meus irmáns si, pero a el sempre o coñecín de director.”

Cando se desfixo a banda da Cañiza, os mellores músicos xa acordaran facer unha orquestra, que despois funcionou moitísimo tempo naquela vila. Foi na época da decadencia das bandas e o nacemento das orquestras. Catro anos despois da desaparición da Banda da Cañiza, un documento datado en febreiro de 1958, da fe da compra dos instrumentos pola Banda Provincial de la Diputación de Guadalajara. Pódese comprobar que nese contrato aínda figura Manuel García coma Director‐Presidente da Agrupación Musical Aurora Cañicense.

Na Cañiza Manuel García tamén se adicou a outras moitas actividades diferentes. En palabras da súa filla: “Foi un home extraordinario. Tíñao todo. Era moi simpático, moi preparado (autodidacta). Guapo. Cantaba ben. Gustáballe levar a banda ben traxeada, ben coidada a marcha. Como pai foi tamén estupendo. Como home doulle a todo. Levaba todo o Concello como primeiro oficial. Levou unha axencia de seguros, sendo homenaxeado varias veces na Coruña por ser o axente que máis pólizas fixera. Tiña moi bo rato persoal. Era alegre, observador. Tiña moitas máquinas de fotos (tamén foi fotógrafo) e tamén debía ter unha boa colección de fotos. Pero deixara as cámaras en casa de un tal Amalio. Cando ese señor morreu, meu pai non se atreveu a ir alí a pedirlle todo. A xente (da banda da Cañiza) non era de alí, eran de moitos quilómetros. Lémbrome dun de alí que tocaba a caixa, pero o resto viñan de fora. Unha labor social enorme.” Á parte do entusiasmo e admiración que se desprenden, loxicamente, das palabras da súa filla, queda claro que Manuel era un home polifacético e entusiasta naquelas tarefas que se propuña. Nunha ocasión, a finais da década do 1940, Manuel presentouse a uns exames en Valencia para directores de banda e segundo nos contou Marita García: “Meu pai sacou o número 1, e cando veu de volta o primeiro que nos dixo era si queriamos ir vivir a Valencia, pero logo decidimos non ir”.

Ademais, Manuel García era un home moi ben relacionado socialmente, e non soamente polo seu traballo: a súa casa, sita a carón da casa do Concello de A Cañiza, funcionou de pensión rexentada pola súa muller (contribuíndo a economía familiar, xa que daquela o salario dun escribinte de concello no era ningunha marabilla), e nela paraban normalmente persoeiros con certa relevancia social: xuíces, notarios, rexistradores, posto que A Cañiza era cabeza de partido xudicial.

A pesares de que Alvarellos escribiu que os músicos da banda da Cañiza “viajaban normalmente en el coche de San Fernando”, para os desprazamentos a Aurora Cañicense utilizaba con frecuencia o coche de Xosé Caramés Cadavid, tamén oriúndo de Cerdedo, que tiña unha empresa de transportes.

Manuel García faleceu no 1970, aos 69 anos, tras unha penosa e longa enfermidade que o tivo completamente apartado de calquera actividade os seus derradeiros 5 anos de vida.

Calros Solla escribeu...

Manuel García Beiro, o cerdedés que foi coa música para A Cañiza

Elegante, carismático, autodidacta, director de banda, multinstrumentista, cantante, alfaiate, escribente municipal, axente de seguros, hostaleiro, xornalista, sindicalista, fotógrafo afeccionado e político republicano.

Manuel García Beiro naceu en Cerdedo o 12 de novembro de 1900. Como alumno avantaxado do director de banda Constantino Paz, especializouse no tanxer do requinto e do bombardino. Amais de músico dotado para o canto, Manuel García Beiro exerceu en Cerdedo de alfaiate e rexentou o establecemento “Café-Bar”, sito á beira da estrada xeral, de face á igrexa parroquial. Cando Constantino Paz colgou a batuta (1922), García Beiro tomou o relevo, póndose á fronte da agrupación bandística por aclamación dos seus compoñentes. A banda de Manuel García aproveitaba o local do “Café-Bar” para ensaiar o seu repertorio, trabando estreita competencia coa dirixida (dende 1910) por Francisco Cerdeira Gil. A rivalidade García-Cerdeira substanciouse no musical, mais tamén no ideolóxico: García era un home de esquerdas e Cerdeira, un representante da vella dereita.

Na prensa histórica, a primeira referencia sobre García Beiro atopámola no xornal bonaerense Correo de Galicia do 21 de abril de 1929. O periódico da quinta provincia informa que a “Banda Popular”, dirixida por García Beiro, amenizara os actos de inauguración do novo campo da feira de Cerdedo. O mercado abandonaba os afastados predios de San Xoán, para se instalar, na capital, nas inmediacións da igrexa.

