Mulleres forcaricenses

Campaña "Mulleres forcaricenses" do Concello de Forcarei para dar visibilidade e recoñecemento a 15 de mulleres veciñas do municipio que destacaron ou destacan polo seu empoderamento, traballo e esforzo. 

Asesoramento na información: Rubén Troitiño

Andrea/Andresa Cachafeiro Viéitez

Primeira tocadora de Pandeiro documentada na Terra de Montes

A data de nacemento de Andrea Cachafeiro sitúase arredor de 1835-1840.

Andrea Cachafeiro era do lugar do Outeiro de Sanguñedo, preto de Soutelo de Montes, na Parroquia de Santa María Magdalena pertencente ao Concello de Forcarei.

Irmá de Juan Cachafeiro Viéitez, o avó de Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo, e dos seus irmáns Bautista e Víctor Castor.

No estudado ata agora, diferentes documentos da época, datados do 1927, constatan que Andrea, ou tamén chamada Andresa, representaba o "tipo feminino da raza celta" (muller que mostra o que sabe facer cun instrumento).

Andrea foi unha extraordinaria tocadora de pandeiro, cantadora e bailadora dos aires da Terra de Montes. É moi posible que tocase o pandeiro arrastrando a tradición da nai ou dos seus veciñ@s.

Dedicábase como todas as mulleres da súa época á labranza, a ir co gando e á compravenda de alimentación.

Non se conserva fotografía desta muller nin tampouco ningún instrumento. Houbo un mural que desapareceu pintado por Avelino Cachafeiro no que saía unha fotografía coa imaxe de dúas mulleres no bar do gaiteiro de Soutelo.

Avelino Alberte comentou " que unha podería ser a súa tía Andresa" mais parecen fotos chegadas de América, da xira dos gaiteiros e quizais foran mulleres que tocaban con eles nesa viaxe.

Represéntase a Andrea cunha sombra que mostra a imaxe dunha muller en representación de tantas mulleres anónimas que mantiveron viva a tradición oral dando así voz a todas elas para que nesa sociedade machista que viviron non queden no limbo da memoria.

Era a muller quen traballaba nas terras, co gando e na casa cos fillos e os maiores e tamén a que para socializar organizaba as coñecidas xuntanzas chamadas ruadas.

As ruadas eran festas moi habituais en Terra de Montes que se facían en cada aldea no baixo dunha casa ou nunha corte.

As mulleres logo de traballar no campo retiraban os aparellos de labranza, limpaban e arrombaban o local para preparalo para facer música, cantar e bailar, tocaban o pandeiro, a pandeireta e tamén algunha tixola.

Andrea tamén foi coñecida polos seus responsos e por ser unha eficiente sanadora segundo aparece no libro biográfico de Avelino Cachafeiro escrito por Xosé Manuel Rivas Troitiño titulado "O gaiteiro de Soutelo".

Artigos relacionados