El Pueblo Gallego do 14 de xaneiro de 1930, baixo o epígrafe “Cerdedo. Una boda”, publica que García Beiro asiste ao casamento do seu íntimo Francisco Varela Garrido con Teresa Sanmartín Lois, asinando como testemuña na acta matrimonial. Un ano despois, xa instaurada a II República, sabemos polo mesmo xornal (30-5-1931) que Manuel García Beiro integraba a agrupación local do Partido Republicano Radical Socialista, sendo elixido, a canda Francisco Varela Garrido, candidatos a fiscal e xuíz (respec.) da xustiza municipal.

Manuel García Beiro, home culto e de ideas avanzadas, comprometeuse coa implantación en Cerdedo do novo ideario republicano. Como se explica no libro Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo (2016), nas municipais do 12 de abril de 1931 o electorado cerdedés non acudiu a votar. O proceso electoral deu comezo o 5 de abril coa constitución da Xunta municipal do Censo, a proclamación de candidaturas e a aplicación do artigo 29 da Lei Electoral de 1907, xa que, segundo a lexislación, nas localidades nas que só se presentase unha candidatura, esta sería proclamada electa sen necesidade de que o pobo o referendase nas urnas. A candidatura proclamada en Cerdedo compúñase de once concelleiros da coalición agrario-republicana e dous monárquicos.

Co obxectivo de “republicanizar” os concellos rurais, expurgando das corporacións a rémora monárquica e caciquil, Miguel Maura, ministro da Gobernación, adoptou as medidas oportunas (Decreto de 13 de maio de 1931). O 31 de maio de 1931, repetiríanse en Cerdedo as eleccións municipais. O 24 de maio, constituíuse de novo a Xunta municipal do Censo. Desta, os trece candidatos presentados polo Partido Republicano Radical Socialista foron proclamados polo artigo 29 e, xa que logo, tampouco houbo necesidade de acudir ás urnas. Os radicalsocialistas, liderados por Antonio Sueiro Cadavide, faranse coa alcaldía de Cerdedo. Os inapelábeis resultados colleitados polo PRRS nas eleccións municipais do 31 de maio de 1931, malia as manobras do caciquismo, propiciaron o cambio de rumbo no goberno cerdedés.

En El Pueblo Gallego do venres 12 de xuño de 1931, atopamos a nova do nomeamento de Antonio Sueiro Cadavide como alcalde de Cerdedo e dos máis cargos do seu equipo de goberno: Cerdedo. De elecciones.- Se celebraron en este ayuntamiento para concejales, habiendo sido elegidos los trece candidatos que presentó el Centro Republicano Radical Socialista, tomando posesión de la forma siguiente: alcalde, don Antonio Sueiro Cadavid; primer teniente de alcalde, don Luciano García Ventín; segundo, don Manuel Gamallo Bugallo; tercero, don Silvestre Mariño Armada, y síndico, don Francisco Viéitez Viéitez. Para la Justicia municipal también fueron designados cuatro representantes del Centro anteriormente dicho. Entre os catro aludidos, figuraban Francisco Varela Garrido (xuíz municipal) e Manuel García Beiro (fiscal). Manuel García atinxirá o cargo de secretario (escribente) na nova corporación.

O 14 de abril de 1932, primeiro aniversario da proclamación da II República, a banda de música de García e a de Cerdeira percorreron as rúas de Cerdedo, esparexendo coma nabiña fusas e corcheas. Á luz do publicado por el El Pueblo Gallego (20-4-1932), intuímos que só a banda de García desfilou tras a bandeira tricolor, nunha procesión cívica protagonizada polo alumnado e profesorado das escolas cerdedesas. Tempos aqueles!

En 1934, tras a chamada Revolución de Outubro (ou folga xeral revolucionaria), a corporación cerdedesa de esquerdas, presidida por Antonio Sueiro Cadavide, é desmantelada polo Goberno Civil. Antonio Sueiro, Francisco Varela Garrido e Xosé Torres Paz (entre outros) son detidos pola Garda Civil, trasladados á prisión de Pontevedra (no sitio do actual edificio da Audiencia Provincial), procesados e, finalmente, encarcerados. Imputóuselles promover un movemento subversivo en Cerdedo, montar unha barricada na estrada de Ourense (km 624), nas inmediacións de Pedre, e seren instigadores dunha suposta tentativa de asalto ao cuartel da Garda Civil. O alcalde Antonio Sueiro tamén sería acusado de negarse a publicar o bando declarando o estado de guerra. Após a lectura atenta do proceso, dexérgase que a dereita local aproveitou a excepcionalidade para, magnificando o acontecido, chimpar a esquerda do poder (en Así aprenderán a non ter ideas..., páxs. 256-7).

Unha Comisión Xestora, integrada polos prebostes do caciquismo, volve coller as rendas de Cerdedo e aplica sen demora a substitución de cargos.

O 27 de xuño de 1933, Francisco Cerdeira obtiña, supostamente, da alcaldía o certificado de director da banda municipal. Á vista dos acontecementos políticos e desgustado polo agravio comparativo, Manuel García Beiro abandona Cerdedo a finais do ano 1934 e avecíñase na Cañiza, ocupando o cargo de primeiro oficial (escribente) naquel municipio.

Dous anos despois, na edición do 16 de outubro de 1935 de El Pueblo Gallego, lemos que, de véspera, se presentara ao público a Banda de Música da Cañiza, dirixida polo cerdedés Manuel García Beiro. A nova agrupación bandística coñecerase co nome de Aurora Cañicense. Na prensa, as mencións aos méritos e ás actuacións da agrupación son frecuentes dende 1948 até 1954 (El Pueblo Gallego).

Malia a distancia, Manuel García non esquece Cerdedo nin as amizades cerdedesas. Coa vitoria da Fronte Popular nas eleccións xerais de febreiro de 1936, García remítelle o día 21 de febreiro unha carta ao seu camarada Francisco Varela Garrido: Amigo Varela: Salud y República roja. Esperaba tener noticias del resultado de Cerdedo por el periódico, pero como nada dice, por eso resuelvo escribirte estas letras para que me cuentes algo de los resultados obtenidos en las elecciones del domingo (día 16). Supongo que cuando recibas ésta ya estará posesionado el Bloque en el Ayuntamiento, y a mí se me ocurre el decirte que no sea lo de la otra vez; sin escrúpulos de ninguna clase debéis desposeer a toda esa canalla de los privilegios de que siempre gozaron, pues habiendo en nuestro compo individuos aptos y necesitados, es un deber el que se tengan en cuenta.

O papel activo desenvolvido polo carismático Manuel García na corporación republicana de Cerdedo colocouno no punto de mira dos falanxistas locais, que, após o golpe de Estado de xullo de 1936, mesmo maquinaron desprazarse á Cañiza para liquidalo. O tamén músico e camarada David Paz Cachafeiro, fillo do director de banda Constantino Paz, arrostrou o perigo e plantouse na Cañiza para advertir o seu amigo das intencións da canalla fascista. Manuel García salvou a vida, mais, ter a morte aos ollos, fixo que modulase (ou disimulase) as súas conviccións ideolóxicas.

No ano 1951, García Beiro figura como delegado sindical comarcal e correspondente da Obra Sindical “Previsión Social”. O correspondente de El Pueblo Gallego (3-3-1951) gaba o labor do cerdedés, co gallo da entrega na Cañiza de “más de 575.000 pesetas a los ancianos del municipio”: Nuestra enhorabuena ... por la fructífera labor que viene realizando, digna del mayor encomio, y que continúe prodigando esta clase de ayuda a quienes tanto la necesitan y que con tanto agradecimiento recogen.

Pola Hoja Oficial del Lunes (6-8-1956), sabemos que Manuel García Beiro era axente para A Cañiza dos Seguros Galicia. Amais da representación da aseguradora e o emprego de oficial do concello, Manuel e a súa dona Umbelina Villafines González rexentaron unha pensión, sita nas inmediacións da casa consistorial.

No vespertino La Noche (3-1-1959), lemos a nova do casamento na Cañiza de María García Villafines, filla de Manuel e de Umbelina, co avogado Carlos Camba Souto. O banquete celebrouse nos salóns do Hotel Reveca, referente da hostalaría na comarca.

O 4 de xuño de 1959, Manuel García Beiro, en calidade de sindicalista e correspondente na Cañiza do xornal El Pueblo Gallego (c. 1955), advirte as comisións de festas dos concellos da Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente que, a partir desa data, todo grupo musical, de cualquier naturaleza, está sujeto a suscribir el correspondiente contrato laboral, con los salarios base que se indican a continuación...

En El Pueblo Gallego do 6 decembro de 1960, García Beiro informa que os afeccionados ao balompé puideron seguir por televisión, nas dependencias do Hotel Reveca, as incidencias do partido de Copa de Europa que enfrontou os húngaros do Újpest e os portugueses do Benfica: Todos cuantos nos han visitado se marcharon entusiasmados y envidiando el privilegio que La Cañiza tiene al gozar de tan extrordinario avance científico.

Enfermo de cancro, Manuel García Beiro falece en 1964, aos 63 anos de idade. Cumpríndose o primeiro cabodano da súa morte, El Pueblo Gallego (23-3-1965) lembra a figura do que fora oficial maior do concello da Cañiza e o seu correspondente informativo: Todavía está patente el cariño en que se le tenía por sus excelentes dotes personales, que le hacían granjearse la simpatía y admiración de cuantos le trataban.

Elegante, carismático, autodidacta, director de banda, multinstrumentista, cantante, alfaiate, escribente municipal, axente de seguros, hostaleiro, xornalista, sindicalista, fotógrafo afeccionado e político republicano. O polifacético Manuel García Beiro, a canda Antonio Sueiro Cadavide, Francisco Varela Garrido, Xosé Otero Espasandín, Xosé Torres Paz, Martiño Ferreiro Álvarez, Xosé Paz Cachafeiro..., son exemplos do Cerdedo ilustrado, progresista, emprendedor e vital dos anos 30. Os fascistas de Cerdedo asasináronos ou obrigáronos a calar ou a exiliarse. O seu baleiro foi enchido de políticos retrógrados, fatuos e incapaces, que disimularon a súa mediocridade con autoritarismo. Xaora, o desaparecido concello de Cerdedo comezou a esvaerse en xullo de 1936.

Bandas de música de Galicia
Enrique Iglesias Alvarellos

  • Autor: Enrique Iglesias Alvarellos

  • Editores: Lugo - Alvarellos, 1986

  • Ano de publicación: 1986

  • País: España

  • Idioma: español

  • ISBN: 84-85311-64-7

CAÑIZA, A

(1.934-1.954)

En plena carretera nacional Vigo-Madrid, en el límite de las provincias de Pontevedra y Orense, está A Cañiza, un pueblo de montaña, famoso por sus buenos jamones. Limita también con el municipio de Crecente.

En la villa pontevedresa, no lejana a la comarca de Ponteareas, rica en músicos, fundó la banda de música un funcionario municipal, procedente de Baiona. El había nacido en Cerdedo, y en su villa natal estudió música en la banda de la localidad. Su nombre era Manuel García Beiro, y en el año 1.934, puso en marcha la banda de A Cañiza. Con la llegada de la guerra, A Cañiza quedó sin banda, hasta que, en 1.941, regresa Manuel, y la reorganiza. Duró entonces hasta el año 1.954. No tuvo más directores que García Beiro, que tocaba muy bien el bombardino, pero en su banda, tan sólo llevaba la batuta.

Requinto: Tomás Fidalgo.
Clarinete: José Fidalgo/ Rogelio Mojón Vázquez/ O Caixista.
Fliscorno: Antonio Lorenzo Mojón/ Agustín (Tinito).
Saxo alto: José García Villafinos (o Pucho)/ O Fidalgo.
Trombón:
Ramón Pemán Teixeira.
Bombardino: José Mojón Vázquez/ José de Juan.
Bajo: Ramón Mojón Vázquez/ Antonio López.
Bombo: Jesús do Couto (Saposito)/ Tafulas.
Caja: Carreirola/ Pepe do Couto.

Llegaron a ser 32, y se desintegraron no mucho antes del fallecimiento de Manuel García. Salieron por las provincias de Lugo y Orense. Casi siempre llevaban pan y jamón, pues contrataban las fiestas a seco. El vino lo compraban in situ. Viajaban normalmente en el coche de San Fernando.

En la villa de A Cañiza hablan de la banda los ancianos, pero nos costó nuestro trabajo reunir datos, y, desde luego, el conseguir una fotografía, nos ha resultado imposible. Resulta curioso observar cómo en muchos domicilios existen fotografías de bandas de otros lugares, y ninguna de la de su pueblo.

Prensa

El pueblo gallego
14/01/1930

El pueblo gallego
30/05/1931

El pueblo gallego
16/10/1935

El pueblo gallego
03/11/1936

El pueblo gallego
03/03/1951

Hoja oficial del lunes
06/08/1956

El pueblo gallego
06/12/1957

El pueblo gallego
26/10/1958

La noche
03/01/1959

El pueblo gallego
04/06/1959

El pueblo gallego
20/02/1960

El pueblo gallego
02/11/1960

El pueblo gallego
03/11/1960

El pueblo gallego
18/11/1961

El pueblo gallego
07/03/1963

El pueblo gallego
20/11/1963

El pueblo gallego
23/03/1965

Artigos relacionados